Xesús Veiga |
Hai outra parte do discurso defensivo que xa resulta aburrido por reiterativo:mentres non se demostre a comisión dun ilícito penal non se asumen responsabilidades políticas.Mais aínda:nin sequera se comparece no Parlamento para dar explicacións.Na lóxica do PP –que tamén utilizaron moitas veces algúns dirixentes do Partido Socialista- a política perde autonomía como espazo democrático e fica subordinada aos procedementos e resolucións xudiciais.E logo pasa o que pasa:o exemplo do Prestige resulta paradigmático.Mais de dez anos para substanciar a causa contra os responsábeis daquela desfeita e a constancia explícita –formulada por parte do propio maxistrado- de que non estiveron sentados no banco dos acusados todos os causantes da catástrofe.O que se busca no expediente Barcenas é algo semellante:que pase o tempo, que os delitos prescriban e que os culpábeis fiquen reducidos á mínima expresión.
Os dirixentes do PP non deberían desprezar a gravidade específica dos acontecementos rexistrados nos últimos días:Barcenas entregou os papeis orixinais do que semella ser a contabilidade B do partido ao director de El Mundo sabendo o que iso significa.Pedro J. Ramirez non actúa sen calcular previamente as consecuencias políticas das súas iniciativas mediáticas.Dende hai anos exhibe unha evidente falta de empatía con Mariano Rajoy e agora, talvez, considera chegado o momento das apostas fortes en favor dunha crise gobernamental que supoña o punto final para o inquilino da Moncloa.Ademais dun insoportábel episodio de corrupción, estamos ante as primeiras batallas polo control interno do partido da gaivota ante as reiteradas análises demoscópicas que anuncian un desgaste electoral dificilmente reversíbel.
Como a equipa de Rajoy non é sensíbel ás razóns inspiradas na ética ou nos valores democráticos que deberían presidir o comportamento da elite política, será necesario apelar a outras consideracións directamente vinculadas ao papel que expresamente teñen asumido.Se aceitan o estatus de protectorado alemán cando executan as políticas económicas previamente deseñadas, deberían, alomenos, ser consecuentes coas regras non escritas que rexen no universo da señora Merkel.Se un ministro da RFA dimitiu por copiar unha tese de doutoramento, qué cabe esixir ao presidente dun partido irmán que depositou a súa confianza durante moitos anos nun individuo ao que agora caracteriza como delincuente contumaz?