lunes, 5 de agosto de 2013

A política e a xustiza - Xesús Veiga

Xesús Veiga
A comparecencia de Rajoy non deparou grandes novidades.Houbo, poren, tres aspectos que considero especialmente significativos:asumiu –por primeira vez- o erro de ter confiado reiteradamente no labor de Barcenas; recoñeceu a existencia de retribucións complementarias na estrutura dirixente do PP (aínda que negou a súa percepción “en negro”) e ratificou a coñecida posición de que só cabe aceitar responsabilidades políticas se, previamente, son establecidas culpabilidades firmes en sede xudicial.

Considerar como algo normal a percepción de sobresoldos  implica afirmar que, durante todos estes anos, os directivos do PP practicaron un discurso hipócrita:mentres, pola mañá, defendían a suficiencia das remuneracións vixentes para os altos cargos –invocando, mesmo, a retórica do servizo público esixíbel a quen ocupaba esas responsabilidades institucionais-, polo serán cobraban un xeneroso complemento na sede do partido.Tendo presente que a maioría dos ingresos procedían dos orzamentos do Estado e das CC.AA., a consecuencia práctica era indiscutíbel:eran pluriempregados que liquidaban dous ou mais salarios polo exercicio da actividade política.No canto de promover un debate social sobre a eventual necesidade de incrementar os soldos vixentes no ámbito da política, Rajoy avala un procedemento opaco tratando de catalogalo como realidade habitual de todas as formacións políticas.O mal de moitos é unha epidemia pero neste asunto hai forzas que están fora dese círculo vicioso e hai persoas que podemos aportar probas empíricas da deliberada falsidade pronunciada polo presidente do goberno español.


Se o máximo dirixente do PP aceita, agora, que se trabucou outorgándolle plena confianza ao ex –tesoureiro, debería tirar as consecuencias pertinentes.Se antes era un honesto xestor das finanzas partidarias e hoxe é cualificado como delincuente, o congruente sería asumir, con nomes e apelidos, as responsabilidades correspondentes e abandonar os cargos que se ocupan.Pero para iso sería necesario mudar esa concepción dominante nas esferas gobernamentais que subordina calquera dimisión a unha previa decisión xudicial.


A política non pode ser subsumida na xustiza.Obviamente, as persoas que realizan actividades políticas de xeito organizado deben estar sometidas á lexislación vixente pero iso non significa que o único criterio operativo para xulgar as accións dos representantes e dos xestores públicos sexa o cumprimento das normas acreditado por unha autoridade xudicial.É posíbel –e necesario- establecer un espazo propio para o labor político e dotalo dun sólido contido de valores que aseguren a imprescindíbel credibilidade social para aquelas persoas que conforman ese plural universo encargado de administrar os recursos comúns.Certamente, tal circunstancia require a existencia dunha cultura democrática transversal e consolidada.


Seguindo a lóxica defendida por Mariano Rajoy no recente debate parlamentar, chegariamos a unha práctica devaluación das institucións elixidas por sufraxio universal e á lexitimación fáctica da mentira na actividade política, algo que resulta eticamente rexeitábel por mais que sexa admisíbel no exercicio defensivo diante dun tribunal.


Hai, ademais, outro argumento que debe ser ponderado ao fío do estado de opinión presente no tecido social.O notábel desprestixio que padece, actualmente, a propia elite política require aplicar un nivel de esixencia superior ao que se manexou noutras épocas.A desconfianza instalada en amplos sectores da cidadanía só pode diminuír se hai un código de boas prácticas que rexenere o funcionamento dos partidos e das institucións.Asumir o risco de cometer unha inxustiza pola dimisión de tal ou cal responsábel político é menos nocivo para a saúde do sistema democrático que o mantemento das inercias conservadoras e gremiais acumuladas en tantos anos de tolerancia e/ou complicidade coa corrupción.


Dimitir non é un nome ruso pero, polo que se ve, non forma parte do código identitario dos partidos que posúen maiores cotas de poder no sistema político vixente.As preguntas son obrigadas:rematará a notábel tolerancia exhibida até o momento pola maioría do corpo social?Hai luz ao remate do túnel polo que está atravesando a democracia do Estado español?