XOSÉ A. GACIÑO

Incompetencia, ridículo e cinismo - Xosé A. Gaciño

Xosé A. Gaciño
Cando subiu o IVE, o ano pasado, o ministro de Facenda comentou que o imposto sobre o valor engadido se paga pouco en España, e que, se o pagasen todos os que o deben pagar, non faría falta subilo. Toda unha demostración de incompetencia ministerial: en vez de perseguir aos defraudadores, aumentar a cota dos contribuíntes que cumpren coas súa obrigacións fiscais.

Outra vez, cando lle interpelaron no parlamento en relación cos informes anónimos que acusaban ao presidente catalán Mas e á familia do ex presidente catalán Pujol de sacar diñeiro de España de xeito irregular, contestaba con ironía que os que tiñan que dar explicacións eran os que tiñan contas en Suíza. Isto era antes de descubrirse que o ex tesoureiro do PP tiña 22 millóns de euros nunha conta no país helvético, fortuna amasada nos tempos nos que manexaba os diñeiros do partido actualmente no goberno: desde que transcenderon as andanzas financeiras de Bárcenas, Montoro non volveu utilizar a ironía sobre as contas en bancos suízos.


Agora, como reacción ridícula contra as críticas que se deslizaron na gala de entrega dos premios Goya do cine español, acusa, xenericamente, a algúns dos actores españois famosos de non pagar os seus impostos en España. Como no caso anterior, aproveita para engadir que, se eses actores pagasen aquí, as bases impoñíbeis e a recadación serían máis amplas (outra vez o castigo aos que cumpren, mentres os defraudadores seguen libres, a pesar de que o ministro, polo que di, debe de saber quen son os que defraudan).


Hai que desenvolver un certo nivel de cinismo para facer ese tipo de insinuacións, no medio da lameira na que se move o partido do goberno, e facelas desde o posto de ministro de Facenda. A interpelación é simple e directa: se ten coñecemento dese tipo de fraudes, a súa obrigación é perseguilos, antes de lanzalos como armas de insinuación masiva. E se non os persegue, unha de dúas: ou acusa en falso e sen probas ou é cómplice dos fraudes.


Seguramente que hai actores que defraudan ou que teñen o seu domicilio fiscal fora de España (isto último non é necesariamente delito, sempre que se cumpran as condicións de domicilio real), como hai deportistas, cantantes, banqueiros e ate tesoureiros do Partido Popular, pero nada diso invalida o dereito de calquera actor, deportista e ate banqueiro a expresar as súas opinións críticas sobre as actuacións do goberno.



E se a Maribel Verdú se lle critica que lamente agora os desafiuzamentos porque noutro tempo fixo publicidade de préstamos hipotecarios, cánto temos que criticar a Montoro e ao resto do goberno (Rajoy en primeiro lugar) por cumprir nestes momentos iso que chaman o seu “deber” despois de ter despregado no seu día unha propaganda electoral en sentido totalmente contrario.

 

 

Alternativas viábeis fronte a unha lei hipotecaria inxusta - Xosé A. Gaciño


Non é só un problema social: é tamén, e sobre todo, unha estafa xeneralizada, da que se beneficiaron abusivamente entidades financeiras, notarios e administracións públicas, e cando a crise –causada polos especuladores financeiros– fai estoupar a burbulla inmobiliaria, todas as responsabilidades fanse recaer sobre a parte máis vulnerábel, sobre a cidadanía que necesitaba acceder a un ben de primeira necesidade e apenas tiña outra opción que a compra da vivenda, ante un mercado de alugamento desregulado e, en consecuencia, inestábel, caro, en mal estado. España é o país europeo con máis desafiuzamentos e, ao tempo, o país que máis vivendas baleiras acumula: máis dun millón están agora en poder dos bancos, que parecen esperar a volta do ciclo especulativo.

Máis de catrocentos mil desafiuzamentos leváronse a cabo en España en catro anos. As persoas afectadas son arroxadas do sistema, sen casa e endebedadas de por vida, condenadas á economía somerxida para eludir o embargo do seu soldo. Os grandes delitos financeiros, os delitos de corrupción e a defraudación fiscal prescriben moi pronto: as únicas débedas a perpetuidade son as contraídas polas familias para acceder a un ben de primeira necesidade. E por enriba, un desafiuzamento está considerado como unha transmisión patrimonial, como se fose unha operación de compra-venta, é dicir que o desafiuzado, ademais de quedar sen casa e endebedado co banco, ten que tributar a Facenda e a plusvalía municipal como se tivese feito un negocio.

Os banqueiros claman contra a posibilidade da dación en pago, porque din que admitir que non se pague unha débeda crearía inseguridade xurídica, pero ás inmobiliarias fanlle quitas de máis do cincuenta por cento, e a determinados partidos políticos condónanlle as débedas e eles mesmos, os bancos, deben nestes momentos, como mínimo, un total de 250 millóns en cotas de comunidades de veciños. En Estados Unidos está regulada a dación en pago e en toda Europa hai mecanismos de segunda oportunidade. En Italia e Grecia hai nestes momentos unha moratoria de desafiuzamentos.

Estou a facer un pálido resumo da comparecencia de Ada Colau, representante da Plataforma de Afectados pola Hipoteca, ante a Comisión de Economía do Congreso, en relación co proxecto de lei sobre medidas urxentes para reforzar a protección aos debedores hipotecarios, en desenvolvemento do decreto lei de novembro pasado. E digo pálido porque non son capaz de reproducir por escrito a forza de convicción desta muller, que me recordou en certo sentido a comparecencia de Pilar Manjón ante a comisión de investigación do 11-M, como exemplos de testemuñas exemplares da sociedade civil que colocan a crúa realidade ante os políticos que se enredan nas súas liortas partidistas e esquecen con demasiada frecuencia as verdadeiras preocupacións dos cidadáns. Mellor poden escoitala directamente neste enlace:
http://www.congreso.es/portal/page/portal/Congreso/GenericPopUp?next_page=/wc/verEmisionAudiovisual&idOrgano=306&idSesion=23&fecha=05/02/2013&secuencia=534495&legislatura=10

Os obxectivos mínimos e urxentes desta plataforma, expostos na comparecencia de Ada Colau e na iniciativa lexislativa popular, firmada por máis dun millón de cidadáns e cuxa admisión a trámite vaise debater o martes 12, son moi claros e perfectamente viábeis, se hai vontade política e independencia fronte a presión das entidades financeiras: dación en pago con efectos retroactivos, moratoria de todos os desafiuzamentos de vivenda habitual de debedores de boa fe (os de insolvencia sobrevida pola falta de traballo, por exemplo), parque de vivendas de alugamento social (un 30 por cento dos ingresos da unidade familiar, segundo recomendacións das Nacións Unidas) e regulación das cláusulas abusivas que provocan o sobreendebedamento.

Pode que se pasase chamando criminal a un representante da banca que lle precedeu na comparecencia, pero xa me gustaría atopar, nunha candidatura electoral pola que puidese votar, a un político coa mesma claridade de ideas e a mesma enerxía que esta muller que non é importante, como ela di, pero que transmite a protesta pacífica, pero firme, dun colectivo especialmente castigado polas especulacións do sistema.

 

Corrupción con consecuencias limitadas - Xosé A. Gaciño



 Xosé A. Gaciño
Convén ser moi cautos no medio desta treboada de corrupción sistémica que nos invade para que, cando escampe, a frustración non sexa total. Pode, por outra parte, que non deixe de chover,  con casos de maior ou menor contía, dun ou doutro partido, de maneira que a máxima gravidade vaia diluíndose na sucesión de gravidades máis moderadas, contribuíndo a acalar a gran indignación momentánea na opinión pública (que, de todas formas, tampouco produce mobilizacións visíbeis), dentro da perigosa tendencia a considerar naturais ou inevitábeis todas esas prácticas delituosas.

Por suposto, hai que recordar que o que ven de circular estes días, nas informacións dos dous xornais españois de maior difusión, non pasa de ser indicios que, de momento, nin sequera son obxecto de investigación xudicial, entre outras cousas porque a maior parte das supostas irregularidades recollidas nesas informacións xa estarían prescritas. Mesmo pode darse o paradoxo de que os primeiros movementos legais sexan contra un dos xornais (o que, até agora, non é considerado afín ao partido afectado) e non contra os posíbeis infractores das normas tributarias e das de financiamento dos partidos políticos, o mesmo paradoxo que se produciu cando a primeira sentencia relacionada co caso Gürtel recaeu sobre o primeiro xuíz instrutor.

Naturalmente, a cuestión principal estriba na autenticidade dos documentos publicados e, sobre todo, na posibilidade de demostrar que se realizaron realmente as operacións rexistradas neses documentos (doazóns de empresarios e pagos a determinados dirixentes do PP). Tendo en conta que se trata de diñeiro non declarado á facenda pública, non é probábel que os presuntos receptores firmasen recibos e xa se sabe que a forza da proba corresponde aos que acusan, aínda que, coa que está caendo, a tendencia xeral sexa a de considerar culpábel a un político, mentres non demostre o contrario.
Sexa dito todo isto para que nos preparemos a non confiar demasiado na saída xudicial deste esperpento, digno do ruedo ibérico valle-inclanesco. Tampouco nas saídas políticas, no actual contexto parlamentario de maioría absoluta. Como moito, algún retoque na lei de transparencia en tramitación ou nalgunha posíbel reforma nas condicións de financiamento dos partidos políticos (como as que se fixeron noutros momentos, ao fío dalgún outro escándalo, sen moita efectividade, como pode comprobarse), con ou sen solemne pacto contra a corrupción.

Nestes días, circulan polas redes sociais contundentes mensaxes que reclaman reformas da lei electoral, do financiamento dos partidos, das remuneracións dos cargos públicos e ate a desaparición do Senado. Unha boa lista de posíbeis axustes que só ten unha limitación fundamental: de momento, depende da decisión dos partidos que se están a beneficiar da situación actual. Moito hai que mobilizar e moito hai que cambiar o comportamento electoral para que os grandes partidos sintan a presión da cidadanía e se vexan obrigados a rebaixar os privilexios e o nivel de impunidade que teñen acumulado sobre a ignorancia ou a pasividade da opinión pública.

 

 

Corruptos manipuladores e arrogantes - Xosé A. Gaciño



Non sei se son os mesmos individuos, pero si que son do mesmo colectivo, do mesmo partido para ser exacto, os presuntos corruptos e os descarados acusadores universais da palla no ollo alleo. E non é porque noutros partidos non florecese tamén a corrupción, que iso parece como se estivese na natureza humana (ou polo menos en certos incentivos adquiridos na fase de configuración da nosa e doutras sociedades), senón porque, neste caso, a dose correspondente de corrupción coincide cun nivel desusado de desvergonza arrogante, desde a soberbia dunha maioría absoluta concedida por unha lei electoral que non reparte os escanos do xeito proporcional que establece a Constitución (á que agora consideran sagrada e intocábel os que se resistiron a aceptala nun primeiro momento).

Ao longo do penoso ano pasado, e fronte ás mobilizacións de protesta provocadas polos sistemáticos recortes discriminatorios impostos polo goberno central (como brazo executor das directrices neoliberais que ese mesmo goberno asumía nas instancias europeas, sen apenas algunha discrepancia de detalle), foron moitos os dirixentes e representantes da arrogancia absoluta maioritaria que se dedicaron a descualificar, insultar e ate difamar aos diversos colectivos que protestaban (e seguen a protestar) contra unhas medidas que consideran inxustas e ademais ineficaces para conseguir a finalidade que aseguran perseguir, a de superar a crise (en realidade, máis ben a verdadeira finalidade son os recortes en si mesmos). 

Xa nos tempos da súa oposición absoluta aos gobernos socialistas inmediatamente anteriores, esta dereita arrogante non vacilou en bloquear a renovación de institucións que eles, supostamente, consideran importantes como o Tribunal Constitucional ou o Consello Xeral do Poder Xudicial, ou en desprestixiar operacións policiais e actuacións de xuíces (algún dos cales rematou expulsado da carreira, coa complicidade de envexas corporativas), todo para manter controis anteriores ou para abortar investigacións que lle prexudicaban. Instalados no goberno, estenden as sospeitas sobre toda a sociedade, desde os funcionarios (con especial xenreira contra profesionais da sanidade e da docencia) ate os parados, a uns por supostos privilexios e a outros por suposta vagancia, pasando por sindicatos, enfermos e pensionistas, cadaquén co seu estigma case delituoso de abusos dos fondos públicos.

Estes manipuladores de tópicos e prexuízos, que nos botan en cara que todos vivimos por enriba das nosas posibilidades, atópanse coa súa propia medicina. Con moitos menos indicios de comportamento irregular, eles teñen condenado a media sociedade española. Agora pretenden saír indemnes coa expulsión dun ex tesoureiro (ao que as investigacións xudiciais e a información dun banco suízo sitúan como titular dunha substanciosa conta de 22 millóns de euros) e cunhas auditorías que van ter difícil localizar un suposto tráfico clandestino de sobres con diñeiro negro (tamén é difícil demostrar o contrario: están condenados ás sospeitas permanentes, as que eles sementaron con profusión en tantos outros casos con menos base que no seu). 

Pode que todo este escándalo de contas e sobres teña unha repercusión legal limitada e un custe político moi relativo. Contan coa complicidade desa maioría mediática abafadoramente conservadora, a que, cando a suposta corrupción é de dereitas, despachan as súas análises coas responsabilidades diluídas de que todos os políticos son iguais (cando a corrupción ven de formacións de esquerdas ou nacionalistas, particularizan concienciudamente todos os detalles).
Esperemos que, polo menos, rebaixen o seu ton arrogante e insultante contra os castigados cidadáns.

 

sábado, 12 de enero de 2013

Enquisas para o escepticismo - Xosé A. Gaciño



Xosé A. Gaciño
Entre as profesións, institucións e figuras varias que son sometidas á valoración dos cidadáns nas enquisas e sondaxes de opinión, non figuran as propias enquisas. Quedámonos así sen saber cál é o grao de fiabilidade que teñen entre a cidadanía (imaxinen a contradición de que unha enquisa mostrase que unha maioría de cidadáns non cren nesa sorte de medición da opinión pública: cómo interpretaríamos ese resultado dunha consulta na que non se cre?). En calquera caso, parece bastante xeneralizada unha certa postura de escepticismo ante os resultados de calquera enquisa, sobre todo cando non nos gustan.

No que non parece que haxa discrepancias de apreciación é con respecto á valoración moi negativa dos políticos que soen ofrecer. No último barómetro semestral, de decembro do 2012, que elabora Metroscopia para El País, os políticos en xeral ocupan o último posto na valoración (só o 9 por cento aproba a súa xestión), os partidos políticos o posto inmediatamente anterior (un 10 por cento de aprobación) e o parlamento (16 por cento) e o goberno (20 por cento) só algúns puntos máis, entre bancos (11 por cento) e bispos (16 por cento).

Contrastan estas valoracións negativas sobre políticos, parlamento e goberno –que os cidadáns poden cambiar cos seus votos–, coas valoracións positivas do rei (58 por cento de aceptación) e do príncipe (66 por cento), cargos hereditarios de pura representación, en momentos ademais nos que empezan a coñecerse na Casa Real algúns comportamentos nada exemplares (por empregar a terminoloxía do monarca). Parece como se os propios cidadáns (ou a maioría deles) non se fiasen dos seus criterios á hora de votar por uns ou outros políticos e preferisen unha autoridade fixa, fora do control democrático.

Ou –nunha lectura máis maliciosa– como se aos cidadáns lles caese mellor o gran figurante que non toma decisións e menosprezase aos que a propia cidadanía elixe para traballar na lexislación e goberno dos asuntos comúns. Certo que, con moita frecuencia, eses políticos elixidos decepcionan –mesmo traizoan– a confianza que os electores depositan neles, pero esa decepción, que parecen transmitir fielmente as enquisas, non se reflexa na mesma proporción nas votacións, que, para responder a ese estado de opinión, deberían rexistrar índices astronómicos de abstención.

Pode que, en realidade, as enquisas sexan menos fiábeis do que pensamos. O grupo máis valorado nese barómetro de Metroscopia é o dos científicos (94 por cento de aprobación). Se temos en conta os recursos que o goberno destina a salvar aos bancos (cuxa xestión aproba só o 11 por cento dos enquisados) e os recortes que aplica ao traballo dos científicos, non parece que as valoracións da opinión pública lle preocupen demasiado ao goberno, do que forma parte, como ministro de Educación e Cultura, un experto en enquisas, audiencias e estudos de mercado. El debe de saber os límites entre a fiabilidade e a manipulación neste negocio.

 

miércoles, 5 de diciembre de 2012


O PP vive das rendas do fracaso socialista - Xosé A. Gaciño

Xosé A. Gaciño
Van mal nas sondaxes de opinión, co presidente Rajoy nos mínimos de avaliación, pero parece que non lles vai tan mal nos resultados electorais de ámbito autonómico que se veñen sucedendo desde que gañaron as eleccións xerais de hai algo máis dun ano. O Partido Popular foi a forza máis votada en Andalucía, aínda que non conseguiu a maioría absoluta (o que lle permite gobernar á coalición PSOE-Esquerda Unida). Si acadou maioría absoluta en Galicia e mantivo a súa posición secundaria en Euskadi e Cataluña, onde xa conta con que non pasa desa condición.

Así transmiten a impresión de que non importa que se sucedan folgas xerais e mobilizacións diversas, mentres teñan a favor o veredicto das urnas. Despois de todo, nin as sondaxes de opinión gozan de solvencia nestes momentos (nótese que o ministro Wert procede dese sector) nin as mobilizacións son fáciles de interpretar (como pode testemuñar Artur Mas). Non hai que estrañarse, por outra parte, de que sigan a botar man da herdanza recibida para  xustificar o desmantelamento progresivo dos servizos sociais. Neses resultados, a mellor posición relativa do PP débese case sempre á caída electoral dos socialistas, que parece non ter aínda fin.

Recordemos que, nas eleccións xerais do 20-N do ano pasado, o PP acadou a maioría absoluta con case medio millón de votos menos dos que conseguiran os socialistas no 2008 (cando quedaron a sete escanos da maioría absoluta), de xeito que ben pode dicirse que aquelas eleccións, máis que gañala a dereita, as perderon estrepitosamente (máis de tres millóns de votos perdidos) os socialistas.

Desde esas eleccións, os populares van perdendo votos en cada consulta que se celebra, pero, como os socialistas perden bastante máis, poden dar a sensación de gañadores (ou, polo menos, de manter o tipo). Basta con manexar as porcentaxes en vez dos números absolutos de votos. Así, non é necesario explicar que, en Andalucía, perderon en marzo deste ano uns 160.000 votos, con respecto ás autonómicas anteriores (e máis de catrocentos mil, en relacións coas xerais do 2011, pero neste caso hai que ter en conta a diferenza de participación), pero quedaron en primeiro lugar porque o PSOE perdeu máis de seiscentos mil votos sobre as autonómicas do 2008 (pero menos de setenta mil con respecto ás xerais, o que significa unha contención importante da caída neste caso).

Máis significativo é o caso de Galicia, onde o PP chegou a unha maioría absoluta máis folgada (catro escanos de diferenza) que a mínima que obtivera no 2009, pero con 135.000 votos menos que entón (e douscentos mil votos menos que nas xerais do 2011, nas que houbo menor abstención). Menos relevancia teñen os resultados nas eleccións vascas: uns quince mil votos menos que nas autonómicas anteriores e oitenta mil menos que nas últimas eleccións xerais.

En Cataluña, onde o nivel de participación foi esta vez semellante ao duns comicios xerais (case un setenta por cento, cando a media de participación nas autonómicas é do sesenta por cento), o PP perdeu máis de douscentos mil votos con respecto ás últimas xerais (as do ano pasado) e os oitenta mil que gañou, con respecto ás autonómicas do 2010 habería que anotalos á conta da maior participación. Foi precisamente a maior afluencia de votantes a que frustrou en gran medida as previsións maioritarias de Mas: se a abstención se tivese mantido nos habituais niveis autonómicos, é moi probábel que CiU, polo menos, repetise escanos. A súa aposta soberanista moveu á participación dos votantes que normalmente non se interesan pola política autonómica, pero o PP apenas recolleu apoios nesa bolsa de votantes, da que si se beneficiou Ciutadans, unha opción política de novo estilo, que defende a opción española sen a retórica imperial da dereita centralista.

Electoralmente, o PP está a vivir das rendas do fracaso socialista. Pode que conte con que a recuperación económica empece a producirse antes da próxima cita coas urnas, a do 2015. Pero algo así debía pensar Rodríguez Zapatero, con respecto a 2012, cando a crise empezou a facer sentir os seus efectos, e viu frustradas as súas esperanzas aquel día de maio do 2010 no que se incorporou á liña europea de afrontar a crise só con drásticos recortes nas políticas sociais. Non se recuperou a economía e moito menos o PSOE.
Cara ao 2015, as posibilidades de que a economía se recupere son escasas. Quizais a baza máis sólida coa que poida contar o PP para a súa continuidade no goberno sexa a de que sigan igualmente escasas as posibilidades de recuperación dos socialistas. Outras opción electorais quedan aínda moi lonxe dos niveis “competitivos”.

 

lunes, 26 de noviembre de 2012

Falsificacións e manipulacións, máis acá de Internet - Xosé A. Gaciño

Internet está a medio camiño entre a divindade todopoderosa e a perversidade universal. E o mesmo é enaltecido como o remedio marabilloso e universal que proporciona sabedoría infusa que é anatematizado como máquina infernal causante de toda caste de males e delitos. Depende de cómo lle vaia a cadaquén e de cómo o utilice cada usuario. Como case todas as cousas que son simples vehículos ou instrumentos.

A primeira falsificación por Internet da que eu tiven noticia foi un melodramático –e lambido–  texto atribuído a Gabriel García Márquez anunciando que padecía cáncer: simplemente o estilo do escrito descartaba tal autoría, pero houbo moitos que picaron. Recentemente, Mario Vargas Llosa denunciaba un par de casos, que el se decatara, no que alguén utilizara o seu nome para expresar ideas que non eran súas. As novas tecnoloxías dixitais permiten, a quen as sabe manexar con habilidade, usurpar a identidade dunha persoa ou dunha entidade. Hai uns días nada menos que El País reclamaba a necesidade de controlar Twitter porque un usuario utilizara o seu logotipo para difundir unha noticia falsa sobre a saúde do Rei.

A circulación gratuíta de películas, discos e agora tamén libros, vulnerando os dereitos de propiedade intelectual, como a difusión de contidos falsos ou inxuriosos desde a impunidade dun relativo anonimato (que, ás veces, nin os policías máis especializados conseguen descubrir), xunto cos casos de pornografía infantil (os máis perseguidos, pola súa especial gravidade), contribúen a configurar o lado escuro deste sistema que está a revolucionar os nosos hábitos de comunicación. Pero nin as falsificacións, nin a vulneración da propiedade intelectual, nin os libelos ou as falsas noticias, nin por suposto a pederastia, apareceron con Internet. Son moito máis antigos. Con Internet circulan con moita máis rápidez e as técnicas dixitais contribúen a reproducilo con moita máis “fidelidade”.

Pero os bispos de Roma, por exemplo, non necesitaron Internet para falsificar supostos escritos do sucesor de San Pedro e do emperador Constantino para disputarlle aos patriarcas de Constantinopla o máximo poder da Igrexa católica. E os Protocolos dos Sabios de Sion, elaborados pola policía secreta zarista como suposta proba dos obxectivos de conspiracións xudías, circularon con gran “éxito” ao longo de medio século vinte. Umberto Eco, no seu inquietante Il cimitero di Praga, fai todo un fresco histórico sobre as trasfegas falsificatorias dos servizos secretos europeos no século XIX. Son ben coñecidos as reescrituras da historia da revolución soviética (con photoshop incluído) nos tempos de Stalin, a medida que ían caendo en desgraza moitos dos revolucionarios protagonistas.

A aparición de Internet ten desequilibrado o panorama dos medios de comunicación, desbordados pola capacidade técnica que proporciona para difundir con rapidez e eficacia calquera información, tanto escrita como audiovisual, e porque está ao alcance de calquera, o que non garante a fiabilidade ou a credibilidade do produto, como denuncian os profesionais da información e os medios convencionais, que se presentan a si mesmos como serios e solventes. Pero tampouco na falta de credibilidade ten Internet a exclusiva. Algúns xornais de renome teñen acadado tal nivel de manipulación con supostos documentos claves de fontes anónimas, con ácido bórico ou con contas en Suíza, que poden competir con vantaxe cos francotiradores do Twitter que asaltan a identidade dun medio.

Sempre foi necesario o sentido crítico á hora ler un libro ou de acceder a calquera medio de comunicación (que ten que gañarse a súa credibilidade día a día). Con Internet, simplemente, hai que multiplicar ese sentido crítico, porque tamén multiplica o volume de información ao que se ten acceso.  

 

viernes, 16 de noviembre de 2012

A remolque dos acontecementos - Xosé A. Gaciño

Mal está que os cidadáns (supoño que non todos, pero si a gran maioría) non souberamos que aínda nos rexemos por unha lei hipotecaria de hai máis dun século, ou que nos decatásemos hai uns días, a raíz dun espantoso crime, de que a idade mínima para ter relacións sexuais consentidas está nos trece anos en España, ou que un dos máis importantes recintos de Madrid dedicados a espectáculos de masas non cumpre coas ordenanzas municipais de seguridade, pese a ser un edificio municipal (onde catro mozas atoparon a morte literalmente esmagadas nunha festa de Halloween). Mal está que a gran maioría dos cidadáns non esteamos ao tanto de detalles legais, ou da súa falta interesada de aplicación, que poden afectarnos directamente nun momento determinado.

O peor é que da a impresión de que os gobernantes están no mesmo nivel de ignorancia ou de indiferenza, por non entrar na acusación directa de neglixencia ou de prevaricación para o que xa se sabe que fan falta probas. Como fixo falta que se producisen varias mortes, con repercusión social e mediática, para que os gobernantes accedesen, polo menos, a prestar atención a problemas que estaban á vista de todos e que mesmo, en moitos casos, foran denunciados por cidadáns sensíbeis ou por técnicos responsábeis. Van a remolque dos acontecementos, por moi previsíbeis que resulten (algúns tan escandalosamente previsíbeis como a famosa burbulla inmobiliaria, por exemplo), e non arranxan (ou aparentan arranxar) unha estrada, un semáforo, un código penal ou unha lei hipotecaria se non hai mortos polo medio.

Non é cuestión de reivindicar o modelo de “salvador da patria”, que presume de ir diante do pobo, guiándoo, aparentemente para satisfacer os seus desexos colectivos, que, en realidade, son previamente manipulados para que coincidan cos intereses que realmente se pretenden salvar. Pero tampouco este modelo seguidista, que, nas grandes cuestións,  se dedica a garantir os grandes intereses financeiros, e, nas demais, consulta o xusto as sondaxes de opinión para ter unha idea das principais preocupacións cidadás e atendelas cando o sangue pode chegar ao río ou, nos casos de maior ineptitude, cando o río xa empeza a ensanguentarse (e quen di río, di mar, e petróleo en vez de sangue, que estamos estes días a someter a xuízo unha parte das irresponsabilidades do caso Prestixe).

Resulta curioso, neste sentido, analizar determinados comportamentos de gobernantes en función dos seus compromisos electorais. Camuflan ou atrasan medidas impopulares para non restarse votos, practicando unha dobre fraude: a de ocultar as súas verdadeiras intencións e a de aparentar que lles importa a opinión cidadá. No panorama europeo, ademais, o cruce de intereses electorais enfrontados entre os gobernantes dos países máis ricos e os dos países menos ricos ten como resultado o actual bloqueo na toma de decisións, porque ningún dos que aspiran a ser elixidos explican as súas verdadeiras propostas con claridade e franqueza.

Haberá que esperar mortos nas prazas públicas para que se abrande a ríxida disciplina da austeridade ou, polo menos, para que os recortes se distribúan cun mínimo de equilibrio?

 

jueves, 25 de octubre de 2012


A esquerda no deserto - Xosé A. Gaciño

Apresuráronse a interpretar os resultados das eleccións galegas como un respaldo á xestión do goberno central, convertendo aos 653.934 cidadáns galegos que votaron polo PP para o Parlamento de Galicia (135.493 menos que no 2009, por certo) nunha sorte de mostra representativa de todo o electorado español. Non hai que escandalizarse demasiado. Se os populares galegos tivesen perdido a maioría absoluta, todos estaríamos a falar do rexeitamento cidadán á política suicida de recortes que se practica en España, no contexto de economía disciplinaria decidido na Unión Europea.

De todos xeitos, non debería mostrarse tan eufórico o PP por uns resultados que mostran, máis que a súa vitoria (xa queda dito a diminución de votos), a continuidade do afundimento do PSOE, que xa foi estrepitoso nas eleccións do 2011 (tanto nas municipais e autonómicas de marzo como, sobre todo, nas xerais de novembro), que segue a ser importante en Galicia e Euskadi e que, previsibelmente, se vai repetir en Cataluña o mes que ven.

En cada convocatoria hai datos e matices que explican cada fracaso, pero non é aventurado establecer unha tendencia xeral, a de que unha boa parte do electorado de esquerdas non entendeu que o último goberno socialista entrase de cheo na dinámica dos recortes indiscriminados (na maior parte dos casos, discriminados contra os máis débiles). Esa boa parte do electorado anda agora disperso entre a abstención, o voto en branco ou nulo, o voto a outras opcións de esquerdas ou mesmo o voto ao “inimigo” (a dereita), entendendo que, postos a facer obrigatoriamente políticas ultraliberais, que a fagan os verdadeiramente convencidos.

No desconcerto xeral que a evolución da crise vai sementando, a chamada “desafección” entre cidadáns e políticos medrou ate as cotas máis altas da actual etapa democrática. A dereita parece soportar mellor os desafectos, quizais porque conta cun electorado máis fiel e comprensivo, ao que non lle importa, por exemplo, que non cumpra o que promete nas campañas. E quizais porque os movementos de indignación se producen entre sectores cidadáns que votan maiormente ás esquerdas e son as esquerdas, ate agora, as máis prexudicadas por eses movementos que, de momento, provocan máis abstencionismo e dispersión que alternativas posíbeis.

Nese sentido, oxalá a irrupción con forza da nova Alternativa Galega de Esquerda, a pesar da súa configuración apresurada, non sexa un simple espellismo, derivado dos destelos da personalidade de Beiras, e sirva para dinamizar o panorama da esquerda en Galicia e, de rebote, no resto de España. Pero a verdade é que, no panorama europeo actual, as alternativas á crise desde a esquerda brillan pola súa ausencia e ate as esperanzas de recuperación impulsadas polo socialismo francés –como mínima corrección á austeridade unidireccional– parecen murcharse antes de florecer.

Pódese sentir satisfeita a dereita da súa hexemonía no panorama desértico que vai debuxando a crise, tras laminar as conquistas sociais que dificultaban o aumento descontrolado dos beneficios especulativos. E pode prepararse a esquerda para unha travesía do deserto, na que terá que trazar novas sendas e novas metas, se quere subsistir como opción racional de solidariedade nese futuro de desigualdades que se está a construír sobre a desmoralización colectiva.

 

miércoles, 17 de octubre de 2012


Novo “estirón” da desigualdade - Xosé A. Gaciño

Mentres o Goberno semella estar a esfollar a margarita do rescate –cando xa os mercados o teñen máis que descontado–, as últimas estatísticas sinalan que España é o país da eurozona onde máis medrou a desigualdade. Así, mentres aumenta o consumo de bens de luxo (as ventas de coches de alta gama subiron un 83 por cento no 2011), datos do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade rexistran que, no 2010, máis de oito millóns de persoas acudiron aos servizos sociais dos concellos para pedir axudas de emerxencia, un 19,5 por cento máis que no ano anterior.

E como non se poden escatimar os fondos necesarios para reflotar bancos propios e pagar débedas a bancos alleos, as cantidades destinadas a cubrir esas axudas de emerxencia (a xente que non pode pagar a auga, a luz, os alimentos… ) foron recortadas un 40 por cento nos últimos orzamentos (nos dous últimos anos, os recortes nese capítulo suman xa un 65,4 por cento: de 86 millóns a trinta millóns, en números redondos). Desandamos o camiño: desmantelamos o chamado estado do benestar e volvemos aos tempos da caridade. Cáritas case triplicou, entre 2007 e 2011, o número de persoas ás que atende (de 370.251 a 1.015.276), e a Cruz Vermella dedicou toda a recadación do seu último Día da Bandeiriña a aumentar a súa atención a persoas en situación de extrema vulnerabilidade.

Un de cada catro españois vive en risco de pobreza. En 1,7 millóns de fogares non traballa ninguén e en medio millón deles non hai ningún ingreso regular. O 40 por cento dos xubilados dedica parte da súa pensión a axudar a familiares ou amigos. Cada día, máis de trescentas familias son desafiuzadas das súa vivendas por non pagar a hipoteca.

Entre subidas de impostos indirectos e aumentos dos prezos enerxéticos, o índice de prezos ao consumo vai xa polo 3,4 por cento, en tanto que os salarios pactados en convenios subiron un 1,3 por cento, con tendencia á baixa, porque a media dos últimos convenios vai polo 0,7 por cento de subida. E xa se sabe que a reforma laboral da unha boa marxe de manobra aos empresarios para “axustar” as condicións pactadas en convenio ás previsións das empresas (por poñer un exemplo dunha empresa presuntamente “progre”: no xornal El País, aos traballadores que non van ser despedidos, na anunciada redución de persoal, se lles vai baixar o salario un quince por cento). 

Curioso sistema no que se recortan os gastos sociais cando máis se necesitan e no que soben os prezos cando menos se consume. No que din que xa non queda diñeiro para soster o estado do benestar, do que presumían ate os liberais. Nin para soster o Estado das autonomías ao que se apuntaran con entusiasmo ate os centralistas. Pode que nin para manter a estrutura central do Estado, que os ácratas de dereitas queren adelgazar para especializalo en axudas á banca e pouco máis.

Paradoxal sistema supostamente baseado na libre competencia e que, teoricamente, ofrece a todos a posibilidade de triunfar e enriquecerse, pero que tende continuamente a prácticas monopolistas (ou oligopolistas, como mal menor) e, naturalmente, aos máximos niveis de desigualdade.

E cada crise actúa a modo do que as nais de hai sesenta anos chamaban “estirón”. Estíranse as diferenzas, de maneira que cada vez hai máis distancia entre os poucos que máis teñen e a maioría dos desposuídos. Esta vez, ademais, vai minguando tamén a franxa media.

 

miércoles, 10 de octubre de 2012

Políticos impasíbeis ante o seu desprestixio - Xosé A. Gaciño

Xosé A Gaciño
Cando Mariano Rajoy expresaba a súa gratitude á moi ampla maioría silenciosa, interpretando que, co seu silencio, aceptaba con comprensión as difíciles medidas económicas adoptadas polo Goberno e non saía á rúa a protestar como outros, quizais estaba convencido de que realmente a maioría silenciosa seguía a manter o apoio que expresara nas urnas hai case un ano e que lle dou ao Partido Popular maioría absoluta. Pero está claro que non protestar publicamente contra unha determinada política non quere dicir que se acepte sen máis esa política.

De feito, as sondaxes de opinión publicadas estes días, entre elas o barómetro do CIS correspondente ao mes de setembro, e dentro das reservas coas que sempre hai que interpretar os resultados desas sondaxes, mostran unha opinión maioritariamente crítica, non só coas medidas económicas senón cos políticos en xeral. Como os manifestantes do 25-S ante o Congreso dos Deputados, dos que pode que a maioría non comparta a forma de protesta, pero parece que non comparten tampouco os métodos para reprimila.
As mesmas sondaxes contemplan unha forte caída na intención de voto ao partido que hoxe goberna con maioría absoluta, e unha continuidade na caída (que xa fora espectacular nas eleccións xerais do 20-N do ano pasado) do PSOE, que agora está na oposición pero que aínda é visto pola opinión pública como responsábel do deterioro da situación económica. É o que lle permite á dereita manter o primeiro posto na previsión de apoios electorais.

O deterioro da imaxe xeral dos políticos confírmase co dato de que os outros dous partidos de ámbito estatal con representación parlamentaria (Esquerda Unida e Unión Progreso e Democracia) só recollen unha parte dos votos que, segundo as sondaxes, perderían os dous grandes partidos. A outra parte deses posíbeis votos perderíase entón directamente na abstención.

Estas enquisas non fan máis que confirmar a impresión xeral sobre o desprestixio dos políticos en España, que deben de ser precisamente os únicos que non teñen esa impresión, porque non parece que se afanen en recuperar o seu prestixio. Quizais é que tampouco lles importa demasiado. Despois de todo, contan cunha cota básica de desprestixio que forma parte das características case ancestrais do oficio e que, en circunstancias de crise, é lóxico que suba. Poden pensar que basta con aguantar a treboada.

Os políticos impasíbeis dos partidos maioritarios, ademais, séntense seguros co actual sistema electoral, do que son os beneficiarios directos e case exclusivos. Un sistema electoral que distorsiona o mandato constitucional da proporcionalidade e que impide (ou dificulta en gran medida) a viabilidade de forzas alternativas, un sistema que se deseñou, nas primeiras eleccións preconstitucionais, para asegurar o triunfo da dereita posfranquista, e que, no substancial (a distribución de escanos por provincia), non se modificou despois de aprobada a Constitución.

Ante esa fronte do bipartidismo hexemónico (nestes momentos, sumando entre os dous grandes o 73,4 por cento dos votos, controlan o 84,5 por cento dos escanos do Congreso), non parece fácil modificar as condicións para facilitar a renovación na representación política. Pero tampouco é imposíbel, polo menos a longo prazo.

Pode que agora non lle fagan efecto os cercos que se monten arredor do Palacio das Cortes nin os pronunciamentos da maioría silenciosa nas enquisas, nin o aumento dos índices de abstención ou de votos en branco. Pero o progresivo deterioro da situación económica, sobre todo se o conxunto da Unión Europea segue empeñado en camiñar polo canellón sen saída dos recortes sistemáticos, pode abrir gretas imprevisíbeis na muralla da oligarquía bipartidista.

 

martes, 2 de octubre de 2012

Xogos electorais nos límites da democracia - Xosé A. Gaciño

Dentro da cerimonia da confusión na que se foi convertendo esta crise en Europa, os condicionantes electorais parecen xogar un papel importante, aínda que ninguén o confese abertamente. Nas análises da desesperante actuación das institucións europeas no seu conxunto, e dos diversos países europeos por separado, aparecen continuamente referencias a medidas que se toman ou que non se toman –o máis frecuente– porque hai unhas eleccións en portas e temen a reacción dos votantes.

Parece como se estivesen moi interesados en facer ver que se teñen moi en conta as opinións dos cidadáns. Como se a cidadanía “mandase” moito. En realidade, non pretenden máis que esquivar o malestar momentáneo que pode causar calquera desas medidas que non hai máis remedio que adoptar e que non lle gusta adoptar ao propio gobernante que as adopta (ou, polo menos, iso é o que di el, por suposto unha vez que pasa o día de votar, por se acaso o cabreo momentáneo inflúe nas urnas).

A estas alturas, esa sorte de manobras ridículas e infantís non debería ter maior repercusión, máxime despois do nivel de desprestixio ao que chegaron os políticos (polo menos en España) e de que unha boa parte dos prexuízos que contribúen a configurar determinados comportamentos electorais foron promovidos ou amplificados polos propios políticos que agora se senten escravos das súas propias demagoxias. Pero parece que aínda hai unha boa parte do electorado que segue a confiar neles ou que segue a aplicar o vello e conservador refrán de que máis vale o malo coñecido, e que se conforma con calquera chiscadela conxuntural para xustificar a ratificación da súa confianza.

Pode que sexa como unha sorte de xogo. Os políticos xogando a que temen a reacción dos seus electores e os electores xogando a que cren os programas que lles presentan os políticos, sabendo todos que os electores “conscientes” non van reaccionar e que os gobernantes farán o que teñan que facer, con independencia do prometido no seu programa. Xa saben, o xogo da maioría silenciosa que se queda “responsabelmente” na súa casa, mentres as minorías activistas protestan “irresponsabelmente”.

A falta de alternativas posíbeis –sobre todo se non se consegue un respaldo cidadán suficiente– e de revolucións imposíbeis, hai quen pensa que nese xogo está o límite actual da democracia, un límite fixado por un sistema económico (o sistema económico) que marca as verdadeiras liñas vermellas das liberdades reais. E, polo que se está a ver na evolución europea da crise, esas liñas vermellas deixan cada vez menos marxe de manobra para as políticas sociais que noutro tempo foron a referencia dunha alternativa democrática, tanto fronte ao totalitarismo falsamente igualitario como fronte á desregulación do sistema que fomenta implacabelmente a desigualdade.

 

martes, 25 de septiembre de 2012


Tampouco Europa ten solucións federais - Xosé A. Gaciño

Xosé A Gaciño
Desde que se celebrou a manifestación multitudinaria da Diada co lema Cataluña, novo estado de Europa, asistimos a un torrente de informacións nas que non é fácil atopar os mínimos niveis de obxectividade e, ás veces, nin sequera o elemental principio xornalístico de separar información e opinión. Por suposto, os excesos (ou defectos, segundo se mire) prodúcense tanto no campo dos que teñen claro que Cataluña ten que ser independente para liberarse do “espolio” español como entre os que proclaman o dogma da unidade indisolúbel do Estado, amparándose nunha Constitución que non sempre compartiron.

Cada un fai os seus números para convencerse de que, separados de España, superarían a crise inmediatamente porque contarían cos ingresos fiscais que se queda España, ou, pola contra, para augurar toda sorte de desgrazas para unha Cataluña solitaria e marxinada de Europa, á que dan por suposto que non se podería adherir. 

Precisamente a propósito das posíbeis relacións directas entre Cataluña e Europa tamén hai referencias encontradas. Uns destacan que a reivindicación catalá é recollida sen hostilidade nos medios de comunicación do resto de Europa. Outros (unha información de El País do domingo 23 de setembro) recollen impresións contrarias, que ven o independentismo catalán como unha frivolidade e poñen en boca de “un funcionario europeo” (truco habitual para introducir unha opinión propia no medio dunha presunta información obxectiva) unhas declaracións nas que se afirma que esa aspiración de Cataluña “en Bruxelas dispara alarmas ante o risco de efectos miméticos noutros lugares”.

Supoño que o dos efectos miméticos non sería precisamente pola propia Bruxelas, unha illa francófona no medio da metade flamenca de Bélxica, país onde o partido flamenco independentista e ultraconservador N-VA foi o máis votado nas eleccións xerais de xuño do 2010 (ano e medio estiveron sen goberno, moi ben por certo, antes de conseguir un mínimo acordo entre os partidos non independentistas, pero con “versións” convenientemente separadas nas súas dúas comunidades lingüísticas). Tampouco sería polo Reino Unido, onde están a preparar un referendo sobre a posibilidade de independencia de Escocia para o outono do 2014, despois de que o Partido Nacional de Escocia, independentista, conseguise a maioría absoluta no Parlamento escocés nas eleccións de maio do 2011.

Certo que na Unión Europea non están nestes momentos para filigranas soberanistas, enredados como están no obsesionante labirinto de austeridade, do que non se sabe si alguén sabe cómo e cándo se vai poder saír. Pero o último que se pode dicir é que unha reivindicación independentista poida alarmar nun continente que leva séculos refacendo os seus mapas, de grao ou por forza, de guerra en guerra e de tratado en tratado, e que rematou o século pasado coa separación brutalmente traumática dos países integrados na xa desaparecida Iugoslavia, por non falar do desmembramento da tamén desaparecida Unión Soviética, por aquilo de que non todo o seu territorio é estritamente europeo.

Máis que efectos miméticos –que xa funcionan dabondo en todas direccións–, o que esperábamos noutro tempo desta Europa que nunca remata de estruturarse é precisamente que tivese axudado a resolver este tipo de tensións. Na configuración desa Europa ideal, deberían caber fórmulas federais de todos os niveis para encaixar toda sorte de reivindicacións nacionais. A crise está a demostrar que aínda queda moito que facer para superar tantos receos nacionalistas con rango estatal que, entre outras cousas, contribúen a bloquear posíbeis solucións dinamizadoras –supranacionais, por suposto– que puidesen romper a inercia depresiva que nos paraliza.

 

miércoles, 19 de septiembre de 2012


Un home para a historia, entre lealdades e traizóns - Xosé A. Gaciño



Santiago José Carrillo Solares
Morreu o que creo que era o último protagonista supervivente da guerra civil, Santiago Carrillo. Non fora dos protagonistas principais e quizais, se non tivese sido pola súa traxectoria posterior, só os historiadores especialistas recordarían a aquel mozo que ocupou a Consellería de Orde Pública naquela agónica Xunta de Defensa de Madrid que organizaba a resistencia dunha cidade abandonada polo goberno e cercada polos golpistas. Nunha sorte de percorrido vital circular, rematou a súa vida de político (aínda que nos seus últimos anos como simple observador) en posicións moi semellantes ás posicións das que partiu na súa mocidade, as dun militante activo das Xuventudes Socialistas.

Certo que eran outros tempos e que, daquela, mesmo no PSOE había xente que defendía a revolución proletaria, pero os camiños que percorreu Carrillo, tras promover e conseguir a unidade de xuventudes socialistas e comunistas, levárono directamente ao stalinismo, que, como os propios comunistas tiveron que recoñecer despois, significou a perversión e degradación da mítica ditadura do proletariado. Foi un home de “aparato” e tivo a suficiente ductilidade como para sobrevivir na dirección do Partido Comunista tanto aos cambios na cobertura soviética, despois de Stalin, como ás rebelións internas de cualificados militantes críticos (Fernando Claudín e Jorge Semprún, entre outros), que foron expulsados por facer propostas que máis adiante o propio Carrillo asumiría no desenvolvemento da súa política de reconciliación nacional e da fronte eurocomunista cos seus colegas de Italia e Francia.

Férreo no control do seu partido, pero aberto e dialogante nos debates e negociacións con outras forzas políticas. Nos últimos anos do franquismo, desde o exilio en París, e, sobre todo, na transición democrática, despregou todo o seu talento político negociador ate converterse nun dos homes claves do proceso. A súa influencia persoal estivo moi por enriba da influencia real do PCE, que tiña certa capacidade de mobilización e unha importante presenza sindical (a das Comisións Obreiras, que aproveitaron moi intelixentemente a súa infiltración nas estruturas do sindicato vertical), pero que non conseguiu o respaldo electoral que cría merecer tras a súa dura loita antifranquista, cando o Partido (así, sen adxectivos) aparecía case como a única forza de oposición á ditadura.  

O seu papel na transición fíxolle merecedor da consideración de home de Estado. A aceptación da monarquía e da bandeira bicolor foron os símbolos das renuncias dos comunistas a cambio de participar no novo sistema democrático. Para algúns, unha traizón. Pero Javier Cercas, no seu libro Anatomía de un instante, fai o canto á valentía dos traidores que “traizoaron a súa lealdade a un erro para construír a súa lealdade a un acerto” e “traizoaron o pasado para non traizoar o presente”, destacando cómo, no lamentábel asalto de Tejero ao Congreso dos Deputados, foron os tres grandes “traidores” (Santiago Carrillo, Adolfo Suárez e Manuel Gutiérrez Mellado) os únicos que desprezaron as ameazas dos asaltantes (verdadeiros traidores do presente) e non se botaron ao chan.

Como se tivese marcado o cénit da súa vida política, despois desa digna actitude de enteireza comeza o seu declive. Nas eleccións do 1982, o PCE foi varrido polo triunfo abafante do PSOE. A crise conseguinte no seo do partido rematou coa súa expulsión e coa creación dun efémero Partido dos Traballadores, que non pasou da convocatoria electoral do 1986. Dedicouse entón á reflexión crítica e brindounos en libros, conferencias, tertulias radiofónicas e artigos xornalísticos as súas análises da realidade, cheas da sabedoría da súa experiencia e da súa capacidade de adaptación ás continuas novidades, sen perder a perspectiva de esquerda que, mal que ben, con riscos ou con concesións, entre lealdades traizoeiras e traizóns leais, presidiu sempre a súa liña de actuación e pensamento.

Con todas as sombras que se queiran botar sobre a súa memoria, Santiago Carrillo forma parte xa da relación de homes e mulleres que contribuíron, en momentos decisivos, a facer posíbel a libre e pacífica convivencia dos españois.

 

viernes, 31 de agosto de 2012

Dores e insuficiencias na política democrática - Xosé António Gaciño

Patxi López Álvarez
A Patxi López, o lehendakari presumibelmente saínte despois das próximas eleccións autonómicas vascas do próximo 21 de outubro, dóelle “que poida rendibilizar algo do tempo que estamos empezando a vivir en paz quen nos secuestrou a liberdade a todos os vascos durante corenta anos”. Reacción moral persoal ante os beneficios electorais que van recoller os sucesores políticos do terrorismo, reacción perfectamente comprensíbel, que se puido experimentar varias veces desde a transición posfranquista, por exemplo cada vez que determinados herdeiros da ditadura ocupaban un cargo nun goberno democrático ou cando algúns centralistas confesos pasaban a gobernar comunidades autónomas.

Cousas da democracia –grandezas ou debilidades, segundo se mire, en calquera caso inevitábeis–, coas que hai que ser politicamente consecuentes, por moito que afecten aos sentimentos persoais. De todas maneiras, parece preferíbel que un inimigo da democracia participe no xogo electoral en vez de poñer bombas ou sacar tanques á rúa. Será cuestión, en todo caso, de que os políticos con convicións e propostas democráticas desenvolvan a súa capacidade de argumentación racional para convencer aos votantes, fronte ás demagoxias populistas (que tampouco son patrimonio das opcións máis extremistas).

Desde Maquiavelo a Max Weber, as reflexións máis racionais sobre ética e política contemplan un ambiguo e difícil equilibrio entre convicións morais e sentido da responsabilidade nas prácticas de goberno. Non hai purezas absolutas nin no acceso nin no exercicio do poder. Sen chegar aos extremos claramente antidemocráticos do terrorismo ou do golpismo, abondan tamén toda sorte de manexos para tratar de chegar ao poder pola vía dos votos, desde a manipulación xeral ou específica da opinión pública ate o pucheirazo máis ou menos descarado, sen esquecer os amaños nas leis electorais (o método máis utilizado na democracia española). Como non faltan manexos, demagoxias e corrupcións no desempeño do poder, moito máis alá do que se podería admitir na mesma “ética da responsabilidade” weberiana, que relativiza a aplicación da “ética da convición” en función das súas consecuencias para o conxunto da sociedade.

Nestes tempos de crise, a xustificada indignación cidadá ten desvalorizado o papel dos políticos. En realidade, nunca estivo moi valorado con carácter xeral (sálvanse algunhas figuras excepcionais, a maior parte das veces despois de que deixan de exercer), pero, nestes tempos depresivos para a maioría, sopórtase peor. Nun panorama de imaxe especialmente deteriorada da función política, está por ver cómo se soporta a reincorporación deste sector do irredentismo abertzale ás institucións vascas.

No caso de que ese sector rendibilice o novo tempo de paz, o que debería doerlle a Patxi López sería a incapacidade das forzas democráticas para estar á altura das esixencias e necesidades deste novo tempo e convencer ao electorado da superioridade moral e política dos que defenden un clima de convivencia democrática. 

 

miércoles, 22 de agosto de 2012


Goberno enredado na inercia da crispación - Xosé A. Gaciño

Xosé A Gaciño
Deostada na actualidade como salvaxe e cruel (sobre todo por aquela referencia bíblica ao ollo por ollo e dente por dente), a formulación da chamada lei do talión significou, no seu momento, un avance na configuración dunha xustiza que substituíse á vinganza persoal ou familiar incontrolada e establecese unha certa proporcionalidade entre o delito e o castigo. Con esa visión máis ou menos moderadora, converteuse a xustiza nunha sorte de socialización da vinganza, dentro ademais dos mecanismos de control social que tratan de manexar os poderes, incluídos os poderes que sustentan a súa lexitimidade no respaldo democrático dos cidadáns.

A partir da Ilustración, e precisamente desde perspectivas democráticas, foise elaborando un discurso que pretende transformar esa sorte de vinganza colectiva nun proceso de rehabilitación do delincuente. Na Constitución española do 1978 conságrase explicitamente a finalidade de “reeducación e reinserción social” das penas privativas de liberdade, unha finalidade que se esquece moi facilmente ante determinados crimes que provocan alarma social.

Neses casos, a algúns parece que non lles chega nin coa lei do talión. E resulta comprensíbel que reaccionen de xeito visceral as persoas directamente afectadas por eses crimes. Non se comprende, en cambio, que políticos que tiveron responsabilidades de goberno precisamente nesa materia (e adoptaron decisións moi semellantes ás que agora critican) empreguen palabras grosas e descualificadoras contra medidas estritamente legais, adoptadas por un goberno formado por compañeiros do seu propio partido. Refírome, por se non queda claro, a Jaime Mayor Oreja, que era ministro do Interior cando o presidente do goberno José María Aznar decidiu manter conversacións con representantes do “movemento vasco de liberación nacional” e era necesario “aliviar” as condicións de encarceramento dos terroristas para facilitar a negociación, como antes intentara influír na solución do secuestro de Ortega Lara co traslado de 43 presos etarras a cárceres vascas (o reagrupamento de todos os presos pedían os secuestradores). Agora, en cambio, considera unha traizón a concesión do terceiro grao (paso previo para que o xuíz de vixilancia penitencial conceda a súa excarceración) a un terrorista ao que se lle diagnosticou un cáncer terminal e que precisamente foi un dos secuestradores do funcionario de prisións Ortega Lara.

En realidade, non é máis que unha inercia do comportamento do Partido Popular desde a oposición ao goberno de Rodríguez Zapatero. A súa manipulación sectaria da política antiterrorista, impropia dun partido de goberno, vólvese agora na súa contra, con disensións internas e distanciamentos de medios de comunicación que, naqueles momentos, apoiaron con entusiasmo a crispación militante e agora consideran máis conveniente sumarse ás posíbeis audiencias da demagoxia.

Jaime Mayor Oreja declárase católico practicante e está considerado, desde sempre, como un dos líderes democrata-cristiáns integrados no PP, pero hai tempo que cristián non é sinónimo de compasivo. O cristianismo matizouse moito ao longo dos séculos e os dirixentes da súa estrutura organizativa incorreron, no devir da historia, en moitas e moi graves contradicións, con respecto ás mensaxes recollidas nos Evanxeos, fonte principal da súa doutrina. Nese contexto de desvalorización doutrinal, hai que entender que non pase da categoría de simbolismo retórico o contido do chamado Sermón da Montaña e as súas referencias explícitas á superación da lei do talión, mesmo suxerindo que se ofreza a outra meixela e que se ame aos inimigos. 

 

jueves, 16 de agosto de 2012

Os cidadáns gregos, na vangarda do deterioro social - Xosé A. Gaciño

Xosé A Gaciño
O goberno grego está a pedir unha prórroga de dous anos, do 2014 ao 2016, no prazo para reducir o seu déficit público ao 3 por cento, e unha demora de catro anos, do 2016 ao 2020, para empezar a pagar a devolución dos préstamos dos seus rescates. Recordemos que este goberno, presidido polo conservador Antonis Samarás (Nova Democracia), con apoio parlamentario dos socialistas do Movemento Socialista Panhelénico (Pasok) e de Esquerda Democrática, foi saudado con alivio polo resto de gobernos occidentais, a pesar de que Nova Democracia fora o partido político que falsificou no seu momento as contas públicas para que Grecia fose admitida no euro.

Nas últimas eleccións, no pasado mes de xuño, as forzas de “orde” de toda Europa preferían a vitoria dos tramposos convictos e confesos ao triunfo electoral da Fronte Social Unificada (Syriza), formada por pequenas organizacións de esquerdas, que defenderon na campaña a renegociación da débeda pública e das condicións dos rescates. En ningún momento dixeron que quixesen saír do euro, pero ese foi un dos sambenitos que lles adxudicaron nunha intensa campaña mediática, dentro e fora do país, na que se anunciaban toda sorte de desgrazas, nun país saturado delas, para o caso de que as urnas propiciasen a chegada ao goberno dunha forza non controlada polos banqueiros (polo menos ate ese momento).

Apenas un par de meses despois, o goberno dos tramposos está intentando renegociar as condicións dos rescates, como non podía ser doutra maneira. Todos saben, aínda que non todos o digan abertamente e algúns traten de ocultalo, que Grecia non vai poder pagar nunca as débedas acumuladas e as que se van seguir acumulando. Naquelas eleccións de xuño, só a extrema dereita xenófoba e racista defendía a saída de Grecia do euro. Agora, son algúns ministros alemáns os que empezan a insinuar que non hai que descartala.

Non é a única recomendación dos fascistas que está a ser considerada, como o demostra a contundente persecución policial de inmigrantes emprendida por este goberno grego da dereita, con apoio parlamentario de socialistas “moderados” (despois de todo, ate o goberno de François Hollande en Francia segue a inercia racista de Sarkozy coa expulsión “administrativa” de xitanos romaneses). E iso que a liberalización da inmigración é unha das recomendacións do Banco Central Europeo para baixar os salarios (quizais tamén para que os inmigrantes sirvan de chibos expiatorios e as protestas cidadáns non se dirixan contra o poder?).

Nesta Europa desconcertada pola prolongación dunha crise contra a que non se combate, non se sabe se os que deciden son incompetentes desbordados pola situación ou se están a aproveitar esta situación para mentalizar aos traballadores e ás clases medias de que non queda outro remedio que traballar e cobrar como os chinos, mentres os millonarios chinos tratan de acadar o nivel dos millonarios europeos (que estes, de momento, non rebaixan os seus ingresos). En calquera caso, nesa fin previsíbel, de deterioro social e de desigualdade en ascenso, sexa por acción ou por omisión, os cidadáns gregos van nestes momentos en vangarda.

 

martes, 7 de agosto de 2012

Simplificacións e conspiracións para explicar a crise - Xosé A. Gaciño

Xosé A Gaciño
Para explicar esta crise interminábel que case ninguén foi capaz de prever, circulan agora toda clase de análises máis ou menos complexos ou simplistas. Como se soe dicir, a touro pasado todos somos profetas, e como é habitual, cadaquén aproveita a ocasión para colocar a súa propia interpretación e axustar contas coas ideas, institucións, sectores sociais ou calquera persoa coas que non se sinta cómodo ou que directamente molestan aos seus intereses.

Así, perdido xa o horizonte dos xogos especulativos dos grandes bancos norteamericanos que prenderon o lume deste incendio –complicado despois por moita leña arroxada ou atopada no seu camiño–, son moitos os protagonistas culpábeis ou responsábeis que se foron sucedendo nas explicacións predominantes nese difuso panorama que chamamos opinión pública. Protagonistas sucesivos ou simultáneos, axeitados a cada momento e lugar, desde os vagos do sur, se fala un obreiro alemán que cre que lle recortaron o salario para dar de comer aos dilapidadores do Mediterráneo, ate os banqueiros alemáns e franceses, se o que se expresa é un indignado grego convencido de que o importe dos rescates que a troika FMI-BCE-CE lle concede ao seu país só serve para pagar as débedas á banca estranxeira que nunca se poderán rematar de pagar.

En xeral, vai predominando a idea de que hai que recortar o gasto público e, dentro dese gasto, van triunfando os criterios de que se supriman os gastos sociais, entre outras cousas porque, aínda que sexan cantidades modestas as que recibe, directa ou indirectamente, cada beneficiario, en conxunto son os que suman cantidades máis importantes, máis das que se poderían obter dunha maior carga fiscal aos de maiores ingresos. Ou, polo menos, iso é o que nos din os que manexan as contas públicas. Que tampouco as deben de manexar moi ben, a xulgar polo elevado fraude fiscal que suxiren os ingresos que prevé en España, por exemplo, o ministro de Facenda coa “regularización amigábel” dos defraudadores de boa vontade que queiran axustar contas antes de que se as axusten (aos que habería que sumar os de mala vontade, que se consideran a salvo de calquera axuste de contas).

Dentro deste caos de intereses que ten a Europa bloqueada e a España en marcha atrás, como consecuencia de factores moi diversos, o mesmo que se manexan simplificacións que atribúen a responsabilidade exclusiva a un gasto público excesivo (mesmo en estados como España, onde había superávit no momento de estoupar a crise), tamén poderían elaborarse teorías de conspiracións perfectas. Desde logo, habería máis material que o que se empregou para elaborar teses conspirativas absolutamente peregrinas, como as relativas ao 11-S en Estados Unidos ou ao 11-M en España.

A conspiración máis evidente podería ser a que perseguise o desmantelamento do estado do benestar en Europa, baixo o pretexto da austeridade obrigada, e a máis conxuntural, a alianza de todos os ultraliberais do mundo occidental para impedir a reelección de Obama como presidente de Estados Unidos. Pero, se a teoría da conspiración carece de sentido na maioría dos casos nos que se intenta aplicar a modo de explicación total, no caso da crise é máis ben inútil.

Non fai falta conspirar nada para conseguir a desorde e o desequilibrio no sistema económico vixente. Basta con deixar que os mercados actúen sen control. Os ultraliberais aseguran que, desa maneira, os propios mercados recuperan o equilibrio, pero, por se acaso, ate agora, sempre botaron man dos fondos públicos para apuntalar aos bancos en perigo. Por iso, nos acordos de estabilidade da Unión Europea (e na reforma constitucional que aprobaron PSOE e PP hai un ano), contémplase a prioridade das débedas financeiras ante un posíbel concurso de acredores dun Estado.

 

martes, 24 de julio de 2012

Deterioro da democracia - Xosé A. Gaciño



Xosé A Gaciño
Postos a poñer en cuestión tantas conquistas que se crían consolidadas, e mesmo necesitadas dun maior desenvolvemento, algúns empezan a cuestionar o oficio mesmo de político. De feito, entre os movementos de indignación provocados pola crise (e pola maneira de combatela, sobre todo), os políticos reciben as acusacións máis duras. Como mínimo, son considerados cómplices ou subordinados dos grandes poderes financeiros que orixinaron a crise, por obedecer máis a eses poderes que aos cidadáns que os elixiron. As voltas que están a dar as manipulacións ideolóxicas en torno á saída da crise en Europa están a elaborar a conclusión máxima de que son os propios políticos os causantes da crise, pola súa dilapidación dos fondos públicos, mesturando indiscriminadamente erros de xestión coa corrupción pura e dura.

A esas manipulacións contribúen os mesmos políticos, con toda sorte de condutas irresponsábeis e, algúns, con accións ao bordo da ilegalidade cando non directamente delituosas. Teñen razón cando argumentan que os presuntos delincuentes son unha minoría (os irresponsábeis son tamén minoría, aínda que algo máis numerosa), pero non axudan a visualizalo cando a actitude xeral ante calquera denuncia, con honrosas excepcións, é minimizar as posíbeis irregularidades e botar man da lexítima presunción de inocencia ate o segundo inmediatamente anterior á sentencia condenatoria, se é que antes non se consegue inhabilitar ao xuíz instrutor.

A presente crise, por outra parte, xa provocou en países da Unión Europea a substitución de gobernantes elixidos democraticamente por técnicos aceptados polos parlamentos afectados (Grecia e Italia, en concreto) pero suxeridos pola cúpula das institucións europeas (se é que tal cousa existe, máis alá do goberno alemán e o Banco Central Europeo). E se o maior reparo que se pode facer á deficiente e incompleta estrutura común da UE é a do seu déficit  democrático, cun Parlamento moi limitado nas súas funcións e unha esixencia de unanimidades e votos cualificados que fai moi fácil o bloqueo das decisións, mal asunto é que a tendencia sexa ampliar o déficit democrático en vez de abrir decididamente o camiño a unha democracia federal.

Entre a tentación tecnocrática e a propagación de populismos patrióticos, as consecuencias da crise pode que non sexan exclusivamente económicas e sociais. En realidade, o retroceso en materia de dereitos laborais e asistenciais significa xa un deterioro da democracia. Nas últimas semanas, os gobernantes españois xustifican a súa sucesión de decretos para acelerar os recortes de gasto público como a imposición de criterios superiores que nin eles nin os cidadáns españois están en situación de elixir: toda unha confesión de impotencia e de inutilidade da representación política, coa agravante de que non está nada claro que os criterios impostos pola suposta obxectividade técnica leve á desexada recuperación económica, aínda que sexa a longo prazo. Nin que a posíbel recuperación económica chegue para todos.

Despois de todo, eses criterios que case todos os gobernantes da UE seguen como dogmas de fe son deseñados por tecnócratas que veñen da “escola” de Goldman Sachs e Lehman Brothers, polo que o máis probábel é que a recuperación sexa inversamente proporcional ao grao de sacrificio esixido para conseguila. É dicir, que se recuperen máis e mellor os que nos meteron neste labirinto.


Quizais algún día poida recuperarse o suficiente grao de democracia como para que a cidadanía dispoña da oportunidade de elixir a políticos radicalmente diferentes de estes submisos capataces do poder financeiro.

 

viernes, 20 de julio de 2012


Recorte de concelleiros sen reforma municipal - Xosé A. Gaciño



Xosé A Gaciño
Perigoso precedente o que supón a decisión de reducir o número de concelleiros para recortar gastos públicos, dentro da onda de austeridade posta de moda na implacábel senda anticrise marcada na Unión Europea. Se vai prosperando ese argumento, a representación democrática pode verse afectada nunha medida imposíbel de prever. Cál é o número de concelleiros razoábel para equilibrar representación e gasto? E se reducimos o número a só un por cada grupo ou partido, co voto ponderado en función dos votos obtidos nas urnas? E se prescindimos por completo dos concelleiros e privatizamos a xestión dos municipios en plan concesión administrativa?


As preguntas poderían irse facendo nos diversos niveis de representación democrática e non serían poucos os que se sentirían tentados a proclamar que a democracia, con todo o seu despregamento de institucións representativas, resulta máis cara que unha boa ditadura persoal cun razoábel número de capataces que manteñan a raia á cidadanía. Non sería como os recortes compulsivos dos venres pola mañá, cos que se trata de obter efectos inmediatos e masivos (por iso afectan á maioría da poboación). Máis ben seguirían unha tendencia moi acusada nestes tempos de confusión elaborada: a de aproveitar a crise para ir suprimindo conquistas sociais e democráticas.


Ninguén vai negar os graves problemas que afectan á administración local, especialmente no que se refire ao seu financiamento, cuestión recorrente á que todos aluden nas campañas electorais e que ninguén remedia cando ten facer fronte á súa obrigación lexislativa. Precisamente esas necesidades de financiamento municipal (e tanta corrupción colateral) están na raíz das permisividades urbanísticas que permitiron ou alentaron a burbulla inmobiliaria, cos resultados actuais, de depresión do sector da construción e de bancarrotas municipais, que todos coñecemos.


Supoño que o Goberno é consciente de que a redución do número de concelleiros nun trinta por cento non é a reforma que a administración local necesitaría. Postos no horizonte do 2015 (que é cando podería aplicarse, nas próximas eleccións locais), esta medida parece inscribirse máis ben no catálogo de recortes en reserva (como as pensións, por exemplo) para o caso, nada improbábel, de que os desfases no déficit público e na débeda soberana sigan sen resolverse.


Xa que logo, a administración local non parece figurar no catálogo desas reformas estruturais cuxa referencia adorna discursos e documentos. Polo de agora, non se contempla nin un deseño serio de financiamento nin un proxecto de reordenación que promova fusións ou mancomunidades de municipios. Para atender servizos aos que dificilmente poden facer fronte os moitos municipios máis pequenos, decídese recorrer ás deputacións provinciais, non xa para facilitar axudas como ate agora, senón para asumir unha xestión directa. O que parecía unha institución a extinguir –sobre todo nalgunhas comunidades históricas, como Cataluña e Galicia– vai volver ter protagonismo, da man do clásico receo da dereita española contra o autonomismo, un receo que vemos traducirse en acosos progresivos deste Goberno central (a pesar de que a gran maioría das comunidades autónomas están gobernadas polo mesmo partido).


Ao remate, e de momento, a gran reforma estrutural deste Goberno é a reforma laboral, que rebaixou sensibelmente os dereitos dos traballadores. A verdadeiramente relacionada coas causas da crise económica, a reforma do sector financeiro, non lle quedou moi ben e está a ser seriamente corrixida polos “señores de negro” cos que tanto nos ameazan algúns ministros, como se, xa a estas alturas, houbese diferenzas entre a contundencia ou a compaixón duns e doutros.

Mentres, a prima de risco segue o seu camiño imperturbábel, como esixindo máis e máis sacrificios. Chegará un momento no que tamén haxa que sacrificar aos sacrificadores? 

miércoles, 11 de julio de 2012

Épica mineira contra recortes indiscriminados - Xosé A. Gaciño

Non están a facer a revolución, aínda que algunhas imaxes da represión contundente montada polo Goberno (e a non menos contundente defensa dos mineiros) puidesen suxerilo, sobre todo aos que non coñezan en detalle as imaxes que se poden rexistrar nalgunhas revolucións. Non son tempos estes de folga xeral revolucionaria, como a convocada por UXT en outubro de 1934, cando a entrada no goberno da República dunha forza política que non prestara acatamento á Constitución –a Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA)– foi considerada o preludio dun golpe fascista (como os que xa se produciran noutros países europeos, por métodos e con discursos semellantes). A división socialista sobre a convocatoria e a falta de apoio dos cenetistas frustrou a folga en toda España, coa excepción de Asturias, onde si houbo unidade e os mineiros quedaron sos fronte a todo o aparato represivo despregado polo goberno de centro-dereita, baixo a dirección de Francisco Franco, que tivo a oportunidade de ensaiar as tácticas de represión que máis adiante desenvolvería con frialdade sistemática durante e despois da guerra civil.

Tampouco é como a “huelgona” de 1962, na que os mineiros asturianos plantaron cara ao réxime franquista durante cinco meses para protestar polas miserábeis condicións laborais e salariais. Contra os abusos policiais deron entón a cara, quizais por primeira vez no réxime franquista, 102 intelectuais (profesores, escritores, artistas… ) españois e residentes en España, nunha carta colectiva na que se pedía información pública sobre varios casos concretos de persoas torturadas (algunha ate a morte). A carta ía dirixida ao entón ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga Iribarne, que contestou coa arrogancia e displicencia que o caracterizaba. Polo menos –e iso entón era todo un progreso–, fixo públicas na prensa tanto a carta dos intelectuais como a súa contestación.

Nestes días, a loita sempre épica dos mineiros (non só de Asturias: tamén de León, Palencia, Teruel… ) ten un obxectivo máis modesto: que o Goberno cumpra o acordo –que dera por bo en febreiro deste ano– de recortar só un 10 por cento, con respecto ás recibidas no 2011, as axudas programadas para o sector da minería do carbón, dentro do proceso de eliminación das axudas a este sector, que deben desaparecer por completo na Unión Europea no 2018. Nos orzamentos xerais do Estado, eses que reservou ate despois das eleccións andaluzas, o Goberno decidiu suprimir o 63 por cento das axudas, o que pode provocar o cerre da inmensa maioría das empresas mineiras, que dan emprego a uns 13.000 traballadores, ademais da repercusión na economía xeral de comarcas que viven exclusivamente desta actividade e nas empresas eléctricas con centrais térmicas alimentadas con carbóns nacionais, que necesitarían realizar axustes técnicos para operar con outra clase de carbón.

A drástica redución das axudas rompe o ritmo de reconversión das empresas mineiras, que confiaban acadar, pouco a pouco, a dimensión axeitada que as fixera rendíbeis aproveitando as novas subidas de prezos do carbón no mundo, provocadas polo crecemento dos países emerxentes, sobre todo China, e que revaloriza as explotacións mineiras europeas que se daban por non competitivas. Despois de todo, os recursos enerxéticos son limitados e un forte e progresivo aumento do seu consumo pode ir facendo de novo rendíbeis ate os máis custosos.

Non están, desde logo, a facer a revolución, pero os mineiros están a levar a cabo a protesta máis dura contra as políticas de sufrimento e recortes aparentemente indiscriminados (en realidade, orientados cara aos máis débiles). Da habilidade do Goberno na xestión deste conflito (a ate agora parece máis ben escasa) dependerá que sexa o principio dunha nova actitude cidadá que non se resigne a que paguen sempre os mesmos.

jueves, 5 de julio de 2012

Paixón fugaz na crise permanente - Xosé A. Gaciño

 Xosé A Gaciño
Prefiro que as paixóns nacionalistas se diriman nos campos de fútbol e non nos campos de batalla, aínda que ás veces tamén os campos de fútbol se tinxan de sangue pola exacerbación dos sentimentos polas cores, nacionais ou de clubs. Pero, á fin e ao cabo, no fútbol o sangue derramado é unha excepción. Na guerra, matar ao inimigo é o normal.

Certo que preferiría que se expresase a mesma euforia cando os triunfos se producen noutros deportes menos masificados e comercializados ou, mellor –utópico soñador!–, cando os recoñecementos internacionais a un ou a varios españois se deben a unha actividade artística, social ou científica. Pero nisto, como en tantas outras cousas, rexe a lei da oferta e da demanda, que marca implacabelmente os niveis de desigualdade ate nas causas das euforias colectivas. Bastante é que unha gran maioría de españois poida compartir unha alegría máis ou menos fugaz como para aplicarlle un minucioso espírito crítico ao fenómeno.
Nesta mesma liña de relativismo comprensivo, e paixóns nacionalistas á parte (que merecen outra reflexión), non comparto os receos dos que cren que esta euforia pode ser facilmente manipulada para distraer a preocupación cidadá pola situación económica. Nas numerosas testemuñas de seareiros máis ou menos entusiastas coas que os medios audiovisuais cubriron os tempos mortos de retransmisión en retransmisión, abundaban as referencias á necesidade de ter unha alegría no medio das preocupacións abafantes, pero sen mostrar intención de esquecer as preocupacións máis alá do partido e da inmediata celebración do triunfo (a propia referencia demostrábao).

Nin sequera a coincidencia coa primeira rolda de vacacións estivais parece que vaia converter a vitoria futbolística –por moito que insistan os medios de comunicación de masas, agora máis nas mans do goberno que nunca– na variña máxica coa que facer crer que a cabaza dos abusos financeiros se ten transformado na carruaxe do crédito fluído e accesíbel ou que os ratos especuladores se ten convertido en xestores eficaces da economía produtiva. A gravidade da situación é tan evidente que dificilmente pode ser obviada por moitas eurocopas que se lle boten por enriba.

Os gobernantes pensan, de todos xeitos, que algo poden “pescar” coa súa presenza nestes acontecementos e mesmo chegan a xustificar esa presenza como unha obrigación dos seus cargos, unha máis entre tantas outras obrigacións e “leas europeas”, como di Rajoy. A falta de solucións tanxíbeis nos ámbitos das súas competencias, polo menos, como os planetas e os satélites, aproveitan o rebote por proximidade do resplandor emitido polas estrelas.

En calquera caso, estes gobernantes tan celosos da orde pública noutras manifestacións cidadás (como nas mobilizacións de mineiros, estudantes e indignados en xeral) deberían ter o mesmo nivel de resposta ante os excesos dalgúns dos máis eufóricos e fanáticos futboleiros con ou sen paixón nacionalista (esta vez, houbo excesos en Barcelona e en Sevilla). E se, loxicamente, non culpan a toda a afección futbolística española das falcatruadas duns grupos concretos, pola mesma lóxica non deberían restrinxir indiscriminadamente dereitos fundamentais de expresión e manifestación pola simple sospeita de que alguén vai cometer un acto de vandalismo nin esixir que os organizadores dun acto de protesta asuman o control absoluto da orde pública, que só é competencia das forzas de seguridade do Estado.

Polo demais, non estaría mal que a mostra de talento, traballo e superación deste grupo de mozos deportistas, baixo a dirección dun veterano sensato e prudente, servise para algo máis que para dar botes na rúa con paixón patriótica. Que a súa actitude servise de exemplo a gobernantes e gobernados, a empresarios e traballadores, e mesmo a tanto irresponsábel banqueiro que contribuíu de xeito especial a meter a economía española neste burato negro no que resulta tan difícil orientarse.

jueves, 28 de junio de 2012


Globalización mal repartida - Xosé A. Gaciño

 Xosé A Gaciño
Pode que, a pesar do moito que o repetimos nestes tempos (ou quizais precisamente por iso), non haxa concepto máis ambiguo que o de globalización. Non todos o utilizamos coa mesma valoración e nin sequera co mesmo significado. De aí que moitos internacionalistas militen en plataformas antiglobalización e que patriotas dos de cierra España se aproveiten das vantaxes globalizadas para colocar os seus beneficios en paraísos fiscais a salvo da Facenda da súa querida patria.

En realidade, un certo grao de globalización sempre houbo. Por razóns de conquista ou por necesidades de subsistencia, a trasfega de colectividades humanas dun territorio a outro é unha constante histórica e mesmo prehistórica, así como as relacións de intercambios ou de enfrontamentos entre unhas colectividades e outras, entre iguais ou entre dominadores e dominados. As características específicas da globalización nestes tempos teñen máis que ver, en todo caso, cos avances tecnolóxicos e co nivel de saturación demográfica, que, entre outras cousas, fixeron máis evidente a limitación de recursos.

Característica específica destes tempos é tamén a conciencia de que hai cousas que só se poden arranxar a partir de propostas que involucren a todo o mundo. Pero esa conciencia non é aínda tan profunda nin está o suficientemente estendida como para vencer a forte resistencia de intereses nacionais ou sectoriais.

Sirve, si, para facer solemnes declaracións de principios, desde a Declaración Universal dos Dereitos Humanos ate os informes do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático, por exemplo, pasando polo Protocolo de Kioto ou polos Obxectivos do Milenio, entre outros valiosos traballos no ámbito das Nacións Unidas. Pero, a pesar de que, en todos eses casos, se aquilataron as expresións e as propostas a todo tipo de receos e de prexuízos ideolóxicos, a realidade é que, á hora de aplicar as medidas concretas que se desprenden desas declaracións, saen a relucir os intereses concretos e conxunturais de países ou de grupos de presión, que aproveitan a falta de instrumentos coercitivos da limitada ONU para eludir calquera compromiso.

Desta maneira, as reunións de seguimento de declaracións, protocolos, acordos e suxestións convértense nunha sucesión de demoras e aprazamentos, con mínimos avances executivos e desesperantes argumentacións interpretativas de cuestións orixinalmente clarísimas. Vimos de comprobalo na recente Conferencia das Nacións Unidas para o Desenvolvemento Sostíbel, bautizada como Río+20, en conmemoración da primeira conferencia, celebrada hai vinte anos tamén en Río de Xaneiro, e que se saldou, a de agora, cunha declaración de circunstancias, na que se resume a falta de autoridade da Unión Europea para facer valer a súa maior sensibilidade medioambiental, a arrogancia negacionista de Estados Unidos (desbordadas as boas intencións iniciais de Obama polos intereses supremos das grandes corporacións) e a resistencia das potencias emerxentes a limitar as súas posibilidades de crecemento (reclamando o seu “dereito” a contaminar tanto como as súas predecesoras).

Podería aludirse ao típico conflito entre o urxente e o importante, se non fose porque tamén no urxente se practica a mesma estratexia, como o demostran moitas das reunións nas que se pretenden atopar a saída da crise interminábel, tanto as do G-20 como, sobre todo, os reiterados cumios e consellos da Unión Europea, bloqueada ante unha crise que está a descubrir a fraxilidade dunha unidade que, en moitos aspectos, é puramente retórica.

Como nese chiste de dereitas a propósito do reparto comunista (aquel que dicía que entre o que teño e o que me toque no reparto... ), parece que, ante a globalización, cadaquén aspira a recoller o máximo que pode e achegar o mínimo posíbel. Naturalmente, no panorama de desigualdades no que nos desenvolvemos, sabemos de sobra cómo se van repartir as recollidas e as achegas: rescates para os bancos e recortes para os traballadores, dito sexa con toda a carga demagóxica que se merece. 

 

martes, 19 de junio de 2012

A confianza que non se restablece - Xosé A. Gaciño

Desde que a culpa a tiña Rodríguez Zapatero persoalmente (que aínda lles queda memoria desa culpa e a sacan a relucir cando non teñen outro pretexto a man) ate que o problema é Europa e o que fai falta é que actúe urxentemente o Banco Central Europeo, a dereita política e mediática ven experimentando unha metamorfose nas súas análises da crise que non sabe un se cualificar de ignorancia, de incompetencia ou de cinismo. Pode que o máis exacto sexa unha mestura das tres cousas: ninguén é tan burro, tan torpe ou tan falso como para ter percorrido os case sete meses desde a toma de posesión deste goberno con só unha desas “calidades” e ter acadado semellante nivel de deterioro.

Pero está ben que recoñezan agora que os problemas non son exclusivos da economía española, aínda que son moi graves os problemas específicos de España (herdados dun desequilibrado crecemento do sector inmobiliario, que a dereita alentara en tempos de Aznar e os socialistas non se atreveron despois a frear, quizais por falta de alternativas). Cando estaban na oposición, calquera referencia gobernamental ás circunstancias internacionais era interpretada como unha maneira de eludir responsabilidades. Agora que están no goberno parece que non hai máis que circunstancias internacionais (e algún residuo das culpas do goberno anterior).


A verdade é que os problemas propios de España, derivados dun sector financeiro demasiado intoxicado pola burbulla inmobiliaria, están a ser extraordinariamente agravados pola ríxida receita ultraliberal case relixiosa (a penitencia polos pecados cometidos) que a Unión Europea está a impoñer como pensamento único contra a crise. Os defectos de deseño do euro e do Banco Central Europeo –que non se notaban en tempos de prosperidade– estouparon coa crise. Á falta dun goberno económico común, coa unidade fiscal e bancaria, cada país ten que afrontar a súa débeda pública sen contar cos mecanismos tradicionais da desvalorización monetaria ou da adquisición directa de débeda pública polo seu banco central.


E, de momento, os países ricos da UE (con Alemaña á cabeza, cargando na súa imaxe coa responsabilidade total da insolidariedade) néganse a modificar as normas do BCE para permitirlle xogar o papel que os bancos centrais xogan noutros países (Reino Unido ou Estados Unidos, o país máis endebedado do mundo) para contrarrestar os ataques dos especuladores, os grandes beneficiarios do proceso.


Pero todas esas circunstancias xa se coñecían no momento no que a dereita hoxe gobernante estaba na oposición. O goberno socialista tamén sufriu a imposición de medidas non só negativas para o crecemento senón contrarias aos seus criterios, tropezando ademais coa incomprensión e acoso dunha dereita que, paradoxalmente, debía estar máis de acordo coas medidas impostas que o goberno que as aplicaba, pero que preferiu aproveitar o deterioro do goberno (que era tamén o deterioro do país) para gañar as seguintes eleccións. A súa mensaxe entón era que o problema de España era que os mercados desconfiaban dun goberno que improvisaba e adoptada medidas contraditorias, e que bastaría un cambio de goberno para que se recuperase a confianza dos mercados.


Agora que a confianza segue sen restablecerse, a dereita gobernante empeza a repartir responsabilidades entre os factores externos, desde Grecia ao Banco Central Europeo, mentres trata de espertar a compaixón da inflexíbel Alemaña. Semana a semana, van esgotándose esperanzas ou pretextos, sen que deixe de subir a prima de risco.


Entre ignorancia, incompetencia e cinismo, a dereita gobernante e mediática empeza a experimentar certo desengano ante a actitude dos seus correlixionarios. Só faltaría que, despois de que os socialistas asumisen no seu momento as medidas ultraliberais, os populares vaian ter que sumarse ás filas keynesianas encabezadas por Obama e Hollande para sacudirse a asfixia da pobreza imposta que chaman “austeridade”.

 

martes, 12 de junio de 2012


Entre o rescate e a maquillaxe - Xosé A. Gaciño

Xosé A Gaciño
Entre o 12 de maio do 2010, cando Rodríguez Zapatero anunciaba ante o pleno do Congreso dos Deputados os maiores recortes do gasto público da historia da actual etapa democrática, e o 10 de xuño do 2012, cando Mariano Rajoy explicaba en roda de prensa forzada (ao día seguinte de terse acordado) o rescate de ate 100.000 millóns de euros para recapitalizar o sector financeiro español, hai unha penosa traxectoria da economía española desde o bordo do abismo á sima da maquillaxe institucionalizada. Ante a falta de decisións que realmente sirvan para saír da crise, os políticos esméranse en buscar palabras que camuflen a súa incapacidade para romper o círculo vicioso de pretender pagar as débedas con novas e maiores débedas, mentres os cidadáns son sometidos cada vez a máis sacrificios, como pagando a culpa de ter crido a gobernantes que antes os animaban a vivir por enriba das súas posibilidades e agora os acusan de ter gastado o que non tiñan.

Fora tamén por maio do 2010 cando Grecia tivo que aceptar o seu primeiro rescate. En novembro do mesmo ano caeu Irlanda e, en abril do 2011, Portugal. Todos seguen con dificultades e sen horizontes de esperanza, pero é Grecia quen se leva a palma do caos económico, con intervencións da “troika” (Comisión Europea, Banco Central Europeo e Fondo Monetario Internacional) non só na disciplina fiscal e orzamentaria, senón na mesmísima política interna: impedíronlle ao goberno convocar un referendo sobre un segundo rescate, forzaron a dimisión do primeiro ministro para substituílo por un tecnócrata e agora premen á opinión pública grega anunciando terríbeis catástrofes (máis aínda?) se saen elixidos os que queren renegociar os disparatados plans de rescate que están afogando aos cidadáns daquel país. 


Naquel maio sinistro, Rodríguez Zapatero recoñeceu, ante o pleno do Congreso no que anunciou a rendición, que o facía obrigado polas circunstancias, non por convicción. Comentouse despois que aquel xiro do keynesianismo á ortodoxia ultraliberal –asumido tras as presións da UE, do FMI e ate do keynesiano Obama– evitara o rescate.


Aproximadamente dous anos despois, neste 2012 das nosas inquedanzas, volveron repetirse as presións, da Unión Europea, do FMI (que presentou un informe urxente con nocturnidade e aleivosía) e outra vez Obama (necesitado de que Europa lle bote unha man na economía para asegurarse a reelección). O das presións é o que se di en todos os ámbitos informados de poder, excepto en La Moncloa (que quizais xa non é ámbito de poder), onde o seu inquilino actual afirma que foi el o que premeu. Neste caso, as presións non foron para que o goberno español recortase (que xa leva dous anos de recortes progresivos, cun presidente ou con outro), senón para que pedise o rescate que permita recapitalizar un sector financeiro que hai catro anos merecía as bendicións do propio FMI (e as loanzas desmesuradas de Rodríguez Zapatero) e que hoxe se descubre gravemente tocado polo peso do ladrillo que non é capaz de asimilar.


Para fuxir da imaxe de país rescatado e tras verse obrigado a comparecer publicamente, Rajoy cambiou o seu catastrofismo intimidatorio habitual por un novo optimismo conxuntural, non xa para falar dunha sorte de rescate “brando”, sen condicións adicionais á simple devolución do diñeiro (porque xa se fixeran antes os deberes, que é outra das súas frases favoritas), senón para negar a mesma condición de rescate e referirse á simple apertura dunha liña de crédito. Pero de pouco serviu a maquillaxe nun mundo de información global. E de nada, por suposto, ante as suspicacias crónicas dos implacábeis mercados.


Neste caso, volveuse caer nas mesmas torpezas que o BCE atribuíu ao goberno español no caso Bankia: tomaron e anunciaron a decisión, pero deixaron para máis adiante os detalles e son as dúbidas sobre os detalles as que inquietan aos mercados (e aos outros países rescatados, que empezan a falar de agravios) e empezarán a inquietar aos propios cidadáns españois, a medida que vaian desmaquillando a fachada optimista do Goberno. Inquedanza xeral quizais necesaria para que as institucións europeas reaccionen en contra da súa propia política suicida de alimentar pozos sen fondo.


Oxalá os resultados das eleccións do próximo domingo en Francia e Grecia contribúan a ese cambio.

 

lunes, 4 de junio de 2012

Indicios de reincidencia especulativa - Xosé A. Gaciño

Xosé A Gaciño
Xa estamos máis ou menos resignados a que a saída da crise, polo menos a que se está intentando na Unión Europea, consiste en volver á mesma situación que a provocou, sen máis retoques que diminuír o máximo o gasto público e os salarios dos traballadores, o que supón unha dura travesía do deserto que ninguén sabe cándo vai rematar. Estamos resignados, claro, porque, se vote a quen se vote (e os gregos terán ocasión de comprobalo despois da próxima repetición dos seus comicios), parece que non vai haber maneira de facer saltar a táctica defensiva do equipo gobernante alemán (que, seguindo co símil futbolístico, debe de pensar que, despois de todo, na última Champions League se impuxo o xogo destrutivo do Chelsea fronte ao xogo creativo do Bayern, e despois de eliminar previamente ao máis creativo de todos, o Barcelona).

En España, onde a crise xeral destapou unha crise particular que trataban de disimular os banqueiros e os gobernantes, parece que tamén imos ter que resignarnos a tropezar na mesma pedra, ou, para ser máis exacto, no mesmo ladrillo. Xa empezara o ministro de Agricultura e Medio Ambiente, anunciando, na súa primeira comparecencia parlamentaria para expoñer as liñas principais da súa xestión, unha reforma da lei de costas nun sentido máis permisivo. Continúa agora o Ministerio de Fomento co estudio dunha amnistía urbanística coa que se legalizaría a situación de decenas de miles de vivendas ilegais (en xaneiro pasado, o goberno autonómico andaluz creou a figura do “recoñecemento xurídico” para dar un certo estatus legal a unhas trescentas mil vivendas en situación irregular, ou sexa, que non é unha tentación exclusiva da dereita).


Paralelamente, empezan a rexurdir proxectos urbanísticos na costa, como o aprobado a finais de maio polo concello gaditano de Tarifa (cos votos favorábeis do PP gobernante e do PSOE opositor) para construír 350 vivendas e 1.423 prazas hoteleiras no entorno da praia de Valdevaqueros, unha praia practicamente salvaxe no parque natural do Estreito, ocupada case exclusivamente polos practicantes de windsurf. Fracasado hai tres anos un proxecto similar, noutra praia do mesmo concello, pola creba da promotora, volve insistirse no modelo para saír da mesma crise que fixo abortar o anterior intento.


E non é que o sector da construción teña que desaparecer despois do estoupido da burbulla inmobiliaria, pero parecería lóxica unha reorientación dos seus obxectivos. Volver ao modelo de ocupación urbanística dun litoral xa máis que saturado parece unha aposta temeraria pola repetición da especulación e da burbulla. Como resulta un sarcasmo contra a xente que cumpre coa lei a posibilidade de que se decreten amnistías (fiscais ou urbanísticas) para bendicir irregularidades e fraudes, mentres se executan máis de cen desafiuzamentos ao día a persoas castigadas polos despedimentos. Un sarcasmo, sobre todo, porque a decisión partiría de políticos aos que se lles enche a boca falando de seguridade xurídica (cando afecta aos seus intereses, claro).


Con estes indicios de reincidencia especulativa, non resulta estraño que os bancos se resistan a contabilizar como perdas as vivendas e os solos que teñen acumulados nos seus “activos tóxicos” (como trata de facer Rodrigo Rato para defender a súa xestión en Bankia), ou que non lle busquen saída con baixadas radicais dos prezos (como en Estados Unidos e en Irlanda, onde baixaron sobre un cincuenta por cento, desde o 2007, mentres en España non se pasou do 25 por cento nese mesmo período, e cun millón de vivendas baldeiras), á espera de que volvan subir.


Xa sabemos que a tensión entre oferta e demanda, que está na base do único sistema económico existente, é un mecanismo perfectamente manipulábel polos que dominan determinados resortes do poder financeiro.

 

lunes, 28 de mayo de 2012


Crise sen rumbo pero con precisión antisocial - Xosé A. Gaciño

Xosé A Gaciño

Ate o presidente dos Estados Unidos está máis preocupado pola recuperación do crecemento en Europa que a mesmísima chanceler alemá, que pasa por ser a líder de facto desta Unión Europea sometida á cura de austeridade máis rigorosa despois da Segunda Guerra Mundial. O novo presidente socialista da República Francesa atopa máis receptividade para as súas propostas de volver dinamizar a economía da eurozona noutro lado do Atlántico que nos cumios de Bruxelas, onde reina a capacidade intimidatoria de Merkel.

Todo elo mentres Grecia está ao bordo do abismo, pendente dunhas novas eleccións para caer pola súa conta ou caer aforcada pola corda dos rescates, e España espera vez de asfixia total despois de desvelarse a verdadeira situación dun banco presuntamente xestionado con irresponsabilidade e presuntamente supervisado con neglixencia (co efecto colateral de que as manobras previas de encubrimento levantan as sospeitas sobre todo o sector financeiro español). Obama necesita que Europa empece a recuperarse para que os seus efectos axuden a consolidar a aínda incipiente recuperación económica estadounidense (o que repercutiría, á súa vez, nas súas posibilidades de ser reelixido). A necesidade de Grecia e España (pero tamén Irlanda, Portugal e Italia, polo menos) é de pura supervivencia.

O enroque merkeliano ten atascada a situación nunha sorte de círculo vicioso. Entre propostas imposíbeis, negociacións interminábeis e dogmas inmutábeis (ultraliberais, por suposto), a crise vai galopando por Europa adiante, aparentemente sen rumbo, pero cunha curiosa precisión na consecución de obxectivos parciais que, un tras outro, van desmantelando o que algún día foi coñecido polo presuntuoso nome de Estado do benestar.

Probabelmente por iso a crise, primeiro estadounidense e despois internacional, vai concentrándose finalmente na Unión Europea, ate agora campioa dos dereitos sociais. As propostas socialdemócratas para que se flexibilice a austeridade e se arbitren medidas que incentiven o crecemento non pasan de ser un intento desesperado de salvar o que se poda ante esa operación de asalto e derruba contra as conquistas sociais. Pode que non sexa xa cuestión de chegar ou non a tempo de frear ou de inverter ese proceso, senón de pensar noutro proceso diferente.

Quizais habería que empezar por esquecerse da espiral do crecemento continuo, mito creado nos tempos en que se pensaba que os recursos do planeta eran inesgotábeis e se desprezaban os cálculos de Malthus sobre os desfases entre o aumento implacábel da poboación e o ritmo limitado da produción. Quizais habería que pensar en medidas de redistribución tanto do traballo como da riqueza, non para eliminar a desigualdade (que sería utópico) pero si para que non se dispare a niveis de clamorosa inxustiza. 

O principio de non gastar o que non se ten (tan citado por Rajoy) ben podería aplicarse ao conxunto do planeta, incluíndo o de devolver o que non se tiña e que se arrebatou a outros, en tantas operacións irregulares ou directamente fraudulentas de enxeñeiros financeiros, especuladores varios e multinacionais neocolonialistas.

Algunhas son ideas tradicionais da esquerda, que apenas traspasaron o estatus de obxectivos a longo prazo e que apenas se debaten en medios de difusión masivos (pode que nin sequera no ámbito interno dos partidos), pero que ben poderían servir para artellar, polo menos, un certo discurso de resistencia crítica fronte a la gran ofensiva desreguladora na que cabalga o ultraliberalismo triunfante, sobre todo porque as novas potencias emerxentes parecen chegar coas mesmas ansias depredadoras que o hoxe decadente bloque occidental desenvolvido e coas mesmas tendencias ás desigualdades brutais coas que se foron abrindo camiño os especuladores da abundancia.

sábado, 19 de mayo de 2012


Dereita con soberbia ideolóxica e marcha atrás - Xosé A. Gaciño

Xosé A Gaciño
Seguimos en plena marcha atrás. Baixo o mantra de non gastar o que non se ten, tras repetirnos que vivíamos por enriba das nosas posibilidades (os salarios dos traballadores descendían na mesma proporción na que subían as remuneracións dos altos executivos, con independencia da produtividade dos primeiros e da incompetencia dos segundos), van desfacendo, pouco a pouco, a trama social que se foi tecendo laboriosamente para compensar dalgunha maneira o abismo de desigualdade ao que tende, inexorabelmente, o único sistema económico vixente no mundo.

E non se trata só dos aspectos máis directamente relacionados coa actividade económica, como poden ser a supresión de dereitos laborais ou os diversos recortes nas prestacións sociais, encamiñados, segundo argumentan, a propiciar unha maior liberdade do empresario para contratar (e para despedir, claro) e a conter o déficit público (de maneira que o diñeiro existente se dedique, prioritariamente, a pagar débedas e axudar a bancos, que veñen sendo as dúas caras dun mesmo apaño). Parece que non é suficiente con que as condicións laborais e sociais retrocedan aos primeiros tempos do capitalismo, cando non se permitían asociacións sindicais nin había seguridade social.

Así que, aproveitando que a crise pode xustificar calquera recorte, non necesariamente económico, o glorioso goberno conservador de maioría absoluta de que gozamos está disposto a restablecer as vellas esencias morais da España profunda, tanto en materia de aborto como en Formación do Espírito Nacional (que é no que se quere converter a Educación para a Cidadanía, a xulgar polos recortes que se anuncian nos seus contidos), sen esquecer a prevista restrición dos dereitos de reunión e de manifestación (xa adiantada na volta a vellos procedementos represivos na actuación policial), o endurecemento populista do Código Penal ou a manipulación dos medios de comunicación públicos. Mesmo están a resucitar os métodos da famosa Brigada Político-Social da policía franquista para espiar aos movementos cidadáns de base, como o do 15-M, e informar de que está a ser controlado ¡por Esquerda Unida! (xa lle gustaría a Cayo Lara controlar esa dinámica rede de debate e de actividade social e solidaria), como se unha forza política, de acreditada fidelidade ás institucións democráticas, puidese ser considerada un perigoso inspirador de violencias contra o sistema.

Está claro que á dereita española se lle dispara a soberbia ideolóxica cando acada a maioría absoluta e considera que ten o campo aberto a calquera manobra política ou económica. Como se estivesen convencidos de que, por ser a forza política máis votada, teñen a maioría social, esquecendo que acadaron o 44,6 por cento dos votos válidos e que só unha lei electoral que incumpre o mandato constitucional da representación proporcional lles concede o 53,1 por cento dos escanos do Congreso de Deputados.

Está claro, ademais, que esa soberbia ideolóxica da dereita española combina criterios de tolerancia absoluta –a máxima desregulación– no ámbito económico (en beneficio dos poderosos) con criterios de intolerancia nos ámbitos moral, social e cidadán, nos que prefire ter moi regulados os comportamentos, seguindo principios moi restritivos das liberdades cívicas. Quizais por iso en España non están a despuntar as propostas de extrema dereita que van aparecendo por outros países europeos. Aquí xa as levan postas.

 

sábado 5 de mayo de 2012


Cada venres empeza a amencer - Xosé A. Gaciño

Cada venres, reforma. Quedan moitas, se este goberno remata o tempo marcado de lexislatura. Suficientes quizais para darlle a volta ao calcetín institucional e social até deixar España de maneira que non a recoñeza nin a nai que a pariu, por dicilo con palabras dun rival político. Mesmamente, a segunda transición, que non puideron rematar na súa anterior etapa de goberno por culpa dunhas malditas bombas. Menos mal que a crise financeira, debidamente canalizada precisamente cara a deixar o camiño libre para novas aventuras espoliadoras, volveu colocalos no goberno no momento máis oportuno para culminar a reconquista das esencias patrias, contaminadas polos excesos da democracia e das políticas sociais, que estaban a distraer os verdadeiros negocios que os bos patriotas (os que poñen a salvo a riqueza nacional en contas suízas) poden facer cos fondos do Estado.

De momento, van cumprindo obxectivos, que os teñen e moi claros, aínda que ás veces transmitan a impresión de que se contradín (como se as promesas electorais houbese que tomalas ao pé da letra) ou de que improvisan a golpe de advertencias dos mercados (que son eses señores que reparten dividendos no medio da crise que provocaron eles). Os camiños do ultraliberalismo son inescrutábeis. 

O caso é seguir avanzando decididamente cara aos primeiros tempos do capitalismo, cando non había sindicatos nin limitacións de horarios e os salarios dependían exclusivamente da xenerosidade dos empresarios, sen cargas sociais e sen baixas por enfermidade, mentres se despexa o camiño para ir colocando nas mans da libre competencia privada (coa familia e os afíns, que sempre son máis de fiar, nos postos de saída) as potencialidades de negocio da asistencia sanitaria e do ensino (menos rendíbel economicamente, pero de moito aproveitamento ideolóxico).

Na folla de ruta aparecen tamén as rebaixas nas esixencias medioambientais e na promoción de enerxías renovábeis, milongas da sostibilidade, como lle chamaba un ilustre gañador pírrico nunhas eleccións autonómicas, que, por certo, é outro capítulo a revisar, que é mellor ter todo atado e ben atado desde o centro da península. Tampouco fai falta investigar tanto (que inventen eles, afirmaba orgulloso un ilustre intelectual da xeración do 98, na súa etapa mística) nin axudar a cineastas pacifistas e solidarios de causas perdidas.

E para manter a orde necesaria, que garante a pacífica convivencia dos cidadáns sacrificados e submisos, novas leis que poñan a cadaquén no seu sitio e aos alborotadores á sombra, sobre todo aos pacíficos da resistencia pasiva, que son máis fáciles de deter. Xa se sabe que a prima de risco se dispara por culpa dos manifestantes, non porque os presupostos sexan imposíbeis de cumprir, como afirman maliciosamente analistas que improvisan (mesmo algún desagradecido que traballa nalgunha institución internacional desas que promoven a austeridade rectamente entendida, é dicir, a que deben practicar as vítimas da crise). 

Hai moito por reformar. Até contar cun país como deus manda, sen abortos decididos unicamente pola muller, sen matrimonios homosexuais que desagradan especialmente a algúns bispos, sen inmigrantes aproveitando os nosos servizos, cunha televisión público ao servizo dos valores eternos (é dicir, dos que gobernan)...

Pode que algún resultado electoral nalgún país veciño modifique a correlación de forzas no paraíso ultraliberal europeo, pero, de momento e na orxía contrarreformista da que están a gozar, senten a emoción de que, outra vez, na súa España, empeza a amencer.

 

sábado 28 de abril de 2012


Xornalismo en perigo de extinción - Xosé A. Gaciño

Xosé A Gaciño
Case simultaneamente El Mundo e El País anuncian a posta en marcha de expedientes de regulación de emprego para alixeirar as súas “cargas” laborais. Son as últimas novidades no panorama de desolación que vai debuxando un sector, o da prensa escrita, que ven sufrindo unha grave crise de adaptación tecnolóxica desde antes de que Lehman Brothers e outros grandes bancos norteamericanos provocasen a penúltima gran crise financeira do sistema capitalista (o de penúltima é unha concesión ao optimismo: ninguén nos garante, senón máis ben o contrario, que a próxima crise sexa a definitiva).

Como consecuencia da popularización de Internet, como nova vía de transmisión de información e de opinión, as vendas de periódicos impresos van caendo progresivamente, sen que os empresarios teñan acadado aínda a fórmula para superar esa competencia ou para facer negocio no novo formato informativo. A imaxinación empresarial, neste sector como noutros, de momento e na inmensa maioría dos casos, non da máis que para restrición de gastos e axustes de persoal. Empregan a imaxinación, en todo caso, para salvagardar os seus ingresos persoais: no Grupo Prisa non teñen reparo en usar a nova lei laboral, que os seus medios critican, para abaratar os despedimentos, como non teñen escrúpulos en anunciar case ao mesmo tempo un ERE e un reparto de incentivos aos seus executivos por valor de 10,5 millóns de euros. 

Con menos recursos e menos persoal, o produto degrádase e, se xa resultaba difícil competir cun produto máis elaborado, fronte a tecnoloxías de acceso gratuíto (salvo as tarifas telefónicas) e de efecto inmediato, a competencia convértese en imposíbel se a oferta é un produto de menor calidade e rigor, ao que se pode engadir o inquietante aumento dos niveis de terxiversación e manipulación. O fenómeno, ademais, esténdese aos medios audiovisuais, aínda que o impacto das novas tecnoloxías non lles afecta tan de cheo, pero a inercia da precariedade, sobre todo nestes momentos de obsesión dogmática polos recortes, é de fácil contaxio para empresarios que, nalgúns casos televisivos, xa apostaran de entrada pola frivolidade.

Unha situación grave en calquera sector da actividade económica, pero que se converte en directamente crítica cando se trata dunha actividade relacionada co exercicio dunha das liberdades básicas do noso ordenamento constitucional, a liberdade de información e de expresión (á que se dedica, por certo, un día internacional o próximo 3 de maio).

A de xornalista, que é unha profesión de risco en países que sofren ditaduras (e nalgúns que manteñen as formas democráticas, como México, onde os profesionais están sometidos ás ameazas, agresións e mesmo asasinatos das mafias narcotraficantes), en España é unha profesión en perigo de extinción, ben pola vía de transformación en simple amanuense de intereses económicos ou partidistas, ben polo camiño de francotirador espontáneo nas redes sociais, sen contrastes nin responsabilidades.

Diante da irresponsabilidade da maior parte dos empresarios, moitos deles achegados aos medios para utilizalos como plataforma de presión coa conseguir outros fins máis lucrativos, e cun goberno disposto a desmantelar os medios de comunicación públicos, o futuro da información preséntase certamente sombrío. O amplo campo que ofrece Internet aínda está en fase de experimentación como posíbel alternativa de actividade rendíbel. A súa indefinición actual permite unha marxe de liberdade xamais coñecida na circulación da información e das opinións. Pero esa mesma indefinición e a dispersión que supón a súa condición de ferramenta global limita, de momento, as súas posibilidades de converterse en canle de ingresos que manteñan postos de traballo.

Cada vez son máis os profesionais do xornalismo que se lanzan pola súa conta a ocupar espazos en Internet: para traballar en precario, mellor sen xefes. Polo menos mentres os poderosos, os de sempre e os de ocasión, non atopen a maneira de controlar eles Internet e beneficiarse en gran escala.

 

lunes 23 de abril de 2012


Seguridade xurídica selectiva - Xosé A. Gaciño

Xosé A Gaciño
Falan de atentado contra a seguridade xurídica cando se refiren á expropiación de YPF polo goberno arxentino (en uso da súa soberanía e por entender que a multinacional Repsol incumprira os seus compromisos). Como se falou tamén de seguridade xurídica (e nisto non só o PP) en contra dos que reclamaban a revisión das farsas xudiciais montadas polo franquismo para executar as súas represalias. Non falta nunca o argumento da seguridade xurídica cando se quere protexer ou xustificar unha situación de privilexio, de inxustiza ou de simple inercia inmobilista.

Non hai problemas de seguridade xurídica, en cambio, cando se trata de despoxar de dereitos aos traballadores para dar satisfacción aos que impoñen solucións inxustas á crise que eles mesmos provocaron. Como tampouco os hai se é cuestión de deteriorar as condicións nas que se dispensa a sanidade e a educación públicas.

Da mesma maneira, non é necesario preocuparse da seguridade xurídica dos que pretenden exercer o dereito a manifestarse: segundo os plans do Goberno, bastará que un provocador ou un incontrolado faga das súas para que os organizadores da manifestación carguen coa responsabilidade. É máis fácil que poñer a traballar a policía na identificación e localización dos energúmenos.

 E se un medio público de comunicación funciona con independencia, é dicir, sen atender ás consignas do partido gobernante –como viña sucedendo coa RTVE desde a súa última reforma auspiciada polo goberno de Rodríguez Zapatero-, non lles treme a man para modificar a lei polo trámite de urxencia do decreto para que a maioría absoluta do partido gobernante sexa suficiente para elixir ao presidente da corporación. 

Parece que, ante o deterioro de dereitos sociais ou de liberdade de expresión, desaparecen os escrúpulos da seguridade xurídica. Como se as grandes multinacionais ou os criminais de guerra fosen os únicos merecedores de que a seguridade xurídica lles protexa. Toda unha auténtica carreira marcha atrás, na que parece empeñado este goberno, aproveitando que a crise pasaba por aquí.

Á vista da evolución dos acontecementos, e a pesar de que as teses conspiratorias non soen ser as máis apropiadas para analizar as causas do devir histórico, é difícil subtraerse á sospeita de que todas estas medidas (e algunhas máis que están por chegar) non se estean a adoptar para combater a crise, senón que máis ben se organizase a crise para dispoñer dun pretexto co que xustificar a aceleración dunhas medidas que perseguen –iso si que está claro, con conspiración ou sen ela- o desmantelamento do Estado do benestar, que, para os españois, vai ter un carácter mítico, porque estamos asistindo ao seu desmantelamento antes de que puidésemos gozar da súa consolidación.

Esta deriva involucionista, en España, vai más alá do ámbito económico de crise para entrar de cheo en cuestións que, para a dereita, parecen supoñer auténticos axustes de contas en materia de “fe e costumes”, por empregar unha expresión doutros tempos. Como se estivesen convencidos de que é necesario colocar entre parénteses un prolongado espazo histórico de liberdades (como xa colocaron entre parénteses outros espazos máis breves) para restablecer a “seguridade xurídica” de sempre, a das xerarquías sociais inmutábeis.

 

sábado 14 de abril de 2012

Entre o abismo e a represión - Xosé A. Gaciño

Xosé A Gaciño
Como na loita contra a crise parece que non están a ter o éxito fulminante que eles mesmos prognosticaban, cando dicían que bastaría un cambio de goberno para recuperar a confianza dos míticos mercados, intentan gañar puntos ante o electorado (ou, polo menos, ante os electores que lles votaron) botando man de aspectos con certa repercusión social. Comezou Ruiz-Gallardón coas súas teorías da “violencia estrutural de xénero” contra a maternidade, para xustificar o anuncio de cargarse a lei de prazos na interrupción voluntaria do embarazo e vestir cun falso e hipócrita progresismo o que non é máis que ceder ás presións dos sectores máis reaccionarios dos seus votantes.

Entra agora en acción o ministro do Interior, Jorge Fernández, cos seus propósitos de reformar o Código Penal para endurecer o tratamento das alteracións de orde pública. Neste caso, ademais, establece unha relación coa crise, porque estas novas medidas van encamiñadas a evitar problemas de imaxe que deterioren esa confianza que os mercados aínda se resisten a conceder a España. A foto en The New York Times das fogueiras prendidas polos habituais “guerrilleiros” incontrolados de Barcelona o día da folga xeral ten impresionado de máis a este Goberno, que, sen embargo, aplaude as alusións de Sarkozy á desastrosa situación económica de España, que causa o mesmo deterioro de imaxe por moito que as críticas sexan dirixidas á xestión do anterior goberno socialista.

A cuestión é que, como noutros casos de alarma social (por exemplo, nos crimes nos que hai menores por medio), se reacciona de xeito emocional e populista, con máis intención de impresionar e de dar imaxe de firmeza que de solucionar realmente o problema de que se trate, sobre todo porque despois se segue a facer o mesmo, e ás veces coa mesma ineficacia (canto tempo levan eses incontrolados barceloneses rebentando mobilizacións sen que a policía consiga atallalos?), pero con máis retórica demagóxica. No fondo, máis que combater e anular as accións violentas de grupos minoritarios, parece que pretenden disuadir á maioría pacífica de que non é conveniente mobilizarse, non vaia ser que a forza da represión caia sobre os incautos que cren no Estado de dereito.

No seu discurso de investidura, Mariano Rajoy apuntábase ao criterio de poucas leis pero que se cumpran, en vez de multiplicalas, práctica da que acusaba a Rodríguez Zapatero. Pero, a medida que avanza a súa xestión de goberno, un ten a sensación de que está a facer algo moi semellante ao que el atribuía ao anterior presidente. No mesmo discurso de investidura anunciou un lote de proxectos de lei que contradicían o seu principio de austeridade lexislativa, e agora non pasa día sen que se anuncien novos proxectos e medidas, todo elo adobado con declaracións de ministros non sempre harmonizadas.

Acumúlanse leis e medidas, algunhas con evidentes mostras de improvisación (algo que parecía exclusivo de Rodríguez Zapatero) e outras con desagradábeis consecuencias nos dereitos e no benestar dos cidadáns, pero que, no seu conxunto, seguen sen convencer aos que controlan ese cotarro especulativo dos mercados. A lectura final resulta máis ben inquietante: lexislen o que lexislen, camiñamos sen remedio cara ao abismo, mentres procuran convencernos, pola propaganda ou pola represión, de que é mellor non resistirse.

 

lunes 2 de abril de 2012

Menos euforias e máis ideas - Xosé A. Gaciño

Xosé A Gaciño
Unha das consecuencias dos últimos resultados electorais en Andalucía e Asturias, xunto coas mobilizacións da folga xeral, pode ser a xeración de certa euforia enganosa entre a esquerda, como se xa estivese superado o seu fracaso ante unha crise contra a que non soubo ou non puido presentar unha alternativa viábel.

Certo que tanto nas eleccións andaluzas como nas asturianas se freou o que parecía unha onda implacábel da dereita, que aproveitaba os estragos causados pola crise na credibilidade dos políticos, sobre todo, claro, dos que gobernan. Agora é a dereita a que goberna e xa empeza a sentir os efectos da impopularidade, de momento con carácter leve (unha vitoria pírrica en Andalucía e un retroceso en Asturias, onde xa estaba dividida), pero xa suficientemente significativo, nas vésperas de cumprirse os cen días de goberno.


Pero estes resultados parecen ter precisamente a mesma significación que os que levaron á dereita ao seu triunfalismo. E polas mesmas razóns: a inxustiza de que a maior parte dos custos da crise os están a pagar os que non a provocaron, os que foron as súas vítimas desde o primeiro momento, mentres os responsábeis reciben axudas e remuneracións extraordinarias. Non esquezamos que as medidas do goberno actual da dereita seguen a mesma liña que levaban as medidas do goberno socialdemócrata anterior. A folga xeral e os castigos electorais de agora (de momento leves) son continuidade da folga xeral e dos rotundos castigos electorais de antes (en municipais, xerais e mesmo nas andaluzas), cos protagonistas cambiados.

As críticas que fan agora os socialistas contra as subidas de impostos, as conxelacións salariais, mesmo a amnistía fiscal, son case as mesmas críticas que fixeran no seu día os populares contra medidas semellantes tomadas polo goberno anterior, instalados ambos na tendencia marcada no ámbito europeo para debilitar a intervención do Estado e fortalecer as posicións dos poderes financeiros, aproveitando o pretexto da crise, ata o punto de que podemos empezar a pensar que quizais a crise non é o pretexto, senón precisamente o instrumento utilizado para desmontar todo iso que definimos como as conquistas logradas polas loitas das clases traballadoras desde o comezo da revolución industrial.

Convén, por tanto, que a esquerda fracasada o 20-N e momentaneamente resucitada, máis por erros do adversario que por méritos propios, aclare se esa leve recuperación pode abrir novas alternativas fronte á crise ou se hai que situala na habitual rolda de demagoxia electoralista (da dereita e da esquerda), que saca a relucir o radicalismo reivindicativo cando ocupa a oposición e que defende a ortodoxia fundamentalista dos “mercados” cando ten que gobernar.

Convén aclaralo para saber se estamos ante a euforia de políticos profesionais que ven posibilidades de recuperar parte da clientela perdida (á que poderían convencer de que volvesen a mercar o produto de sempre) ou se estamos ante un proceso de crítica e reflexión para definir qué clase de alternativas reais pode ofrecer a esquerda con vistas a superar o evidente esgotamento das súas propostas tradicionais. Un proceso que debería analizar todos os factores que compoñen a verdadeira e profunda crise do sistema (capitalista, por certo), desde a redefinición das clases sociais ata os modelos de crecemento (ou de decrecemento, habida conta da limitación de recursos), pasando polo necesario activismo internacionalista fronte á simplista globalización financeira.

Quizais se necesiten menos euforias de recuperacións electorais conxunturais e máis xeración de ideas que compaxinen de xeito realista a loita concreta por obxectivos parciais coas referencias ás vellas utopías da solidariedade en liberdade.

 

viernes 23 de marzo de 2012

Unha ocasión perdida para a autocrítica monárquica - Xosé A. Gaciño

Xosé A Gaciño
Da mesma maneira que unha xenérica alusión a que a lei debe ser igual para todos, na mensaxe do rei no pasado Nadal, foi interpretada como un rotundo distanciamento (ou mesmo condena) das sospeitosas actividades do seu xenro Urdangarín, o habitual coro laudatorio de Juan Carlos I considera que, coa frase “unha nación que estivo moi por enriba das súas máximas autoridades”, no seu discurso da conmemoración do bicentenario da Constitución de Cádiz, xa ten renegado do seu antepasado Fernando VII, que a aboliu en canto ocupou o trono, en 1814, unha vez retiradas de España as tropas de Napoleón. Parece que algúns se conforman con moi pouco ou pode que xa lles pareza suficiente ou mesmo moito, se temos en conta o comportamento dos seus antepasados ideolóxicos ao longo da historia de atrancos e frustracións na que se converteu o camiño cara a liberdade en España.
As alegrías partidistas de Mariano Rajoy, na súa lectura da Constitución de 1812 en clave de xustificación do seu propio despregue contrarreformador co pretexto da crise, xa foron difundidas e comentadas dabondo. Fundamentalmente, creo que mostran a arrogancia e o descaro desta dereita para converter unha celebración histórica e institucional nun mitin electoralista.
Menor resonancia, aparte das xa mencionadas referencias laudatorias, tiveron as palabras do rei, protexidas sempre por esa sorte de bula de que dispón un monarca ao que, constitucionalmente, non se lle poden pedir responsabilidades, pero a verdade é que Juan Carlos I perdeu unha magnífica ocasión de repasar as responsabilidades históricas de varios dos seus antepasados, que, en determinados momentos, estiveron moi por debaixo das posibilidades e das necesidades da nación.
O rei falou de que en Cádiz se abriu a porta da España moderna e democrática e que a Constitución do 1812 foi o punto de arranque dun  longo percorrido ata o noso Estado de dereito. Faltou precisar que esa porta foi inmediatamente pechada polo xa mencionado Fernando VII e que o longo percorrido constitucional foi continuamente interrompido polos intereses oligárquicos máis reaccionarios e escurantistas, que sempre contaron coa complicidade dun monarca.

E non é cuestión de andar pedindo perdón, que é unha opción moi persoal. Sen necesidade de erixirse na conciencia da súa dinastía para expiar os pecados dos seus antepasados, hai maneiras de facer unha mínima autocrítica de certos comportamentos políticos de reis que non asimilaron os recortes constitucionais das súas prerrogativas. Claro que iso tería que incluír a crítica ao ditador que fixo de rei provisional despois de arrasar España nunha guerra civil e do que, en certa maneira, é herdeiro.
No fondo, toda unha oportunidade para reivindicarse como o monarca que, partindo de tan nefastos ou dubidosos antecedentes, conseguiu recompoñer a imaxe da monarquía, vinculándoa ao período democrático máis longo e frutífero. Pero pode máis o temor a espertar receos na caverna dos nostálxicos.

 

sábado 17 de marzo de 2012


Recordos dunha dura loita constitucional - Xosé A. Gaciño

Segundo Tierno Galván, as Cortes de Cádiz deixaran un programa que se realizou durante un século. Pode que fora así na súa literalidade, a dunha Constitución da que agora se cumpren douscentos anos e que aceptaba, por exemplo, a relixión católica como relixión oficial do Estado ou que non contemplaba o sufraxio universal e directo (naqueles tempos non se podía nin imaxinar o voto feminino e o voto indirecto aínda subsiste nada menos que na elección do presidente de Estados Unidos). Pero no que se refire ao seu espírito, o de abrir o camiño a un sistema democrático, é un proceso que hai que manter aberto, por moi sólida que nos pareza a nosa democracia actual.
Tal como suxire a reflexión do vello profesor, a Constitución hoxe bicentenaria foi máis unha declaración de principios que unha Constitución en vigor. Cando podía ter entrado realmente en vigor, unha vez retirados de España os exércitos napoleónicos, o “desexado” e logo aborrecido Fernando VII deixouna sen efecto no 1814.
Volveu renacer de xeito efémero no 1820, tras o pronunciamento de Riego (último dunha serie de intentos de proclamar a Constitución de Cádiz, entre eles o do xeneral Díaz Porlier en A Coruña no 1815), só ata a nova invasión francesa, a dos absolutistas “cen mil fillos de San Luis” no 1823. Máis efémera foi a súa vixencia no 1836, tras a sublevación de sarxentos de La Granja, só para convocar unhas novas Cortes constituíntes, que elaboraron a Constitución do 1837, que mantivo o espírito do 12 ata a do 1845, que inicia un retroceso a posicións absolutistas, con lixeiras concesións.
Dentro da hexemonía  conservadora (superada, non obstante, polo ultramontano carlismo, que gozaba de apoios populares en certas zonas como para manter unha auténtica guerra civil), só as Constitucións do 1869, tras a “revolución gloriosa” do ano anterior, e do 1873 (republicana e federal) abren brevísimas parénteses de liberdades sen condicións no tenso panorama do XIX. No século seguinte, e tras outra paréntese de esperanza frustrada (a da Segunda República), hai que esperar á morte do ditador Franco para abrir o que, de momento, é o período máis prolongado de democracia en España.
A Constitución de Cádiz non só foi unha referencia constante na loita por establecer un verdadeiro sistema constitucional en España. Foi tamén unha referencia en Europa e en América, sobre todo nas entón colonias españolas, que inspiraron nese impulso as súas propias loitas pola independencia. Non en vano o texto gaditano foi o terceiro documento constitucional, despois dos elaborados nos Estados Unidos e en Francia a finais do século XVIII.
Naquel momento, foi un golpe de audacia da burguesía liberal española, que contaba cunha base social moi limitada, pero á que favoreceu, na formación das Cortes constituíntes, as dificultades de desprazamento pola ocupación napoleónica. A proba é que o desenvolvemento posterior daquel xerme de liberdade resultou unha misión case imposíbel, fronte ao enraizado poder do antigo réxime, un poder que aínda daba rabexadas na recta final do século XX, condicionando algúns aspectos da Constitución do 1978. E que aínda fai sentir o seu malestar de nostálxico de absolutismos e ditaduras desde as súas cavernas políticas e mediáticas.

 

viernes 2 de marzo de 2012


Tampouco saben gañar - Xosé A. Gaciño

Nos peores anos da crispación (desde aquel 11-M que tan mal dixeriron e co que aínda andan a manipular en canto se lles presenta a máis mínima ocasión), chegabamos a pensar que era mellor que gañasen as eleccións, a ver se, unha vez no goberno, se tranquilizaban e comezaban a facer política con normalidade, mesmo con toda a dureza que a difícil situación económica podería esixir pero sen recorrer ás demagoxias, as descualificacións e os insultos. Considerabamos que xa bastante tensión proporcionaban as turbulencias financeiras e as obsesións de austeridade como para seguir mantendo a crispación suplementaria dos que aínda non se recuperaran dunha derrota electoral causada pola súa propia arrogancia.
Así pareceu en principio, coa formación dun goberno de perfil moderado ante o que se mantivo certa actitude esperanzadoramente expectante. Mesmo o anuncio de plans de traballo máis radicais do previsto na campaña electoral interpretouse como chiscadelas conxunturais aos seus electores máis á dereita, algo frustrados porque non empezaran a súa actuación coas trompetas da apocalipse. Entre a desmoralización da esquerda e a resignación xeral, a dereita emprendía a súa nova andadura gobernamental con certo nivel de comprensión.
Pero o periodo de calma foi curto. Primeiro foron os clásicos lamentos pola herdanza recibida, que obrigaba, dicían, aos primeiros recortes de emerxencia e a unha primeira subida de impostos (a súa contradicción máis grave). Os lamentos foron subindo de ton ata recuperar os niveis de descualificación do adversario propios da súa etapa de oposición. Así, cando chegaron á contrarreforma laboral, xa tiñan quentado o ambiente e mesmo previsto unha folga xeral. E en canto os sindicatos empezaron a criticar a expropiación de dereitos laborais, xa estaba en plena ebullición todo o aparato de manipulación e propaganda para desprestixiar as organizacións sindicais e mesmo aos "sacrosantos" parados que, meses antes, eran vítimas dun goberno irresponsábel e incompetente e agora se convertían en adictos ao subsidio e indolentes que non aceptan calquera clase de traballo en calquera parte do mundo.
As primeiras mobilizacións contra os recortes -que, en realidade, son a continuación das que se viñan sucedendo baixo gobernos socialistas, entón con folga xeral incluída- teñen desatado como unha sorte de orgullo ferido do goberno, que considera unha ingratitude que algúns sectores sociais non valoren o traballo serio e responsábel que está a desenvolver polo ben xeral. Ás descualificacións habituais contra todo o que se move á súa esquerda engade novas variantes da súa teoría da conspiración, esta vez non tan retorcidas como as que necesitaron inventarse para o 11-M, pero tamén na liña de situar á esquerda nas marxes do sistema e vencellala a prácticas violentas.
Nas dúas anteriores lexislaturas, a dereita deu motivos dabondo para pensar que non sabían perder. Agora, polo camiño que levan, quizais é que hai que empezar a pensar que tampouco saben gañar. Ou quizais son tan incompetentes que se creron o seu propio discurso de que bastaba un cambio de goberno para recuperar milagrosamente a confianza dos mercados, e están a perder os papeis desde que comprobaron que os milagres non existen.

sábado 25 de febrero de 2012


Panorama informativo á dereita - Xosé A. Gaciño

Asasinado o xornal Público pola vía aparentemente aséptica das leis do mercado (tanto vendes tanto vales, sobre todo se es de esquerdas, porque aos de dereitas se lles facilitan inversións, créditos e publicidade), limitado e domesticado en certa medida o grupo Prisa (que non quere ser sometido a unha nova persecución como á que lle someteu Aznar, vía Gómez de Liaño), ao PP só lle falta liquidar a independencia de RTVE para dispoñer dun coro mediático case unánime. En Galicia xa se viviu un proceso semellante co peche en cadea de periódicos en galego e progresistas, en papel ou en dixital, nada máis volver a dereita á Xunta.

De momento, e con respecto á RTVE, teñen que probar unha dose moi leve da súa propia medicina, a das dificultades para cubrir vacantes que necesitan consenso parlamentario. Os populares teñen demostrado, ao longo dos dous mandatos de Rodríguez Zapatero, a súa habilidade para bloquear a renovación de cargos que necesitan maiorías cualificadas, se a renovación vai ter como consecuencia que os conservadores queden en minoría, e para presentar recursos oportunos, cos argumentos máis peregrinos (pero eficaces), co fin de fabricar en cada caso a maioría necesaria. Así conseguiron manter o control do Tribunal Constitucional e do Consello Xeral do Poder Xudicial durante os sete anos dos últimos gobernos socialistas, corrixindo na máxima instancia xudicial o que non podían evitar no parlamento.

Agora, mentres non resolvan o nomeamento dun novo presidente da corporación de RTVE, soportan de mala gana a liña informativa independente da radio e televisión pública do Estado, que é, por certo, a de máxima audiencia, un dato que deberían ter en conta estes ultraliberais da oferta e da demanda, pero que, á hora da verdade, como teñen demostrado coa televisión autonómica madrileña, prefiren unha información sectaria, aínda que nin siquera a sigan os seus votantes. Non vai ser moito tempo, de todas maneiras, porque xa o líder socialista aceptou negociar todas as renovacións pendentes antes do verán, e a anunciada liña de oposición construtiva inclúe pagar con sensatez e non vingarse por todo ese pasado irresponsábel da crispación sistemática.

Cando remate de caer a independencia de RTVE, contemplaremos un panorama informativo moi escorado a dereita, desde un moderado partidismo ata a manipulación máis sectaria no profundo da caverna, con illotes de progresismo en pleno naufraxio. A política informativa da esquerda sempre primou os medios públicos e, cando non ten acceso a eles, o tratamento informativo das súas propostas e das súas opinións queda moi desamparado, por moito que, hoxe por hoxe, o xornal e a cadea de radio con maior difusión se movan na órbita progresista. A inmensa maioría do resto dos medios van formar un cerco de descualificacións constantes. Na dereita mediática non abonda o respecto ás ideas alleas.

Na información, como en tantas outras cousas, parece que Rajoy, a pesar da súa apariencia presuntamente moderada, pode chegar máis lonxe na involución que Aznar na súa segunda lexislatura. O castigo da crise, coa inmolación do goberno socialista, sementou a desmoralización nas bases e nas organizacións de esquerda. Montada na onda da catástrofe, a dereita síntese agora máis forte que nunca para meter en cintura o que considera veleidades "progres" que poden significar límites aos índices de lucro privado. Incluída a liberdade de información e de expresión.

 

sábado 18 de febrero de 2012



Políticas de curto prazo – Xosé A. Gaciño

Se un partido político non gaña o apoio dos electores, ou perde de maneira máis ou menos contundente os apoios que tiña, é lóxico pensar que as súas propostas non conectan coa visión que a maioría dos electores ten dos seus intereses. A partir desa constatación evidente, as análises enrédanse na múltiple variedade de matices a considerar e, en consecuencia nas posíbeis solucións que eviten futuros fracasos. Por exemplo, se as propostas eran axeitadas pero fallou a maneira de transmitilas, non se "venderon" ben, polo que hai que buscar un novo "vendedor" ou unha nova estratexia publicitaria. Neste caso, trataríase dun problema relativamente menor.

Máis complicado é cando se chega á conclusión de que o que fallan son as propostas mesmas, ben porque non están axustadas á realidade ou porque, ainda sendo realistas e racionais, non se corresponden cos intereses dunha maioría de electores. Se non se axustan á realidade, evidentemente, hai que cambialas (ou marchar para casa, que moitas veces é o máis proveitoso para todos). Pero se os propoñentes están convencidos de que as súas propostas son as máis axustadas á realidade e ao interés xeral (que nunca será realmente xeral, claro, senón dunha maioría suficiente dos cidadáns), ábrese o dilema de cambialas, para acomodalas máis aos "gustos" conxunturais do votante-cliente, ou de insistir nelas ata convencer ao votante-cidadán da racionalidade do proxecto ou ata que a evolución das circunstancias remate por dar a razón aos propoñentes.

O xogo de matices depende tamén da concepción do "negocio" político: se se considera ao votante como cliente ao que colocar unha mercancía ou se lle considera como cidadán ao que convencer dunha determinada maneira de organizar e resolver os asuntos públicos. No primeiro caso, a flexibilidade ideolóxica dun partido, e non digamos dun político individual, pode estirarse todo o que se queira, polo menos en campaña electoral, que xa no goberno haberá argumentos circunstanciais suficientes para xustificar calquera cambio de rumbo, por afastado que pareza dos programas iniciais (e nestes días estamos a ter exemplos dabondo sobre medidas de goberno que contradin rotundamente moitos dos principios declarados en campaña ou na oposición, como tamén os houbo no goberno anterior).

En canto ao segundo caso, o de considerar ao votante como cidadán consciente, se realmente se está convencido da xusteza das propostas propias, é cuestión de afrontar unha estratexia de desenvolvemento pedagóxico crítico para intentar que cheguen e callen na opinión pública, mesmo renunciando a beneficios electorais inmediatos. Neste sentido, ningún momento mellor que a actual crise para abrir un debate serio e profundo sobre a verdadeira crise de fondo coa que se pode atopar a humanidade a longo prazo (e pode que a medio, se continúa a aceleración da precariedade), cando a dinámica do crecemento irracional e desbaldidor, xunto cunha demografía descontrolada, entre en colisión coa limitación de recursos nun planeta deteriorado pola contaminación ambiental.

De momento, predomina o curto prazo e con efectos retroactivos. Predominan, tanto nos partidos que gañan como nalgúns dos que perden, os que pensan que a saída da crise consiste en volver ao punto de partida anterior á crise, á mesma situación que a provocou. É dicir, instalarse na crise permanente.

 

lunes 30 de enero de 2012

POPULISMO XUSTICEIRO - XOSÉ A. GACIÑO

Xosé A. Gaciño
Tiña razón o ministro de Xustiza cando, na presentación dos seus proxectos lexislativos na comisión correspondente do Congreso, expresaba a súa sorpresa pola sorpresa que mostrara la oposición ante unhas propostas que formaban parte do programa electoral do PP. Efectivamente, modificar a lei do aborto, establecer a cadea perpetua ou endurecer a lei do menor son ideas que os conservadores tiñan anunciado (e que os sectores máis ultradereitistas esixían desde hai tempo). Non deben sorprender, nin siquera porque sexa Alberto Ruiz-Gallardón quen o anuncie. O ex alcalde de Madrid pasa por ser do máis presentábel da dereita española, pero non deixa de ser dereita (ademais, dos discípulos directos de Fraga).

Quizais é que algúns non rematan de enterarse do cambio político que supón o regreso do PP ao Goberno. Obsesionados pola crise e encadeados como estamos á política económica neoliberal imperante na Unión Europea, pode que se pensase que estes viñan só a arranxar as contas para saír máis rápido do estancamento e que, se esas contas hai que facelas en clave ultracapitalista, mellor os convencidos de toda a vida que os conversos vergoñentos. Pode que algúns (ou moitos) votantes se fixesen ese razoamento nas últimas eleccións xerais: que os populares tomarían con máis decisión e convencemento as medidas necesarias para saír da crise, unha vez que as adoptadas polos socialistas (prácticamente no mesmo sentido que o goberno actual) non daban o froito desexado no momento oportuno.

Pero estes non veñen só a resolver o problema económico (que está por ver que o resolvan e con qué consecuencias) e os proxectos de Ruiz-Gallardón serven para recordalo. Na etapa dos gobernos de Aznar non tocaron a lei do aborto, nin siquera cando tiveron maioría absoluta, pero agora o clima é diferente: aínda están moi recentes as protestas contra a reforma da ministra Bibiana Aído (posíbelmente a máis insultada dos últimos gobernos socialistas, só superada polo propio Rodríguez Zapatero), que ten ademais un matiz que molesta especialmente á dereita, o matiz de que, dentro das primeiras catorce semanas do embarazo, é a muller a que decide. En canto ás outras medidas anunciadas, forman parte do que algúns chaman populismo punitivo, que responde ao clima de alarma social xerado por casos excepcionais.

Da chamada lei do menor, aprobada hai doce anos (baixo goberno do PP, por certo), chamoume sempre a atención de que, ante cada caso polémico, se acumulaban as críticas contra a lei, sen que ninguén saíse na súa defensa, como se fose un texto caído do ceo, que non tivera sido debatido, enmendado e aprobado nas Cortes Xerais. Ao longo deste tempo, ademais, foi reformada varias veces sen que deixase de ser criticada cada vez que había un delito no que estivese involucrado un menor, e co mesmo sorprendente silencio dos autores da correspondente reforma.

Polo que se refire á "cadea permanente revisábel", eufemismo para evitar a denominación máis contundente de cadea perpetua, é outro producto populista, derivado da tan estendida como falaz idea de que en España os delincuentes apenas paran no cárcere (sendo o segundo país con menor delincuencia de Europa, España é o país con maior número proporcional de reclusos e coa media máis alta de estancia na prisión). Alúdese a que outros países europeos contemplan a cadea perpetua tamén revisábel. Esquécese que, neses países, foron pasando da cadea perpetua á revisión periódica desa cadea, nun proceso de flexibilización da condena, mentres o que se pretende aquí é iniciar un proceso de endurecemento, despois de ter elevado de trinta a corenta anos o tempo máximo en prisión.
O peor dese populismo xusticeiro é que está máis arraigado na opinión pública do que se pensa, e non só entre o electorado de dereitas. Consecuencia, entre outras cousas, do déficit de pedagoxía cidadá que pode advertirse na actividade da esquerda, demasiado ocupada nas intrigas inmediatas ata o punto de esquecerse que a racionalidade das posturas progresistas esixen máis explicacións que a demagoxia elemental dos que se limitan a aproveitarse do instinto de resposta máis primitivo.