Xosé A. Gaciño |
Outra lectura interesada é a que só le as subvencións que reciben, por exemplo, os partidos políticos, os sindicatos, os xornaleiros, a investigación científica, as actividades culturais ou as de cooperación. Con técnicas de lectura discriminadamente rápida, esquecen as axudas públicas que reciben, por exemplo, a patronal, as grandes empresas, os terratenentes, a igrexa católica e até as fundacións privadas desde as que os ideólogos neoliberais predican contra as subvencións e o intervencionismo estatal.
Esquecen, por exemplo, que todos os estudos universitarios están subvencionados, que as taxas –aínda coas últimas subidas– non chegan a cubrir nin sequera a terceira parte dos gastos das universidades. Calquera dos alumnos que se permiten suspender e repetir cursos, porque teñen recursos para pagar as taxas, consume moito máis diñeiro público que o que pode representar a bolsa máis xenerosa. E en lugar de xustificar os recortes polas penurias derivadas da crise –e tratar de distribuír máis ou menos equilibradamente as rebaixas dos recursos entre bolseiros e repetidores–, montan unha argumentación delirante sobre esforzo e excelencia para elevar a nota de acceso ás bolsas (e non ao resto dos universitarios subvencionados). Unha argumentación que transluce a impresión de que esta decisión, en realidade, ten pouco que ver coa crise, aínda que a tome como pretexto. Parece máis ben encamiñada a restablecer a “orde natural” (clasista, por suposto) no acceso á Universidade.
Ese parece ser o verdadeiro obxectivo xeral das diversas reformas que se promoven en España e no conxunto da Unión Europa aproveitando a recesión económica: recuperar o que consideran a orde natural das relacións de poder, eliminando en apenas uns anos as correccións das desigualdades máis renxentes conseguidas nos dous últimos séculos. De maneira que, cando quede “saneado” o sistema –é dicir, libre de cargas sociais e de dereitos laborais, vencido e desarmado o “inimigo” reivindicativo–, poda decretarse o final da crise e o comezo dunha nova era de próspera explotación salvaxe.
Os manipuladores xa empezan a adestrarse para o anuncio da boa nova coa premonitoria visión de luces ao final do túnel.