XOÁN ANTÓN PÉREZ-LEMA

Cadernos da viaxe - Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema
PREVIRMOS A CORRUPCIÓN.

Hai anos que Carlos Varela, Fiscal Superior de Galicia, chama á atención da Xunta e do Parlamento sobre da necesidade de dotarmos de instrumentos para previrmos a corrupción, como aconsellan tamén dende a organización “Transparencia Internacional” ou mesmo dende grupos de traballo do propio Consello de Europa. Velaí o exemplo portugués, que creou o Consello de Prevención da Corrupción no 2008.

Mais as sucesivas Memorías da Fiscalía foron acollidas só con boas `palabras por parte de todos os partidos con representación parlamentaria, sen que ninguén fixese uso de cadansúa iniciativa lexislativa para transladar á lexislación galega as recomendacións da Fiscalía Superior galega e  destas institucións internacionais. Semella que a algúns non lles interesa e aos outros non lles semella importante, quizais por pensar que a corrupción é consubstancial ao sistema.

Semella que este baleiro normativo encherase no futuro, xa que o sábado foi presentada no Parlamento unha iniciativa lexislativa popular, que será debatida aló por primeiros de verán, sempre que os seus promotores, pertencentes á dirección nacional do partido Compromiso por Galicia (CxG), sexan quén de acadar as 15.000 sinaturas que esixe o Dereito galego para que esta caste de iniciativas poida chegar ao debate no Pleno do Parlamento.

A nova proposta lexislativa introduce a limitación a dous mandatos dos cargos públicos en Galicia, xunto coa obrigatoriedade da declaración anual de bens e intereses de todos os cargos públicos e representativos e a implantación dun referendo revogatorio á metade da lexislatura no que a cidadanía podería revogar o mandato conferido dous anos antes. Tamén se recollen limitacións de contía máximas na acumulación de contratos administrativos adxudicados negociadamente, isto é sen concurso ou subhasta. E proponse a creación dun Consello de Prevención da Corrupción seguindo o modelo portugués, só orientado á prevención das actividades de risco a respecto da corrupción.

As forzas políticas galegas terán, xa que logo, unha boa ocasión para demostrar que a loita contra a corrupción é para elas algo máis ca unha ladaíña. Porque a corrupción política é, xa, unha das principais preocupacións da cidadanía galega.

A ARRINCADEIRA: Non no Estado de Dereito.


Mais a loita contra a corrupción non xustifica excesos como a presentación xudicial, esposado polos pulsos, do ex-concelleiro compostelán Albino Aldrey. Non existía risco de fuga nin de agresión que xustificase este trato degradante. Suspenso para os axentes que trataron este cidadán dun xeito tan desaquelado. 

 

 

domingo, 10 de febrero de 2013


Cadernos da viaxe - Xoán Antón Pérez-Lema



CORRUPCIÓN E ECONOMIA DE MERCADO.

Coñecimos nos últimos días dúas revelacións que degradan máis a lexitimidade do actual Goberno do Estado. Por unha banda, sóubose  que a ministra Ana Mato estaba casada en réxime de gananciais con Sepúlveda aínda no 2007. Pola outra, Mariano Rajoy publicou as súas declaracións fiscais. E destas tírase que no 2008, cando a crise xa era unha realidade, o PP- que depende segundo a súa contabilidade oficial nun 86% das subvencións públicas- incrementaba o soldo do seu Presidente nuns 28000 euros até elevalo a máis de 200.000 €/ano. Lembremos que sería no 2008 cando, segundo a versión-desmentida polo PP- do xornal “El Mundo” Dolores de Cospedal suprimiría os sobresoldos  da rúa Xénova, que ascenderían no caso de Rajoy a 25.200 €/ano, segundo os apuntamentos publicados no xornal “El País” , tamén desmentidos polo PP.

        E mentres medra o malestar da cidadanía, o PCE ven de afirmar que a corrupción é consubstancial ao sistema. Velaí que só safaríamos da corrupción a medio dunha transición cara ao socialismo, esquecendo a evidencia da gravísima corrupción que existiu na Europa do socialismo real entre 1946 e 1990 e existe na Cuba castrista.

O repto é previrmos a corrupción dentro do sistema. E isto esixe, sobre todo, non confiar na autoregulación e establecer regras claras para garantirmos a transparencia e a boa gobernanza. Porque a grande ferramenta contra a corrupción é o Dereito. Un Dereito que emane dun pacto social e político que esixa altísimos estandares de calidade, moralidade e transparencia aos nosos políticos.

Compre falarmos tamén dos axentes privados facilitadores da corrupción política, residenciados nas grandes construtoras e nalgunhas empresas que cotizan no Ibex 35. Connivencia que non só degrada a política, senón a economía. Porque distorsiona a libre concorrencia, conforme ao modelo do “capitalismo de casino do BOE”: pouca atención á formación e motivación dos recursos humanos e ao I+D+i e construción de oligopolios. Estes axentes privados facilitadores tentan chuchar todos os grandes contratos, en detrimento do conxunto do tecido empresarial galego e degradan a contratación de moitos servizos públicos.

A ARRINCADEIRA: A xenreira do PP co galego.

A Xunta, esquecendo que segundo o Estatuto os procedementos xudiciais nados na Galicia han rematar perante o TSXG, quere levar o Decreto do galego ao Tribunal Supremo, que só pode estimar o recurso se prantexa e obtén do Tribunal Constitucional a declaración parcial de inconstitucionalidade da Lei de Normalización Lingüística de 1983. Será ésta a intención do Goberno de Feijóo? De calquera xeito, é un aceno que non só atenta contra a nosa lingua, senón que despreza o noso autogoberno, ao someter a normativa galega ás instancias xudiciais de Madrid

 

 

domingo, 3 de febrero de 2013


Cadernos da viaxe - Xoán Antón Pérez-Lema



 Xoán Antón Pérez-Lema
SOLUCIONARMOS AS PREFERENTES

Nas últimas semanas, dende o Goberno do Estado e dende o proprio FROB estanse a proxectar medias verdades, cando non completas falsidades a respecto do problema dos clientes minoristas galegos afectados pola comercialización das preferentes e subordinadas. Mesmo se chegou a publicar en xornais de máxima difusión galega e estatal que non había outro xeito para eludir as futuras condicións de quita e canxe ca a arbitraxe, omitindo a vía da reclamación xudicial de nulidade.

As condicións de quita e troco que proporán NCG BANCO, BANKIA e demáis entidades estatalizadas só rexerán para aqueles que non obteñan a declaración de nulidade do seu contrato de adquisición desta acste de produtos. Esta declaración pode acadarse, quer a medio dun laudo arbitral, quer a medio dunha sentenza xudicial. As dúas vías son incompatíbeis, pero só dende o momento no que o afectado asina a conformidade coa proposta de devolución  que lle presenta o Banco. A mera solicitude de arbitraxe non aceptada polo Banco permite pedir a nulidade pola vía xudicial.

Van aló máis de 13.000 casos resolvidos na arbitraxe, mais  a Xunta ralentizou en grande medida o proceso dende as eleccións, Así É todo.  segue aberto e semella que  unhas 2.000 persoas  (menos do 7% dos casos pendentes que pediron arbitraxe)   acadarían solución por esta vía. O resto terían que demandar xudicialmente para acadar esta nulidade. Doutro xeito ficarán suxeitos aos termos da quita e canxe.

A demanda xudicial individual é máis segura e rápida, malia que existan posibilidades obxectivas da viabilidade das demandas colectivas, a presentada polo Fiscal Superior de Galicia e a que está a preparar AGAPROFI.  Neste senso, a admisión desta última dependerá de que os Tribunais consideren que o colectivo de clientes minoristas afectados constitúe un colectivo minimamente homoxéneo e doadamente determinábel. Porque o problema da comercialización das preferentes non é que se lle venderan a analfabetos ou incapaces, senón a toda caste de clientes minoristas( mesmo medianos empresarios e enxeñeiros) para os que non estaban concibidas. Vendas que nunha esmagante maioría adoeceron de defectuosa información e abuso de confianza, o que define a relativa homoxeneidade do colectivo para o efecto da demanda colectiva.

 

 

lunes, 28 de enero de 2013


Cadernos da Viaxe - Xoán Antón Pérez-Lema



Xoán Antón Pérez-Lema
UNHA FISCALIDADE INASUMÍBEL

É un lugar común  que a queda da actividade económica xere de seu unha queda na recadación fiscal. Mais os estudos do economista galego Manuel Lago demostran que o grande burato fiscal entre a recadación do 2006 e ao 2011 foi o Imposto de Sociedades (IS), que pagan as compañías mercantís polos seus beneficios. No 2006 a recadación estatal acadou os 183,5 mil M€, que caeu no 2011 a 158,5. Pois ben, estes 25 mil millóns menos foron responsabilidade exclusiva do IS, que caeu en 28 mil millòns (duns 43,7 mil M€ a só pouco máis de 11 M€), mentres a recadación por IRPF sobía en case 4 mil millóns e o IVE e os Impostos especiais mantiñan, en xeral, os seus números.

Evidentemente, a caída nos beneficios explica parte desta queda, mais non a meirande parte. No ano 2011 os beneficios das empresas societarias sobardaron os 115 mil M€, dos que máis de 46 mil M€ ficaron exentos de tributación, por mor dun conxunto de complexas  bonificacións, exencións e deducións fiscais e outras ferramentas de enxeñería tributaria que só benefician ás grandes corporacións, que veñen pagando de media só un 11,6%, fronte á media do 12,2% das familias na renda ou o case 18-19% de media que pagan as pemes societarias.

Velaí que o problema do déficit haxa que velo, sobre todo, dende a perspectiva do ingreso. A recadación fiscal española perdeu quizaís máis de 20.000 M€ (máis da metade do que paga o Estado polos elevadísimos xuros da débeda) por mór dunha lexislación  fiscal regresiva que non axusta o pagamento dos Impostos ao beneficio real das grandes empresas, unicas que teñen na súa mán as complexas ferramentas de enxeñería financeira precisas.
Semella que unha normativa fiscal  xusta e progresiva achegaría moitos máis recursos á caixa. E achegaría unha perspectiva moi diferente a respecto dos recurtes sanitarios, educativos e sociais que a dereita vende como inevitábeis. Malia que fose o PSOE, por certo, quen aplicara esta lei fiscal tan pouco social.

A ARRINCADEIRA: Grande parte da sociedade quere máis galego.

O éxito da manifestación a prol da nosa lingua non habería facermos esquecer a necesidade de combinar( e mesmo trascender) esta caste de respostas na rúa con medidas eficaces e proactivas para recuperar falantes e presenza social nos sectores até de agora pouco receptivos á nosa lingua.

 

domingo, 20 de enero de 2013


Cadernos da viaxe - Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema
RAJOY TIÑA QUE SABELO.

O actual- e inaturábel- nível de corrupción da actividade política no Estado ten a súa causa sobranceira na colonización das institucións desenvolvida os últimos 30 anos pola cada vez máis ampla burocracia do bipartidismo PP-PSOE.Unha burocracia que medra para, porén, depender cada vez máis dun pequeno grupo dirixente, que decide as candidaturas electorais e os postos institucionais, convertendo a loubanza ao xefe, a adhesión acrítica e o espirito gregario nos principais valores para desenvolver unha carreira política.

Esta colonización institucional bipartidista, asi e todo, non explica por si propia o actual nível de corrupción senón entendemos a súa estreita relación con determinadas elites financieras e empresariais madrileñas que xiran  arredor do BOE, en sentido amplo. É dicir, do mundo das contratacións e concesións. Elites que, no que atinxe a Galicia, amosáronse historicamente belixerantes diante da posibilidade de que as empresas autóctonas puidesen obter unha parte importante das contratacións públicas ou do reparto eólico. Por certo, son as mesmas que din que as autonomías son ruinosas e que as crases medias vivíamos por riba das nosas posibilidades.

España é un dos Estados máis corruptos dentro das democracias occidentais, segundo Transparencia Internacional e o único Estado da Unión Europea sen unha lexislación específica que sancione a falla de transparencia nos Poderes Públicos. Semella, xa que logo, que como moitas veces a solución futura pasará nomeadamente por darmos  máis e mellor regulación.

Agora ben, hoxe non é protagonista  a corrupción sistémica en xeral, senón a  que aferrolla a sede central do PP. Se as revelacións das últimas horas son certas e os dirixentes estatais do PP cobraron sobresoldos en diñeiro “B”até 2009 é evidente que os Presidentes do PP até 2009 tiveron que coñecer ese feito. Tamén Aznar (máximo dirixente  até setembro do 2003) e Rajoy, que lidera dende entón. Xa que logo, semella que o futuro do Partido que goberna con maioría absoluta en Madrid e moitas capitais autonómicas pode depender da chantaxe dun presunto delincuente. Porque, se esa caste de comportamentos ilegais existiron no seu tempo, Rajoy tivo que coñecelos.

A ARRINCADEIRA: O PPdeG volta apelar ao galeguismo.


Consciente do deficiente comportamento electoral que tivo nas cidades o pasado outubro, o PP vestiuse en Lugo coas galas do galeguismo cordial de Fraga. Polo de agora non hai síntoma ningún de que sexa algo máis ca unha proclama oca no Partido que bloqueou a aprobación do novo Estatuto, lexislou contra o galego ou renunciou a usar o autogoberno para crear crecemento, emprego e benestar. Mais a política estalles a mudar todos os días, sendo evidente que Madrid/España xa non ofrece marca, prestixio nin prosperidade.


domingo, 13 de enero de 2013


Cadernos da Viaxe - Xoán Antón Pérez-Lema



Xoán Antón Pérez-Lema
CORRUPCIÓN E BIPARTIDISMO.
A corrupción dalgúns políticos e, nomeadamente, do sistema, é unha das preocupacións fulcrais da cidadanía. E a súa gravidade ten unha das súas razóns sobranceiras na colonización institucional que os dous principais partidos levaron adiante dende a consolidación do esquema bipartidista (1982). Na Constitución do 1978 os partidos definíronse como as principais ferramentas para lle dar canle o dereito dos cidadáns á participación política, por mór da demonización que a ditadura franquista fixo das estruturas partidarias. Mais o que tiñan que ser uns veículos de participación democrática foron, de paseniño,converténdose en buroracias dirixidas por unhas elites cada vez máis reducidas e omnipotentes, convertendo a carreira política nun tránsito só reservado aos fieis e silentes, no canto dos mellores ou máis comprometidos.

E velaí algunhas das graves chatas do noso sistema. Estruturas absurdas e duplicadas (Deputacións, Delegados e Subdelegados do Goberno, entes instrumentais) que só serven para lles dar cómoda ocupación aos seareiros e chegan a se transformar en monstros inoperantes que nin PP nin PSOE queren limitar ou suprimir. Burocracias partidarias que elixen e condicionan ao Consello do Poder Xudicial, ao Tribunal Constitucional ou ao Tribunal Supremo. Recursos detraídos para manter estas estruturas ineficientes e anular ou, polo menos, mancar substancialmente os instrumentos de control e fiscalización do sistema.

E que dicir dos esgrevios “ex” populares e socialistas. O capital oligopolista e, sobre todo, os beneficiarios das privatizacións de empresas públicas dos anos 80 e 90 do século pasado agasallan aos seus benefactores con boas retribucións sen responsabilidades coñecidas. Velaí os casos de Aznar e Elena Salgado (Endesa), Rato -considerado polo Business Week como un dos peores executivos internacionais-(Telefónica), Felipe González (Gas Natural) ou  Acebes (Iberdrola ).

 Outro día cumprirá falarmos da ineficiente xestión destas privatizadas.

A ARRINCADEIRA: DAVID REBOREDO OU UN INDULTO DE XUSTIZA.

David Reboredo foi un de tantos do noso tempo afogado no inferno da droga. Soubo reaxir, reinventarse e ser un home útil á súa familia e á súa sociedade, até traballar incansábelmente contra as drogadicións. PP e PSOE indultaron a corruptos e banqueiros. Ninguén entendería non indultar a un cidadán que soubo erguerse logo de caer.