José Luís Gómez |
A miúdo dá a impresión de que a banca actúa como can do hortelano, que non come nin deixa comer. Nin se abren espazos para recuperar a banca pública, demonizada sen que ninguén explique as razóns, nin se propician alternativas consistentes ao financiamento tradicional, neste momento colapsada e pendente dunha reforma que aínda tardará en dar froitos, por positiva que sexa.
Todo parece indicar que os bancos e caixas, cada vez máis concentradas por certo, van deixar espazo para que emerxan novos axentes financeiros, especializados en financiamento de empresas, pero ese tipo de procesos adoitan requirir estímulos lexislativos e incentivos ás compañías, por exemplo para crear un gran Mercado Alternativo Bolsista, que en España está por vir.
As grandes solucións chegarán desde arriba -léase Unión Europea, Banco Central Europeo e Alemaña-, máxime agora que España é un país tutelado por Berlín e Bruxelas, pero desde abaixo tamén cabe moverse. Como di o economista galego Vicente Martín, para que se reactive a economía ten que haber máis demanda, pero para que as empresas poidan facer cousas -por unha banda investir e polo outro tirar da economía e xerar máis emprego-, é fundamental que haxa financiamento, do tipo que sexa. En definitiva, será unha boa forma de demostrar algo que predicou Guindos ante Ben Bernanke en Wáshington: o fin último da reforma financeira ou a reforma laboral é o de volver ao crecemento económico nos próximos meses.