Xoán Antón Pérez-Lema L. |
Adoitan dicir Rajoy e Feijóo que, na democracia, son as eleccións as que determinan maiorías e gobernos. E teñen razón,malia que iso non prexudique o debate sobre a reforma que precisa un sistema tan desaquelado coma éste, onde un partido co 45% dos votos e menos do 28% do corpo electoral pode acadar o 55% dos escanos. Porén, seguen ser as regras de xogo. E éstas hai que cumprilas mentres dure o partido.
Agora ben, probada esta lexitimidade de orixe, a perda da lexitimidade do seu exercicio terá efectos moi sobranceiros sobre a capacidade do Goberno (neste caso dos dous Gobernos, estatal e galego) para desenvolver a súa axenda. E velaí o grave problema de Rajoy. Como pode convencer das súas medidas? Pódese blindar tras da súa maioría absoluta e-suposto- control da orde pública? Cada semana que continúe o PP ten máis risco de asociar a súa supervivencia á do Presidente do Goberno do Estado. E éste de ir perdendo mesmo os importantes apoios dos que desfruta na contorna que votou por él no 2011.
Mais desta volta Monte Pío non pode ollar coa suficiencia que adoitaba cara Xénova. Porque o mito do Feijóo que “mandó a parar” logo do Congreso do PPdeG do 2006 xa non se ten de pé. E abrolla na opinión cidadá a convicción de que nada substancial mudou na xestion das finanzas do PPdeG entre 1990 e 2012. As fotos con Dorado e a falla de explicacións cumpridas a respecto das informacións que elevaban en 2,2 M€ as doazóns supostamente percebidas polo PPdeG no 2006 a respecto das reflectidas oficialmente comprometen tamén a lexitimidade de exercicio da Xunta. Probábelmente Feijóo nin suceda a Rajoy nin sexa candidato á Xunta no 2015-16.
Malia estas feblezas, a oposición parlamentaria galega non é quen de desenvolver unha liña de oposición coherente a Feijóo. Mesmo AGE impútalle ao PPdeG unha conexión financeira co narcotráfico, “boutade” indemostrábel que só serve para reforzar as fileiras gobernamentais e a imparábel polarización do País.
Porque, mentres falamos disto, non falamos da necesidade de pular polo crecemento económico, nin das fondas reformas institucionais precisas, nin da solución das preferentes nin da continuidade de NovaGalicia Banco. Seguemos a perder o tempo diante dun dos reptos máis sobranceiros da nosa historia.