lunes, 12 de agosto de 2013

Precisamos dunha nova política - Xoán Antón Pérez-Lema L.

A recesión económica e a corrupción sistémica descobriron a gravísima crise institucional que estamos a vivir, que abrangue tanto ao bipartidismo dinástico como as  principais Institucións (Consello do Poder Xudicial, Tribunais Supremo, Constitucional e de Contas) xurdidas do pacto constitucional do 1978. A propia Coroa está a ser abertamente cuestionada, xa quen non soubo  cumprir co seu rol constitucional de arbitrar e moderar o funcionamento institucional, converténdose de feito nunha peza esencial no proceso de “ocupación” das Institucións polas buocracias do bipartidismo. Tampouco cumpriu as súas funcións de integrar a pluralidade nacional española nin a de propor valores para previr unha corrupción que semella nunca lle preocupou substancialmente.

Son tempos, pois, dun novo paradigma, pero xa se sabe que nesta caste de situacións o vello tarda en morrer e o novo tarda en nacer. E o novo pode nacer despois dun proceso de xeración a xeito ou empeorar de xeito moi notábel a xa difícil situación que vivimos arestora. Porque o problema das desafeccións da Cidadanía coa Política é que son bó terreo para as experiencias autoritarias, sexan de fas, fosen de nefás.

Para previr esta caste de experiencias ou tendencias, que están a definir o sistema político ruso e avanzan noutros países da Europa, compre construir unha nova Política. Unha Política inspirada nos valores democráticos e de cohesión e inclusión social que fixeron posíbel o equilibrio europeo entre liberdade, igualdade, iniciativa privada e benestar social. Mais, tamén, alicerzada en novos valores de transparencia internacional, participación, hexemonía da sociedade civil, cooperación e responsabilidade.

Galicia é un país dabondo cohesionado para enfrontar con posibilidades de éxito este proceso cívico e republicano de rexeneración cídadá. Mais o troco de paradigma será un proceso indubidábelmente complexo. Porque a nova Política non só vai precisar de novos valores e actitudes, senón dun novo concepto de acción política, moito menos baseado nas estruturas partitocráticas e máis no traballo horizontal cos axentes da sociedade civil e no dereito a decidir dos diversos níveis, evitando, por exemplo, impór unha única política de pactos locais a nivel xeral.