Nun par de trazos grosos, entre o asasinato do biólogo e activista medioambiental español Gonzalo Alonso en Brasil a primeiros de agosto e o anuncio, apenas dez días despois, da rendición do goberno de Ecuador na batalla por manter o parque de Yasuní, reserva mundial da biosfera desde o 1989, pódese resumir a caída en picado da preocupación polo deterioro dos recursos naturais.
No 2007, o ex vicepresidente estadounidense Al Gore e o Grupo Intergubernamental sobre o Cambio Climático (IPCC, polas súas siglas en inglés) da ONU compartiron o Premio Nobel da Paz polos seus esforzos para elaborar e difundir un maior coñecemento sobre a responsabilidade da actividade humana no cambio climático, poñendo as bases para a toma das medidas necesarias para contrarrestar ese cambio. O ano anterior, Gore estreara o seu documental An inconvenient true (“unha verdade incómoda”), como punto de partida dunha ampla campaña internacional de divulgación ecoloxista, e a principios do mesmo ano 2007, o IPCC fixera público o informe que ratificaba o consenso da comunidade científica internacional respecto ao quecemento global e as súas causas.
Desgraciadamente, naqueles momentos de forte impacto das causas medioambientais estábase a incubar a maior crise económica global desde o crac do 1929. A crise foi, e segue a ser, o pretexto perfecto para esquecer calquera medida que supoña gasto público e, sobre todo, mingua nos beneficios das grandes corporacións privadas. A euforia medioambiental apenas durou un par de anos. De ter ascendido á máxima plataforma de resonancia internacional, con certificados científicos solventes, a causa ecoloxista volve ao voluntarismo incansábel de Greenpeace recollendo firmas por Internet para pedirlle a Obama que protexa o Ártico dos depredadores enerxéticos.
Agora, o goberno de Ecuador tira a toalla da protección de Yasuní e anuncia a autorización da prospección e explotación dos recursos petroleiros, tras constatar o fracaso da súa petición de axuda internacional para manter o parque (pedira 2.700 millóns de euros para compensar a metade das perdas por non explotar os xacementos de petróleo e reuniu pouco máis de dez millóns). É unha mostra da hipocrisía internacional, como ten declarado o presidente ecuatoriano, que parece apuntarse aos argumentos dos países emerxentes cando botan en cara aos países desenvolvidos que se preocupen polo medio ambiente despois de ter arrasado os seus recursos e os dos países por eles colonizados. Pero é tamén unha mostra de que non se pode ou non se quere poñer en marcha outros modelos de produción e de aproveitamento racional dos recursos, por moita retórica revolucionaria e antiimperialista que se manexe nos discursos.
Non o fixo a fracasada experiencia comunista, que deixou algúns dos casos máis escandalosos de atentados ao equilibrio ecolóxico (a desecación do mar de Aral) e de irresponsabilidade ou incompetencia técnica (o accidente da central nuclear de Chernóbil) e non o están a facer as novas potencias emerxentes, incluído Brasil, onde os últimos gobernos progresistas tampouco son capaces de frear a destrución da selva amazónica, dos seus habitantes tradicionais e dos cooperantes que os apoian (vinte activistas medioambientais foron asasinados entre 2011 e 2012).
Mentres China empeza a aproveitarse do quecemento no Ártico para acurtar e abaratar o seu tráfico comercial con Europa (polo menos no verán) e Rusia e os seus veciños soñan coa explotación dos recursos que o desxeo fará máis accesíbeis, pasará a segundo plano o debate científico sobre a reversibilidade do deterioro xa causado á natureza pola man do home. O máis probábel é que xa non quede tempo nin sequera para debater se aínda queda tempo para corrixir o desastre.