miércoles, 24 de julio de 2013

Control dos cidadáns e protección ás multinacionais - Xosé A. Gaciño

Xosé A. Gaciño
Un leve efectos colateral das revelacións de Edward Snowden, sobre a trama de espionaxe xeral que ten montado Estados Unidos en todo o mundo, é esa tímida resistencia que está a escenificar a Unión Europea para que as normas que está a elaborar sobre intimidade e protección de datos non se vexan invadidas polo que se lexisla sobre esta materia desde Washington con carácter universal. A capacidade da espionaxe estadounidense xa tiveron ocasión de comprobala as autoridades comunitarias bastante antes de que se produciran as filtracións de Snowden. As primeiras presións para que esas normas non dificultasen o fluxo de datos europeos cara aos servizos secretos norteamericanos comezaron a recibilas hai un par de anos, cando as intencións europeas aínda non eran públicas e as futuras normas comunitarias sobre protección de datos non pasaban de ser un primeiro borrador de suxestións que só se coñecía nunha dirección xeral.
E da capacidade de presión estadounidense da fe o feito de que esa normativa aínda non estea rematada e de que se dubide que se poida rematar nesta lexislatura do Parlamento Europeo (que acaba na próxima primavera). Por suposto, todo o debate sobre qué datos, e de quen, poden ser intercambiados transcorre na maior discreción, por non dicir secretismo. O do intercambio é unha maneira de falar, claro, porque todo o mundo está convencido que ese fluxo de información vai circular basicamente nunha soa dirección.
A maior parte deses datos son facilitados voluntariamente –e podería dicirse que alegremente– polos usuarios das redes sociais, por exemplo. Estes mecanismos plasman en rexistros informáticos as relacións persoais e de grupo que se manteñen mediante comunicacións públicas e privadas (os correos electrónicos, en principio e teoricamente, deben rexerse polos mesmos criterios de inviolabilidade que a correspondencia convencional, pero cada vez temos máis sospeitas de que son violados continuamente). Entre iso e as chamadas cámaras de seguridade en establecementos e espazos públicos, a intimidade persoal apenas pode manterse no domicilio particular (e sen asomarse moito a fiestras e terrazas: sempre pode haber un satélite ao axexo).


Baixo a cobertura da loita contra o terrorismo internacional, o goberno de Estados Unidos conseguiu que as grandes corporacións que controlan o negocio das comunicacións electrónicas poñan á súa disposición os seus rexistros para o control indiscriminado de todos os usuarios en todo o mundo (mentres lles permiten, por certo, xogar ao escondedoiro cos seus beneficios en paraísos fiscais).
Precisamente para o que parece que non teñen tanto poder, ou non queren exercelo, é para controlar certos movementos de capitais, eses intercambios de informacións fiscais aos que se refiren como urxentes e necesarios os gobernantes do G-8 e do G-20, de xeito ritual, nas reunións celebradas desde o principio da crise. Cinco anos despois, aínda non tomaron medidas verdadeiramente eficaces para espiar e controlar as evasións sistemáticas de impostos por parte das multinacionais. Quizais porque, en realidade, esas evasións se producen a través de mecanismos legais que eses gobernos hipócritas puxeron hai tempo á súa disposición.


Teñen á maioría dos cidadáns sometidos a control, nos seus movementos persoais e nas súas restricións económicas. Respectan e protexen ás grandes corporacións, que participan ou szed benefician dese control (ou ambas cousas). De vez en cando, como nas reunións dos “G” ou nesas resistencias retóricas europeas ás esixencias estadounidenses, disimulan un pouco. E de vez en cando, un espía arrepentido como Snowden (como un heroico Bradley Manning, o soldado que se está a xogar a vida por difundir as barbaridades das tropas estadounidenses nos territorios que “liberaban”) levanta un pouco as alfombras que esconden o lixo. Taparse o nariz non debería ser suficiente para superar a degradación que avanza.