Xoán Antón Pérez-Lema L. |
É cedo de máis para calquera conclusión definitiva a respecto do complexo causal que xerou a catástrofe da curva d’A Grandeira. Mais as decisións adoptadas nos últimos días por ADIF e RENFE e as caixas negras son ben elocuentes. Semella que existiu,si, un erro humano, mais este erro humano nunca xeraría por si só o accidente se a seguranza do comboio e do camiño de ferro fose a axeitada. En último de contas, co moderno sistema europeo ERTMS o accidente non sería posíbel porque o sistema frearía o tren.
Como explicarmos, se nón é así, a decisión de ADIF de activar axiña un complexo sistema, recomendado polos expertos que conforman a Comisión ministerial que pescuda o accidente, de freado automático na curva cando a velocidade sobarde os 60 kms./h e o maquinista non actúe .
A decisión é asisada. Mais chega tarde. Cando abrollou xa a convicción de que os Gobernos de Aznar-Cascos, ZP-Blanco e Rajoy-Ana Pastor aforraron en seguridade. Como se Galicia non precisase, por algunha extraña causa, da seguranza integral que desfrutan os AVES a Valladolid, Valencia, Sevilla ou Málaga.
Velaí a razón do nerviosismo dos Presidentes de ADIF e RENFE ao acusar en exclusiva ao maquinista Garzón. Éste enfrontará un proceso penal no que, sen prexuizo da súa presunción de inocencia, aparecen pegadas dun comportamento irregular que podería ser constitutivo de delicto. Mais o dos Presidentes de Adif e Renfe é de puro cinismo político. Non poden seguer un día máis en cadanseus postos.
Os Gobernos do PP e PSOE toleraron unha seguridade desaquelada no traxecto. E un erro humano puido facer o resto, cando o sistema estaba pensado para que a vida dos pasaxeiros non estivese exclusivamente nas máns do maquinista Garzón.
A ARRINCADEIRA : LÁSTIMA DE BOIS.
A Coruña coñeceu unha feira taurina absolutamente orfa de seareiros e unha demostración cidadá a prol da súa cancelación que sobardou os límites de determinados colectivos animalistas ou partidos da esquerda nacionalista para acadar unha transversalidade social, xeracional e interclasista. Pódese admitir a subvención encuberta de 90.000 € do Concello a este espectáculo? É admisíbel manter na Lei de protección aos animais de Galicia a taurina licenza para matar ?