Xosé A. Gaciño |
Así pareceu en principio, coa formación dun goberno de perfil moderado ante o que se mantivo certa actitude esperanzadoramente expectante. Mesmo o anuncio de plans de traballo máis radicais do previsto na campaña electoral interpretouse como chiscadelas conxunturais aos seus electores máis á dereita, algo frustrados porque non empezaran a súa actuación coas trompetas da apocalipse. Entre a desmoralización da esquerda e a resignación xeral, a dereita emprendía a súa nova andadura gobernamental con certo nivel de comprensión.
Pero o periodo de calma foi curto. Primeiro foron os clásicos lamentos pola herdanza recibida, que obrigaba, dicían, aos primeiros recortes de emerxencia e a unha primeira subida de impostos (a súa contradicción máis grave). Os lamentos foron subindo de ton ata recuperar os niveis de descualificación do adversario propios da súa etapa de oposición. Así, cando chegaron á contrarreforma laboral, xa tiñan quentado o ambiente e mesmo previsto unha folga xeral. E en canto os sindicatos empezaron a criticar a expropiación de dereitos laborais, xa estaba en plena ebullición todo o aparato de manipulación e propaganda para desprestixiar as organizacións sindicais e mesmo aos "sacrosantos" parados que, meses antes, eran vítimas dun goberno irresponsábel e incompetente e agora se convertían en adictos ao subsidio e indolentes que non aceptan calquera clase de traballo en calquera parte do mundo.
As primeiras mobilizacións contra os recortes -que, en realidade, son a continuación das que se viñan sucedendo baixo gobernos socialistas, entón con folga xeral incluída- teñen desatado como unha sorte de orgullo ferido do goberno, que considera unha ingratitude que algúns sectores sociais non valoren o traballo serio e responsábel que está a desenvolver polo ben xeral. Ás descualificacións habituais contra todo o que se move á súa esquerda engade novas variantes da súa teoría da conspiración, esta vez non tan retorcidas como as que necesitaron inventarse para o 11-M, pero tamén na liña de situar á esquerda nas marxes do sistema e vencellala a prácticas violentas.
Nas dúas anteriores lexislaturas, a dereita deu motivos dabondo para pensar que non sabían perder. Agora, polo camiño que levan, quizais é que hai que empezar a pensar que tampouco saben gañar. Ou quizais son tan incompetentes que se creron o seu propio discurso de que bastaba un cambio de goberno para recuperar milagrosamente a confianza dos mercados, e están a perder os papeis desde que comprobaron que os milagres non existen.