domingo, 28 de julio de 2013

Transparencia e obxetividade - Xoán Antón Pérez-Lema L.

Xoán Antón Pérez-Lema L.
Cadernos da viaxe.
.
Pois resulta que algúns deses medios, escritos ou audiovisuais de Madrid -si, os que chegaron tarde- non tiñan abondo con rachar a lei non escrita do respecto pola intimidade das vítimas, que si cumpriron canda o 11-S e 11-M, para agora encetar un sistemático linchamento do maquinista Garzón. Claro é que o Goberno do Estado traballa mán con mán con eles para proxectar a idea: “temos un culpábel”. Aínda non escoitamos explicacións oficiais (probabélmente sexa cedo de máis) de Renfe e de Adif, pero xa ouvimos a súa acusación ao maquinista. Sospeitas que ratificou “urbi et orbe” un Ministro do Interior que tamén chegou tres días tarde, probábelmente incómodo polo  mando político e operativo da Xunta sobre a actuación derivada da catástrofe. Mando que é unha esixencia ineludíbel da Lei de Emerxencias de Galicia  aprobada no 2007, canda o bipartito.


Á hora que isto escrebo o maquinista declara perante o Xuiz natural predeterminado pola Lei, que é o que manda a Constitución, sen inmisións de enxendros xurisdiccionais como a Audiencia Nacional ou os Xulgados Centrais de Instrución. Será, pois, misión xudicial escoitar os rexistros de chamadas e troco de dados da ruta e do comboio e determinar o complexo causal que deu na catástrofe. O mínimo que lle podemos esixir ao Goberno do Estado, á súa axencia Adif e á súa operadora Renfe é que calen e colaboren coas pescudas xudiciais.


O que si xa sabemos nesta altura é que a curva do sinistro non desfrutaba do moderno sistema ERTMS, senón do antigo ASFA,dos anos 70 do século XX. E nos trens ALVIA éste é o único sistema operativo arestora en todo o treito Ourense-Compostela. O ASFA só advirte doutros comboios ou corpos na rota,sen lle achegar ao maquinista nin un só dado sobre a rota en si. Non por acaso o comsiario europeo de Transportes xa advertiu que este accidente non tería ocorrido se o ERTMS estivese operativo.


De calquera xeito, hora é xa de pecharmos as especulacións, sobre todo as que veñen do Goberno Rajoy e da operadora RENFE. A solidariedade da cidadanía galega e o seu civismo ante a catástrofe chaman por unha pescuda xudicial rigorosa e obxectiva. Mais, tamén, transparente. Porque a xente xa non acredita en andrómenas, por moi Ministro que sexa quen as conte.