lunes, 30 de enero de 2012

Populismo Xusticeiro - Xosé A. Gaciño

Xosé A. Gaciño
Tiña razón o ministro de Xustiza cando, na presentación dos seus proxectos lexislativos na comisión correspondente do Congreso, expresaba a súa sorpresa pola sorpresa que mostrara la oposición ante unhas propostas que formaban parte do programa electoral do PP. Efectivamente, modificar a lei do aborto, establecer a cadea perpetua ou endurecer a lei do menor son ideas que os conservadores tiñan anunciado (e que os sectores máis ultradereitistas esixían desde hai tempo). Non deben sorprender, nin siquera porque sexa Alberto Ruiz-Gallardón quen o anuncie. O ex alcalde de Madrid pasa por ser do máis presentábel da dereita española, pero non deixa de ser dereita (ademais, dos discípulos directos de Fraga).

Quizais é que algúns non rematan de enterarse do cambio político que supón o regreso do PP ao Goberno. Obsesionados pola crise e encadeados como estamos á política económica neoliberal imperante na Unión Europea, pode que se pensase que estes viñan só a arranxar as contas para saír máis rápido do estancamento e que, se esas contas hai que facelas en clave ultracapitalista, mellor os convencidos de toda a vida que os conversos vergoñentos. Pode que algúns (ou moitos) votantes se fixesen ese razoamento nas últimas eleccións xerais: que os populares tomarían con máis decisión e convencemento as medidas necesarias para saír da crise, unha vez que as adoptadas polos socialistas (prácticamente no mesmo sentido que o goberno actual) non daban o froito desexado no momento oportuno.


Pero estes non veñen só a resolver o problema económico (que está por ver que o resolvan e con qué consecuencias) e os proxectos de Ruiz-Gallardón serven para recordalo. Na etapa dos gobernos de Aznar non tocaron a lei do aborto, nin siquera cando tiveron maioría absoluta, pero agora o clima é diferente: aínda están moi recentes as protestas contra a reforma da ministra Bibiana Aído (posíbelmente a máis insultada dos últimos gobernos socialistas, só superada polo propio Rodríguez Zapatero), que ten ademais un matiz que molesta especialmente á dereita, o matiz de que, dentro das primeiras catorce semanas do embarazo, é a muller a que decide. En canto ás outras medidas anunciadas, forman parte do que algúns chaman populismo punitivo, que responde ao clima de alarma social xerado por casos excepcionais. 


Da chamada lei do menor, aprobada hai doce anos (baixo goberno do PP, por certo), chamoume sempre a atención de que, ante cada caso polémico, se acumulaban as críticas contra a lei, sen que ninguén saíse na súa defensa, como se fose un texto caído do ceo, que non tivera sido debatido, enmendado e aprobado nas Cortes Xerais. Ao longo deste tempo, ademais, foi reformada varias veces sen que deixase de ser criticada cada vez que había un delito no que estivese involucrado un menor, e co mesmo sorprendente silencio dos autores da correspondente reforma.


Polo que se refire á "cadea permanente revisábel", eufemismo para evitar a denominación máis contundente de cadea perpetua, é outro producto populista, derivado da tan estendida como falaz idea de que en España os delincuentes apenas paran no cárcere (sendo o segundo país con menor delincuencia de Europa, España é o país con maior número proporcional de reclusos e coa media máis alta de estancia na prisión). Alúdese a que outros países europeos contemplan a cadea perpetua tamén revisábel. Esquécese que, neses países, foron pasando da cadea perpetua á revisión periódica desa cadea, nun proceso de flexibilización da condena, mentres o que se pretende aquí é iniciar un proceso de endurecemento, despois de ter elevado de trinta a corenta anos o tempo máximo en prisión.
O peor dese populismo xusticeiro é que está máis arraigado na opinión pública do que se pensa, e non só entre o electorado de dereitas. Consecuencia, entre outras cousas, do déficit de pedagoxía cidadá que pode advertirse na actividade da esquerda, demasiado ocupada nas intrigas inmediatas ata o punto de esquecerse que a racionalidade das posturas progresistas esixen máis explicacións que a demagoxia elemental dos que se limitan a aproveitarse do instinto de resposta máis primitivo.