XESÚS VEIGA BUXÁN

viernes, 1 de febrero de 2013

O cancro da corrupción - Xesús Veiga

Xesús Veiga
Xa sabiamos que o 2013 ía ser un ano moi duro pero non eramos conscientes da velocidade coa que aparecerían os primeiros síntomas do calvario que nos agarda. Porque unha cousa é aturar a suba de prezos de distintos servizos básicos e dixerir os anuncios das reducións salariais que van padecer os empregados públicos galegos e outra diferente é contemplar a incontinencia verbal deses gobernantes –por exemplo, Luis de Guindos- que ven luces nun horizonte que está cheo de sombras. A tan coñecida retórica dos “brotes verdes” de Zapatero resucita agora da man dos que criticaban duramente aquel espellismo. A verdade é que non merecemos este espectáculo protagonizado polos que pensan que ocupar unha cadeira ministerial proporciona un plus de rigor analítico.

Só transcorreu un mes dende o remate do ano 2012 e xa temos enriba da mesa un menú de complicada dixestión:nomeamento de Rodrigo Rato como asesor de Telefónica para Latinoamérica; revelación da existencia dunha conta do ex -tesoureiro Bárcenas en Suiza e publicación de documentos do presunto pago de sobresoldos a dirixentes do PP –entre eles o propio Mariano Rajoy-; imputación xudicial do asesor das infantas no caso Urdangarín…


A corrupción é, sen dúbida, un dos factores explicativos do notábel proceso de afastamento e desconfianza dunha parte significativa do corpo social a respeito das persoas que ocupan postos de representación nas institucións. A fondura e persistencia da crise económica multiplica a desafección que se ven rexistrando nos inquéritos que publican periodicamente os institutos públicos e privados especializados. Tal circunstancia non debe agachar a evidencia de que as prácticas corruptas rexistradas nos últimos anos na esfera da política contaron cun nivel de complicidade social moi notábel. Os casos de Camps, do PP balear ou dos alcaldes “populares” de Fisterra e Mazaricos certifican que unha parte importante do electorado non penaliza suficientemente a quen utiliza os cargos institucionais para realizar operacións contrarias aos valores éticos básicos e, na grande maioría dos casos, violentando as normas legais existentes.


A corrupción na política non debe ser subsumida ou desculpada por mor do deserto moral que caracteriza ao propio sistema económico vixente. O mal de moitos (Urdangarín,Méndez,Gayoso,Díaz Ferrán, Barcenas,…) é unha epidemia que non debe servir de coartada para impedir a retirada de todos aqueles dirixentes políticos que, por acción ou por omisión, permiten o medre deste grave cancro no sistema democrático.


Mais alá da hipocrisía ou demagoxia exhibida polo PP no tratamento dos casos de corrupción, non se pode banalizar a importancia da total transparencia no exercicio da representación política. Esa e outras medidas (mais e mellores mecanismos de control, maior vixiancia no seo das organizacións políticas, cambios no financiamento dos partidos para evitar as perigosas dependencias con grupos financeiros, limitación de mandatos para dificultar os efectos perversos da excesiva permanencia nos cargos…) deben figurar na axenda prioritaria daquelas organizacións que desexen acometer seriamente a rexeneración do sistema político e a recuperación da empatía entre representantes e representados.

 

 

lunes, 26 de noviembre de 2012

Retos para a nova lexislatura - Xesús Veiga

Comezou a nova lexislatura no Parlamento galego. As novidades principais xa son coñecidas: maior marxe numérica na hexemonía do PP, redución notábel da representación do PSdG e do BNG e aparición dunha nova forza política –AGE- cunha presenza destacada.

A nova andaina parlamentar estará acompañada dun pano de fundo que ninguén pode ignorar:a fondura e duración da crise económica vai xerar diversos episodios de conflitividade social protagonizados por sectores que, seguramente, tiveron comportamentos de voto diferentes o pasado 21-O.Núñez Feijoo sabe que a maioría absoluta dos escanos nin sequera asegura o apoio dos seus votantes ás políticas gobernamentais que se vaian desenvolver a partir de agora.A confianza e a fe que solicita habitualmente teñen uns limites que poden ser superados nos vindeiros meses.A eventual fuxida presidencial para a política estatal pode ser unha saída persoal pero non resolvería os problemas asociados á xestión da crise polo goberno galego saído das urnas.

A oposición política na Cámara do Hórreo ten importantes tarefas  nos vindeiros anos.Deberá estar á altura das expectativas xeradas entre os seus votantes mais tamén terá que sintonizar con todas aquelas persoas que desexan cambios nas políticas públicas a favor dos sectores sociais que están pagando os custes dunha crise causada pola da cobiza dos especuladores financeiros.

A importante mobilización unitaria rexistrada na folga xeral do pasado día 14 constitúe un incentivo explícito para que PSdG, AGE e BNG manteñan unha coordinación significativa no labor de confrontación co goberno de Núñez Feijoo.A converxencia vivida nas rúas do País debe ter unha tradución adecuada na dinámica parlamentaria.Sen descoñecer as diferenzas entre as tres organizacións pero sen buscar interferencias derivadas dun cálculo partidista ou dunha actitude prepotente.Neste sentido, o tratamento da composición da Mesa foi un exemplo paradigmático do que non se debe facer.O erro cometido polo PSdG foi grave.No canto de posibilitar unha fórmula que, polo menos, asegurase o nivel de representatividade acadado nas lexislaturas precedentes, preferiu satisfacer intereses inmediatos do propio aparato dirixente ofrecendo, indirectamente, o primeiro agasallo argumental ao PP.

O comportamento de AGE e BNG tivo un denominador común:buscar fórmulas para facer viábel un exercicio práctico de colaboración da oposición nun asunto que ten unha indiscutíbel carga simbólica.Ambas organizacións, en todo caso, deberán superar a tentación de facer lecturas inapropiadas do sucedido o 21de Outubro.O argumento de que antes da chegada de AGE non existiu unha oposición que actuara coa debida contundencia no Parlamento, ademais de ser totalmente inexacta –polo menos no referido ao BNG- revela unha actitude prepotente que non se compadece coa cooperación que require o momento político actual.Do mesmo xeito, suxerir eventuais divisións internas na nova coalición en base á distinta procedencia dos seus deputados e deputadas tampouco facilita o clima de colaboración fronte ao adversario común.

jueves, 4 de octubre de 2012


O laboratorio de Cospedal - Xesús Veiga

María Dolores de Cospedal García
Dolores de Cospedal quere facer historia.Non se conforma con ser presidenta dunha Comunidade Autónoma e, ao mesmo tempo, secretaria xeral do partido que actualmente dispón dunha ampla maioría absoluta.Pretende recoller algunhas bandeiras que lle permitan ser a referencia dese populismo que habita no corpo electoral do PP e noutros segmentos sociais indignados polos efectos destrutivos das políticas económicas que se están impoñendo nos Estados do sur de Europa.

Ademais da comparación odiosa que realizou entre a recente convocatoria do 25 de Setembro e o intento de golpe de Estado rexistrado naquel inesquecíbel 23 de Febreiro de 1981, a señora Cospedal atopou a pedra filosofal para remediar a desafección entre sectores da cidadanía e a maioría da elite política:eliminar os soldos dos representantes parlamentarios de Castela-A Mancha e substituílos polo pago dunhas dietas ou indemnizacións pola asistencia aos actos regrados da Cámara lexislativa.A proposta é moito mais chamativa se reparamos na propia traxectoria das remuneracións recibidas por Dolores de Cospedal nos seus últimos anos de actividade política.Antes de ocupar a presidencia da Comunidade Autónoma, percibía un soldo como deputada do Parlamento autónomo, outro como senadora e unha retribución derivada do seu cargo orgánico no PP.Tendo presente que o financiamento maioritario dos partidos procede dos orzamentos públicos, a señora Cospedal cobraba do erario público por tres conceptos formalmente diferentes até acadar unha cifra superior aos 200.000 euros mensuais.

A secretaria xeral do PP non pode descoñecer os efectos directos que provoca a medida que pensa implantar a partir do 1 de Xaneiro de 2013.A condición de deputado ou deputada ficará reservada ás persoas que posúan un nivel de riqueza notábel.Calquera outra compatibilidade laboral é unha utopía na actual situación do mercado de traballo.Hai outro escenario alternativo implícito nesta disparatada proposta:que o Parlamento de Castela-A Mancha fique convertido nun apéndice do poder executivo, que libere aos integrantes do goberno das incomodidades propias do control parlamentario.Xa o dicía Fraga nos seus tempos de presidente da Xunta:non vou ir ao Hórreo a perder o pouco tempo que teño dispoñíbel entre inauguracións, festas e outras citas burocráticas habituais.

A incontinencia verbal exhibida por Cospedal ten un sorprendente complemento no estrondoso silencio da dirección do PP e, singularmente, de Mariano Rajoy.Se queren xogar ao populismo que o fagan con todas as consecuencias.Que eliminen os soldos no Congreso e no Senado ou que disolvan todas aquelas CC.AA. que desexan devolver competencias á Administración central.Se non fan estas propostas estaremos ante unha cerimonia da confusión destinada a contentar a eses segmentos que agardan pola chegada dun caudillo salvador.Mentres, seguen no caixón do esquecemento as reformas posíbeis e necesarias para rexenerar a vida política e recuperar a confianza perdida cos electores.

 

sábado, 22 de septiembre de 2012

O verso libre era Esperanza Aguirre - Xesús Veiga

Esperanza Aguirre y Gil de Biedma
A vida política ofrece singulares paradoxos. Esperanza Aguirre utilizou, no seu día, una metáfora –“verso libre”- para descualificar ao seu rival partidario Alberto Ruiz Gallardón e, sen embargo, dende hai un tempo, ela viña desempeñando ese papel de figura heterodoxa no seo da dirección do PP. A dimisión recente certifica a plena vixencia dese rol.Mais alá das hipóteses que se realicen sobre os verdadeiros motivos da súa decisión, resulta evidente que o momento elixido para adoptala non é o mais oportuno para o PP debido á conxuntura preelectoral  en Galiza e no Pais Vasco, ademais das fortes incertidumes que presiden o actual panorama económico e social.

Nos vindeiros meses saberemos se estamos ante unha retirada definitiva da vida política ou se asistimos a un movemento táctico para evitar o desgaste que está a provocar a crise económica na elite política e regresar como alternativa ao actual liderado de Mariano Rajoy.Para esta segunda opción, Esperanza Aguirre dispón de importantes apoios mediáticos e posúe unha contrastada capacidade para sintonizar cos sectores mais conservadores e populistas do actual electorado do PP. En todo caso, se fracasara en tal pretensión non cabería descartar a eventual creación dunha nova forza política no espazo que hoxe administra en exclusiva o partido presidido por Rajoy.

Durante os últimos anos, Aguirre construíu o seu perfil público a base dunha retórica especialmente belixerante, sobre todo en dous aspectos básicos:a estruturación territorial do Estado e a política económica desenvolvida polas Administracións. Este radicalismo verbal propiciou singulares espectáculos de surrealismo político. Por exemplo:defendeu vehementemente unha fonda recentralización que desmantelaba practicamente a letra e o espírito do Estado das Autonomias mentres usaba sen recato o capital simbólico derivado da súa condición de presidenta da Comunidade de Madrid para consolidar unha ambiciosa carreira política con destino no pazo da Moncloa.Ou tamén:presumiu a todas horas de liberalismo e, poren, non tivo reparos en practicar un obsceno intervencionismo en Cajamadrid para colocar como directivos a determinados membros do seu círculo de amizades mais exclusivo.

O azar quixo que a dimisión de Esperanza Aguirre coincidise coa desaparición física de Santiago Carrillo.Tal circunstancia pode suscitar unha reflexión a respeito do notábel cambio electoral rexistrado na comunidade madrileña no período que se abre coas primeiras eleccións de 1977. Aínda que Carrillo simboliza a unha parte da esquerda –o PCE- que non foi capaz de acreditar nas urnas o potencial apoio social que se lle adxudicaba nos inicios da transición, resulta evidente que as cómodas maiorías absolutas conseguidas por Aguirre a partir de 2003 (a pesar do grave episodio de corrupción protagonizado polos dous deputados socialistas que propiciaron finalmente o seu triunfo) certifican a existencia dun xiro copernicano nas preferencias electorais de amplos sectores desa sociedade.Aguirre poderá exhibir no seu currículo un feito indiscutíbel: personificar unha sólida hexemonía que os grupos da oposición de esquerdas non foron quen de mudar na última década. Velaí un reto decisivo para o futuro desa esquerda até agora derrotada.

 

miércoles, 22 de agosto de 2012

Cinco anos despois - Xesús Veiga

Xesús Veiga
Hai poucos días cumpríanse cinco anos dende o estoupido da burbulla criada polas hipotecas subprime nos USA e a posterior extensión da crise financeira polos mercados de todo o mundo.A importancia do aniversario non tivo un impacto acaído na meirande parte dos analistas que emiten as súas opinións nos principais medios de comunicación do Estado español.Mais interesados por analizar o episodio protagonizado por Sánchez Gordillo e outros dirixentes do SAT, non quixeron acometer unha avaliación seria das cuestións básicas que a crise iniciada no 2007 colocou no centro do escenario internacional:por qué pasou o que pasou e cales foron as respostas promovidas polos poderes económicos e políticos mais relevantes do planeta.

Establecer un diagnóstico acertado sobre o sucedido resulta imprescindíbel para quen queira buscar alternativas de saída ao que hoxe padecemos.Aparentemente, existe un consenso xeralizado á hora de ubicar no sistema financeiro o kilómetro cero da desfeita.Porén, tal coincidencia fica diluída cando, nestes últimos cinco anos, contemplamos cómo dirixentes políticos ou directivos empresariais teñen formulado outras premisas como causas do desequilibrio económico:unha presunta regulación laboral inadecuada; a política expansiva rexistrada no gasto público e, singularmente no caso español, unha organización territorial do Estado que tería favorecido o medre do endebedamento público.A realidade é teimuda:as severas políticas de axuste practicadas en Grecia, Portugal, Irlanda, España e Italia non provocan a reanimación da actividade económica senón a súa progresiva depresión.As reformas laborais non deteñen o medre do desemprego e alimentan un notábel empobrecemento das persoas asalariadas.O sistema financeiro segue enfermo e contamina ao resto do tecido económico.A carencia de normas reguladoras e o incumprimento das existentes constitúe a substancial asignatura pendente do G-20, do FMI, do BCE, da Comisión Europea e dos gobernos.A dúbida é pertinente:non saben o qué pasa ou non queren modificar o status de poder realmente existente?

Coñeciamos recentemente que un dos directivos do Banco Popular percibiu unha pensión de 17 millóns de euros.O episodio, mais alá da súa indiscutíbel legalidade e da libre decisión que pode adoptar unha entidade financeira privada sobre as políticas de remuneracións e incentivos, resulta revelador da dinámica social na que estamos inmersos.No reparto dos custes da crise non rexe o principio da xustiza distributiva.Accionistas, directivos e grandes prestamistas están sufrindo un impacto mínimo nos seus beneficios a pesar de que a súa responsabilidade na orixe e desenvolvemento da crise foi determinante.A socialización das perdas ten outros destinatarios:medre do desemprego, redución de salarios no ámbito público e tamén no privado, novos mecanismos de repago dos fármacos ou medre dos impostos indirectos.

A desigualdade no sistema económico capitalista non naceu con esta crise pero está rexistrando niveis que non figuraban nas estatísticas das últimas décadas.O reto para hoxe e para mañá está servido:sermos capaces de construír unhas sociedades nas que a economía fique ao servizo das persoas e non sexa utilizada para alimentar a cobiza dunha minoría de tabeiróns financeiros.

 

sábado, 21 de julio de 2012


A caida dos mitos - Xesús Veiga



Xesús Veiga
Dende hai tempo, a dereita política e mediática ten construído diferentes ideas-forza que veñen actuando como mitos consagrados na opinión publicada e nos argumentarios que se exhiben no debate político.Os poucos meses de goberno Rajoy teñen cuestionado seriamente a credibilidade da maioría desas referencias mitolóxicas.

A primeira premisa dese relato feliz era que o PP estaba mais capacitado para resolver a crise económica que calquera outra forza política.A proba do nove de semellante tese radicaba na xestión do goberno Aznar a partir de 1996.Como sucede moitas veces, a memoria é selectiva:os narradores do éxito na redución do déficit practicada antes da entrada do euro agacharon o papel fundamental desempeñado pola venda do patrimonio empresarial público e ignoraron os cambios normativos que multiplicaron os efectos nocivos da burbulla inmobiliaria.Agora, sen cumprir un ano do seu mandato, Rajoy está superado polos problemas da economía española e vai por detrás dos acontecementos, suplicando que interveña o BCE e alimentando a incertidume sobre a evolución das principais variábeis macroeconómicas.

Vinculada con esa presunta superioridade do PP, existían outros lugares comúns:Rajoy inspiraba a confianza necesaria diante dos mercados e do goberno de Angela Merkel e tiña, ademais, unha equipa gobernamental dotada dunha capacidade contrastada para manexar a nave dos asuntos públicos na treboada que estamos a vivir.Aseguraban que o contraste con Zapatero ía ser radical:seriedade fronte a frivolidade; rigor e planeamento fronte a improvisación.O tempo transcorrido reduciu á mínima expresión semellante axenda argumental.Mariano Rajoy semella carecer de crédito en Berlín e Bruxelas mentres o dúo Montoro-Guindos inspira unha insoportábel sensación de caos.

Outro dos grandes mitos estaba localizado no eido fiscal:o PP era incompatíbel coa suba dos impostos.Semellante dogma durou poucas semanas:primeiro foi o incremento do IRPF e do IBI; despois tamén lle tocou ao IVE a pesar de todas as promesas formuladas en sentido contrario.O simplismo argumental que pretendía identificar toda suba impositiva coa posta en práctica de políticas de esquerda e toda rebaixa fiscal coa lóxica dos partidos conservadores ficou aniquilado por este goberno.A partir de agora, a credibilidade neste terreo haberá que gañala con feitos e non con proclamas electorais.

As pensións, a sanidade, o ensino e a dependencia formaban farte dun catálogo de prestacións presuntamente intocábeis para o novo executivo.Os restos do naufraxio son visíbeis:por primeira vez na historia recente os pensionistas teñen que pagar unha parte dos seus medicamentos, a maioría dos dependentes non poderán ver satisfeitas as súas necesidades e os recursos orzamentarios en materia educativa e sanitaria están instalados nunha perigosa tendencia descendente.

Despois do sucedido no caso Gürtel, o PP colocou nun lugar discreto do seu programa as propostas relativas á rexeneración democrática.Aínda así, o abuso do decreto lei como instrumento normativo e a negativa á constitución dunha comisión de investigación sobre o caso Bankia teñen provocado que a calidade democrática da vida parlamentaria se atope no nivel mais baixo dos últimos anos e que medre de xeito preocupante a desafección de partes importantes da poboación a respeito da elite política.

A masiva participación nas protestas convocadas unitariamente polas organizacións sindicais o 19 de Xullo certifica o notábel illamento social que padece o goberno.Dispón da lexitimidade de orixe derivada da contundente vitoria electoral do pasado 20 de Novembro mais está perdendo aceleradamente a necesaria lexitimidade de exercicio para desenvolver as súas políticas.

jueves, 5 de julio de 2012


Froita amarga - Xesús Veiga

Aínda que non o recoñeza, Mariano Rajoy desexaría que todas as semanas dos vindeiros meses fosen como a que rematou o domingo día 1 de Xullo.O cumio celebrado polos dirixentes da UE tivo un desenlace menos negativo do que prognosticaban moitos analistas e, sobre todo, o tramo final da Eurocopa de fútbol concentrou unha parte importante da atención da maioría da poboación do Estado español.O éxito da selección dirixida por Vicente del Bosque conseguiu aliviar, momentaneamente, os síntomas depresivos que presenta, dende hai tempo, o corpo social.O recoñecido bo fútbol que practican os xogadores que compiten coa selección española alimentou un mecanismo de autoestima que reduciu a presión sobre uns gobernantes que non son capaces de sintonizar mesmo con aqueles electores que propiciaron –hai pouco mais de seis meses- a súa chegada aos despachos oficiais que agora ocupan.

A pretensión de converter os éxitos deportivos nunha fórmula para esquecer e/ou substituír os fracasos e deficiencias padecidos na xestión dos recursos públicos é case tan vella como a propia existencia deses espectáculos.No caso español, o fútbol ten sido un dos refuxios simbólicos utilizados polos defensores dun nacionalismo español excluínte para buscar a patrimonialización dos trunfos iniciados na Eurocopa de 2008, establecendo unha interesada ecuación entre a ledicia expresada por moitas persoas afeccionadas a ese deporte e a súa presunta adhesión a unha concepción de España negadora das identidades nacionais de Catalunya, Euskadi ou Galiza.Nesta ocasión, teñen existido algúns intentos –aínda que expresados con menos contundencia- para repetir semellante construción discursiva, ignorando que ese patriotismo español de vocación imperial vive prisioneiro dunha realidade indiscutíbel:as graves hipotecas presentes na economía española e o papel subordinado que desempeñan os representantes do Estado –Rajoy nunca podería ter ameazado coa dimisión como fixo Mario Monti- nas instancias determinantes da UE.Hoxe, para vencer as resistencias de Merkel ou do BCE non abonda con facer un xogo bonito nos campos de fútbol ou pretender actualizar a versión de España como “unidade de destino no universal” e “reserva espiritual de Occidente”.

Antes de que remate o mes de Xullo, Mariano Rajoy deberá ofrecer novos sacrificios –e non precisamente rituais- no altar do ríxido modelo de construción europea deseñado en Berlín e Bruxelas:subir o IVE –aquel imposto que prometera non modificar- e preparar a rebaixa de salarios e a redución de emprego nas Administracións públicas.Daquela, Xavi, Iniesta e Casillas non poderán botar azucre nesa froita que nos vai amargar o verán.


miércoles, 16 de mayo de 2012


Ascensión e caida de Rodrigo Rato - Xesús Veiga

Xesús Veiga
Rodrigo Rato pasou de estar nos ceos do establishment a formar parte dun discreto habitáculo que pode ser preludio da súa entrada no inferno dos esquecidos e/ou vilipendiados.

O ex -ministro de Aznar foi considerado durante moitos anos o principal artífice do “milagre” económico español, ese singular modelo de crecemento baseado na especulación inmobiliaria, o crédito barato, a desregulación financeira, o espectacular endebedamento de empresas e familias  e a diminución indiscriminada de impostos. A pesar desa xenerosa avaliación difundida polos seus numerosos admiradores, non resultou agraciado na designación dixital para encabezar a candidatura do PP nas eleccións de 2004. Tal vez por iso preferiu tomar distancia da política española e conseguiu ser nomeado director xerente do FMI.Colocado nun dos centros neurálxicos do sistema financeiro internacional, non foi quen de completar o seu mandato e dimitiu –por razóns nunca suficientemente explicadas- en Xuño do 2007, poucos meses antes de que estoupara nos USA a crise das “hipotecas subprime” e comezara unha treboada económico-finaneira que, ate o momento, ten provocado graves consecuencias nas condicións de vida de millóns de persoas en todo o planeta.O abandono anticipado do seu cargo no Fondo permite pensar que Rato foi coñecedor da burbulla que se estaba xestando e non foi capaz –ou non quixo- facer fronte a semellante “tsunami”.Daquela, houbo poucas análises críticas sobre tan sorprendente fuxida que, ademais, deixaba en mal lugar ás propias autoridades políticas do Estado español. A pesar de que a súa aventura americana non daba para iso, regresou como un triunfador e rematou por atopar acubillo nunha entidade financeira tan singular como Cajamadrid.O seu perfil era o mais adecuado para facer realidade unha vella pretensión dos dirixentes do PP:construír un gran Caixa mediante a fusión con Bancaja e Caixagalicia e administrar un instrumento de poder económico tutelado por Esperanza Aguirre que fose quen de neutralizar o estatus acadado por La Caixa e as demais entidades catalanas.

Hai poucos días Rodrigo Rato foi devorado pola mesma crise que el contribuíu a xerar.A pesar de que non renunciou á indemnización de 1,2 millóns de euros que lle corresponden pola súa fracasada relación contractual con Bankia, terá que asumir as espesas sombras que proxecta a súa traxectoria como xestor público.O botafumeiro de urxencia que están utilizando os voceiros do PP non abonda para limpar o currículo de alguén que figuraba no olimpo dos deuses daquel aznarato que quixo recrear o mito da España imperial.O xigante Rato tiñas os pés de barro.

 

lunes 30 de abril de 2012


O crédito de Mariano Rajoy - Xesús Veiga

Xesús Veiga
Pasados os primeiros cen días de xestión gobernamental, Mariano Rajoy –e a opinión publicada que aplaude a súa estancia no poder-  busca desesperadamente algún depositario das culpabilidades derivadas da extraordinaria dureza das medidas tomadas nos ámbitos teoricamente intocábeis do ensino e da sanidade públicas. Despois de afirmar que nunca utilizaría a herdanza recibida como explicación basilar da súa acción como inquilino da Moncloa, o novo presidente –e os ministros que o acompañan- decidiron converter o desfase rexistrado na contabilización do déficit público correspondente ao ano 2011no elemento decisivo para xustificar que unha boa parte dos pensionistas abonen, por primeira vez, todos os fármacos que se ven obrigados a consumir ou que a decisión de estudar nas Universidades públicas sexa penalizada mediante un medre substancial das taxas de matrícula.

Para os voceiros oficiais, hai dous responsábeis de todos os males que padecemos:os oito anos de “zapaterismo” e o gasto abusivo realizado polos gobernos das CC.AA. Nesta singular pescuda no pasado practícanse algúns significativos reducionismos:non se amplía a mirada analítica aos anos nos que Aznar e a súa equipa promovían, cun entusiasmo digno de mellor causa, a conversión da especulación inmobiliaria nun dos piares sobre os que asentaba o modelo económico dominante no Estado español. Tampouco se repara na circunstancia relevante de que Esperanza Aguirre, Zaplana ou Camps foron, durante moitos anos, os abandeirados dunha lóxica reivindicativa moi curiosa:pedían todas aquelas transferencias que Catalunya ou o País Vasco conseguían incorporar ao seu autogoberno. Daquela, os dirixentes autonómicos do PP non formulaban ningún reparo a respeito da perda de poder que iso representaba para a Administración central do Estado nin avisaban das perigosas dinámicas de gasto excesivo asociadas a ese proceso de reforzamento das competencias en mans das institucións periféricas.

O PP gañou as últimas eleccións xerais asegurando que a súa vitoria ía ser un bálsamo de confianza para eses mercados financeiros que castigaban un día si e outro tamén á economía española.Ademais, Mariano Rajoy aproveitou o episodio do mes de Maio do ano 2010 –aquel no que Merkel e o BCE promoveron o cambio radical do programa electoral de Zapatero- para excitar o patriotismo español dos seus potenciais votantes mediante a denuncia de que o goberno socialista aceitaba un status de protectorado na arquitectura política da UE. Agora, todas aquelas invocacións retóricas regresan en forma de “boomerang”: o novo presidente está disposto a facer o que faga falta para que os omnipotentes mercados e a “troika” non lle mostren o cartón vermello nas vindeiras semanas.Aquel nacionalismo español que se exhibía para blindar o espazo electoral fica convertido no de case sempre:un sinal de debilidade cos fortes, cos que mandan en Berlín e Bruxelas, e un aviso –velaí a ameaza de intervención nas CC.AA.- para quen non aceite a lóxica recentralizadora que se promove dende as estancias ministeriais.

En 100 días Rajoy dilapidou o crédito que tiña conseguido entre aquelas persoas que confiaron nas súas promesas.Segue contando, seguramente, co apoio de moitos votantes históricos do PP que militan nesa sorte de fe laica consistente en crer no que non se ve. A pregunta está servida: canto durará esa empatía social con este ritmo de destrución do Estado de Benestar?

lunes 16 de abril de 2012


Un singular 14 de abril - Xesús Veiga

Xesús Veiga
A coincidencia do coñecemento público da aventura cinexética africana do Rei de España coa conmemoración do aniversario do 14 de Abril é un deses caprichos que nos deixa o azar a todos os que pensabamos que a Monarquía era tan incombustíbel que practicamente non era do mesmo mundo no que habitamos os peóns da historia.

En realidade, o “annus horribilis” da Casa Real xa comezara antes desta singular viaxe.As vicisitudes xudiciais de Iñaqui Urdangarín certificaron que a cobiza asociada aos anos de viño e rosas da orxía inmobiliaria tamén habitaba nas estancias da única familia española que recibe unha partida específica nos Orzamentos Xerais do Estado.O recente accidente –tamén practicando a caza- sufrido polo neto maior do monarca nunhas condicións non compatíbeis coa normativa legal existente a respeito deste tipo de actividades por parte de menores, colocou, mais unha vez, no ollo público as actividades extravagantes dos membros da Casa Real.
A credibilidade da versión oficial sobre o carácter gratuíto da viaxe a Botsuana esixiría o concurso dunha información mais completa e precisa da que se ten subministrado.De non ser así, hai que pensar que a previsíbel –e polo demais lóxica- presenza de persoal de seguridade e de apoio médico desminte o pretendido nulo impacto da aventura africana sobre os recursos da Facenda pública española.Precisamente sobre eses nos que inciden as políticas de redución de gasto social e produtivo practicadas polos responsábeis gobernamentais.


Polo que estamos vendo, algúns cargos institucionais non asumiron cabalmente a gravidade do impacto social provocado pola crise que estamos a padecer e os cambios que tal situación orixina no estado de ánimo e no clima de opinión creado en importantes segmentos da cidadanía.O caso de Conde Roa é o penúltimo exemplo.E o protagonizado por Juan Carlos de Borbón revela unha intolerábel desconsideración cara ás dificultades que sofren millóns de persoas para manter o nivel de vida que tiñan anteriormente.Se viviramos en Alemaña, o presidente da República xa tería presentado a dimisión por un episodio semellante ao protagonizado polo Xefe do Estado español.De feito, recentemente asistimos ao abandono de Chistian Wulff por ter recibido un préstamo bancario en condicións mais favorábeis que o habitual nas prácticas financeiras.
Hai mais de 30 anos, o abaixo asinante foi detido nunha praza compostelán por repartir panfletos reivindicando a memoria da II República con motivo da celebración do 14 de Abril.Despois de pasar unha noite na comisaría, o xuíz decretou a liberdade sen cargos.Eran, aqueles, bos tempos para a lírica monárquica, a pesar de que algúns cuestionabamos a lexitimidade de orixe de tal institución..Hoxe, as cousas mudaron.A Coroa ten perdido crédito social, non tanto pola existencia dun poderoso movemento republicano senón polas serias carencias rexistradas na consecución da necesaria lexitimidade de exercicio.

 

martes 20 de marzo de 2012


O custe da democracia - Xesús Veiga Buxán

Xesús Veiga
Pasou con mais pena que gloria o debate sobre política xeral que cada ano se celebra no Parlamento de Galiza.Colocado ante a ruda realidade dunha economía –a galega- que non ofrece ningún síntoma serio que permita pensar no comezo dunha dinámica expansiva e ante o gravísimo panorama social que debuxan as cifras do desemprego e da progresiva perda de benestar que están experimentando sectores que ate agora non coñecían, en carne propia, as feridas da crise, o presidente da Xunta optou por unha espectacular e inesperada “fuite en avant”. A primeira parte da fuxida tivo como protagonistas sorprendentes a dous cativos concellos –Oza e Cesuras- que foron obxecto das ansias de protagonismo mediático presidencial sen que tiveramos constancia previa de que os seus gobernos estiveran traballando nun horizonte de fusión de ambas entidades administrativas.

Para completar a estratexia ofensiva no debate, Alberto Núñez anunciou a eliminación do Consello Económico e Social e do Tribunal Galego de Defensa da Competencia así como a desaparición dos tres vicevaledores adscritos á figura do Valedor do Pobo.A razón utilizada para practicar esta poda na arquitectura institucional galega foi o aforro –por certo, aínda non precisado na súa contía específica- que se conseguiría na partida de gastos de funcionamento da Comunidade Autónoma. Tal pretensión non se compadece co estrondoso silencio que gardou o presidente a respecto da eventual supresión das actuais Deputacións provinciais toda vez que unha opción desa natureza suporía, previsibelmente, unha diminución de maior consistencia no gasto público.En todo caso, a proposta revela una preocupante concepción do propio funcionamento do sistema democrático porque esas institucións que se pretenden anular total ou parcialmente foron deseñadas para facer efectivas unha maior participación do tecido social na vida política e un control mais acaído das práctica económicas que aseguran a vixencia do principio da libre competencia. Unha democracia de calidade non é gratuíta. Ten un custe económico que, sen dúbida, debe ser permanentemente revisado para garantir o uso eficaz e eficiente dos recursos públicos. Pero unha cousa é salvagardar as obrigadas boas prácticas na xestión das institucións e outra moi distinta é desfacer unha parte do edificio para buscar, a calquera prezo, a imaxe de gobernante austero que logo non se acredita cando se trata de facer fronte ás inercias clientelares que habitan noutras instancias perfectamente prescindíbeis.

 

lunes 23 de enero de 2012


DE GUINDOS E URDANGARIN

Xesús Veiga Buxán
Luis de Guindos é o último exemplo da nova pantasma que percorre os territorios da UE: a posta en práctica da teoría das portas xiratorias entre os poderes económicos e os políticos.Cantas mais relacións coas grandes entidades financeiras internacionais figuren nos currículos dos candidatos a presidir os ministerios de Economía mais probábel resultará a confirmación da súa responsabilidade gobernamental. Mario Monti -primeiro ministro do goberno italiano- e Mario Draghi –presidente do Banco Central Europeo- traballaron para Goldman Sachs, o banco norteamericano que preparou a “contabilidade creativa” que lle permitiu aos gobernos conservadores gregos agochar as verdadeiras dimensións dos seus niveis de endebedamento.

Os fans de Mariano Rajoy presumen de que o máximo dirixente da dereita española confeccionou un goberno sen hipotecas partidarias e mediáticas. Están –segundo esa lóxica discursiva- as persoas mais capaces e mais leais ao proxecto e á propia figura do gran líder. O único tributo do que non falan é, precisamente, daquel que paga aos poderes fácticos que actúan nos despachos de Bruxelas e nos mercados financeiros. A presenza de Luis de Guindos racha esa imaxe idílica do “superman” que non negocia a composición da súa equipa e demostra que ter exercido de “vip” no universo da especulación é perfectamente compatíbel coa idea que ten Rajoy sobre a estatura moral que deben posuír os seus colaboradores.
Iñaqui Urdangarín é outro nome propio que ficará asociado a este tránsito entre un ano duro e outro peor. As graves acusacións xudiciais atribuídas ao xenro do Xefe do Estado exemplifican a evolución sufrida nos últimos anos polo sistema democrático español.Que este membro da familia real teña participado activamente en presuntas prácticas delitivas no uso de recursos públicos demostra varias cousas:o notábel sentimento de impunidade co que actuou o membro da Casa Real; a carencia ou o fracaso dos mecanismos de control por parte da propia institución monárquica e dos gobernos de Baleares e da Comunidade Valenciana e o clima de tolerancia instalado en amplos sectores do corpo social a respeito dos episodios de corrupción rexistrados no ámbito da política e no mundo da economía especulativa.

Rajoy reaccionou con desagrado ás referencias feitas ao problema da corrupción no debate de investidura. A explícita minusvaloración asumida polo novo presidente é un dos sinais mais preocupantes do novo tempo político. Pedir sacrificios adicionais a unha maioría social que padece os efectos da crise provocada pola cobiza dos segmentos mais poderosos e desprezar, ao mesmo tempo, a importancia da rexeneración da actividade pública é tanto como pretender cadrar os círculos.A pesar de que non o pareza, entre Luis de Guindos e Iñaqui Urdangarín existen algúns puntos de contacto que deberían permitir debuxar as liñas vermellas para calquera proxecto que pretenda mellorar o benestar económico e a calidade do sistema democrático.