Asasinado o xornal Público pola vía aparentemente aséptica das leis do mercado (tanto vendes tanto vales, sobre todo se es de esquerdas, porque aos de dereitas se lles facilitan inversións, créditos e publicidade), limitado e domesticado en certa medida o grupo Prisa (que non quere ser sometido a unha nova persecución como á que lle someteu Aznar, vía Gómez de Liaño), ao PP só lle falta liquidar a independencia de RTVE para dispoñer dun coro mediático case unánime. En Galicia xa se viviu un proceso semellante co peche en cadea de periódicos en galego e progresistas, en papel ou en dixital, nada máis volver a dereita á Xunta.
De momento, e con respecto á RTVE, teñen que probar unha dose moi leve da súa propia medicina, a das dificultades para cubrir vacantes que necesitan consenso parlamentario. Os populares teñen demostrado, ao longo dos dous mandatos de Rodríguez Zapatero, a súa habilidade para bloquear a renovación de cargos que necesitan maiorías cualificadas, se a renovación vai ter como consecuencia que os conservadores queden en minoría, e para presentar recursos oportunos, cos argumentos máis peregrinos (pero eficaces), co fin de fabricar en cada caso a maioría necesaria. Así conseguiron manter o control do Tribunal Constitucional e do Consello Xeral do Poder Xudicial durante os sete anos dos últimos gobernos socialistas, corrixindo na máxima instancia xudicial o que non podían evitar no parlamento.
Agora, mentres non resolvan o nomeamento dun novo presidente da corporación de RTVE, soportan de mala gana a liña informativa independente da radio e televisión pública do Estado, que é, por certo, a de máxima audiencia, un dato que deberían ter en conta estes ultraliberais da oferta e da demanda, pero que, á hora da verdade, como teñen demostrado coa televisión autonómica madrileña, prefiren unha información sectaria, aínda que nin siquera a sigan os seus votantes. Non vai ser moito tempo, de todas maneiras, porque xa o líder socialista aceptou negociar todas as renovacións pendentes antes do verán, e a anunciada liña de oposición construtiva inclúe pagar con sensatez e non vingarse por todo ese pasado irresponsábel da crispación sistemática.
Cando remate de caer a independencia de RTVE, contemplaremos un panorama informativo moi escorado a dereita, desde un moderado partidismo ata a manipulación máis sectaria no profundo da caverna, con illotes de progresismo en pleno naufraxio. A política informativa da esquerda sempre primou os medios públicos e, cando non ten acceso a eles, o tratamento informativo das súas propostas e das súas opinións queda moi desamparado, por moito que, hoxe por hoxe, o xornal e a cadea de radio con maior difusión se movan na órbita progresista. A inmensa maioría do resto dos medios van formar un cerco de descualificacións constantes. Na dereita mediática non abonda o respecto ás ideas alleas.
Na información, como en tantas outras cousas, parece que Rajoy, a pesar da súa apariencia presuntamente moderada, pode chegar máis lonxe na involución que Aznar na súa segunda lexislatura. O castigo da crise, coa inmolación do goberno socialista, sementou a desmoralización nas bases e nas organizacións de esquerda. Montada na onda da catástrofe, a dereita síntese agora máis forte que nunca para meter en cintura o que considera veleidades "progres" que poden significar límites aos índices de lucro privado. Incluída a liberdade de información e de expresión.