Nestes dias moitos enchen o peito agasallando o comportamento de bombeiros, sanitarios, policías…Mesmo na TDT party abanean o botafumeiro e non paran…Non seria criticable se non fose que moitos deses mesmos, son os que arremeten contra eles pola súa condición de funcionarios, denigrándoos, enchéndoos de lixo e encirrando as baixas pasións do resto dos cidadáns afogados polo paro e o desemprego en contra deles.
Gabase coma funcionan os servizos sanitarios…Servizos que funcionaron a perfección e que son unha parte importante do tan acosado e desmantelado estado de benestar. O mesmo estado de benestar, os mesmos servizos que non perden oportunidade de desmembrar unhas veces para uns aforros pírricos e noutras para entregalos como pingüe negocio a especuladores privados que soio andan na procura do lucro urxente…Agora nestas circunstancias enchen peito parasitando as fotos e o dolor para aproveitarse da boa imaxe da explosión de solidariedade habida e a sensibilidade espertada.
Os bombeiros que alí estaban, deixaron unha folga porque andanlles a comer os salarios. Os sanitarios, recen saídos de traballar, o no seu tempo de lecer, ou de vacacións, a pesares da caza de bruxas a que andan sometidos, sen parar mais que na súa solidariedade e sentido profesional, incorporáronse aos seus postos por propria iniciativa para achegar o seu grao de area…
O pobo deu a resposta de dignidade cívica, de solidariedade, fronte aos ladróns, estafadores, mangantes, cleptómanos todos eles de colo branco que desangran o pais roubándolle o futuro e os dereitos como cidadans. Fronte a súa salvaxe insolidariedade, a resposta nobre do pobo escribindo con maiúsculas o termo Fraternidade. E moitos deles, eran funcionarios….
Os galegos “no peor dos sentidos” que dicía nunha mostra mais da súa grosera frivolidade Dona Rosa Díez, mostraron a súa solidariedade, a súa xenerosidade, a súa faciana de nobreza, as portas dos sanatorios para doar o seu sangue. Coas mans espidas apartando os ferros para sacar do seu inferno as vítimas. Traendo dos seus fogares sabanas e mantas para cubrir respectuosamente os mortos. Levando auga e e o que a man viñera para asistir aos doentes. Dando acougo a todos os que se atopaban en horas amargas…
Hoxe nestes momentos de desolación, en que tristura aferrase as xentes, diante desta catástrofe que levou por diante as vidas, as ilusiones e proxectos de moitas mozas e mozos, de homes e mulleres ou de nenos sen darlle a oportunidade de xermolar, moitos dos que andan gabando aos funcionarios a quen tanto insultaron e emporcallaron, que non paran de pedir que vaian para a rúa, que tanto brincan para afundir o estado de benestar, si tiveran un mínimo de vergoña deberan calar coma petos… Pero iso seria tan inútil, como pedirlle aos porcos que apreciasen as margaridas.