lunes, 12 de agosto de 2013

Xibraltar - Xosé António Gaciño Barral

Non podemos dicir que falten en España problemas de soberanía, internos e externos. A actualidade destes días volveu poñer en primeiro plano quizais o máis antigo deles, o de Xibraltar, a propósito da guerra de xestos que manteñen o goberno xibraltareño, arroxando ao mar bloques de formigón para protexer as súas augas da pesca española, e o goberno español sometendo a atascos de cinco ou seis horas, como consecuencia de controis fronteirizos exhaustivos, aos que saen de Xibraltar (incluídos os cerca de cinco mil españois que acoden alí a diario a traballar), uns por facer valer a súa xurisdición sobre unhas augas que consideran súas e outros por non ceder o máis mínimo na súa reivindicación integral dun territorio que fora cedido hai tres séculos pola casa real borbónica á casa real británica dentro do tratado de Utrecht co que se liquidou a guerra de sucesión ao trono de España.

Houbo algúns intentos de reconquistar militarmente a praza, curiosamente no propio século XVIII, co tratado aínda recente (como desdicíndose a Coroa española da súa propia firma), e Hitler fixo plans para ocupala durante a segunda guerra mundial, pero Franco resistiuse a unha acción pola que temía represalias británicas (o espía de dobre fío Canaris convencérao de que o Reino Unido podería ocupar Canarias). A situación do enclave xibraltareño non só se mantivo, senón que se foi consolidando con pequenos engadidos ao ríxido esquema de cesión inicial, que se limitaba á cidade, o porto e as fortificacións, cun istmo a modo de terra de ninguén polo que non se podía circular e sen xurisdición algunha sobre as augas que o rodeaban.
Comezaron por ocupar a súa parte do istmo, no que construíron un aeroporto durante a segunda guerra mundial, e por establecer comunicación por terra. Cando o goberno de España (franquista naqueles momentos) conseguiu arrancar na ONU unhas resolucións instando á descolonización, o Reino Unido contraatacou cun referendo no 1967 e coa declaración de Xibraltar como territorio británico de ultramar (que asumía todas as competencias, agás as relacións exteriores e a defensa) en 1969. Como resposta, o réxime franquista cortou as comunicacións por terra, medida que tivo un impacto moi negativo na veciña comarca do Campo de Xibraltar: quedaron sen traballo uns dez mil obreiros que traballaban en Xibraltar (nos estaleiros principalmente).


Até 1982 non se volveu abrir a fronteira terrestre. Desde entón, e sobre todo desde a incorporación de España ás institucións europeas, sucedéronse intentos de negociación máis ben frustrantes. Sobre Xibraltar pesan acusacións, entre outras, de terse convertido nun paraíso fiscal e de poñer en perigo o medio ambiente na baía de Alxeciras co sistema de bunkering, buques cisterna, a modo de gasolineiras flotantes, que subministran combustíbel a baixo prezo a barcos fondeados (un sistema iniciado polos xibraltareños, pero que hoxe practican tamén empresas españolas e todos con combustíbel da refinería de Alxeciras).
Xibraltar, á súa vez, quéixase da invasión das súas augas territoriais, de maneira que a principal fonte de conflitos nos últimos anos foi entre patrulleiras xibraltareñas e pesqueiros da comarca, apoiados algunhas veces por patrulleiras da Garda Civil española. No 1999, as confrarías de pescadores da baía alxecireña firmaron un acordo coas autoridades xibraltareñas para poder faenar, un acordo que o goberno español de entón (presidido por Aznar) non avalou porque significaba un recoñecemento de feito da xurisdición xibraltareña sobre as augas.


Un acordo preliminar hispano-británico no 2001, no que se contemplaba a cosoberanía, foi rexeitado polos xibraltareños nun referendo no 2002 (Reino Unido mantén o principio de que non dará ningún paso sen a conformidade da poboación xibraltareña). A vía aberta polo goberno de Rodríguez Zapatero, co foro tripartito (España, Reino Unido e Xibraltar), que abriu a posibilidade do uso conxunto do aeroporto, e que rexistrou no 2009 o feito histórico da visita dun ministro español a Xibraltar (o de Exteriores, Miguel Ángel Moratinos), diluíuse entre o estoupido da crise e novos incidentes entre pesqueiros e patrulleiras, que foron a máis até que en marzo de 2012 o novo ministro principal, Fabian Picardo, anulou o acordo do 1999, alegando que se utilizaban artes non permitidas polas leis xibraltareñas. E agora, a medida contundente dos bloques de formigón que imposibilitan o traballo dos pesqueiros.


No medio de toda a retórica soberanista duns e doutros –na que España, por certo, parece que non avanza nada–, os prexudicados son sempre os cidadáns dun e doutro lado da fronteira, que, en circunstancias normais, cando non tocan a rebato as trompetas do patriotismo, manteñen unhas relacións de intercambio xeralmente beneficiosas para uns e para outros.