Xoán Antón Pérez-Lema L. |
A eventual declaración de incompatibilidade co Dereito da UE do chamado “tax lease”, canda a prohibición para construir barcos a Navantia-Fene, que Aznar pactou coa UE para salvar Navantia das perdas xeradas pola ineficiencia andaluza e cartaxenera, reflicten que España nunca entendeu a importancia da construción naval galega. Tampouco entendeu nunca a importancia da nosa industria conserveira, da nosa pesca e, en xeral, do carácter fulcral e estratéxico do noso sistema produtivo mar-industria.
Do mesmo xeito, a axenda española cara a negociación da Política Agraria Común (PAC) centrouse só nas producións mediterráneas (olivas, laranxas) e nos intereses das rexións latifundistas, arrumbando os intereses das nosas producións cárnicas e lácteas. Outro tanto compre dicir dos nosos intereses do sistema monte-madeira-industria. Mentres, tentouse impoñer dende Madrid un sistema aeroportuario dependente dese xigante que é Madrid-T4, retendo as competencias sobre uns portos que remanecen desconexos e pequenos. Cando éstes, xestionados a xeito, haberían ser o grande “hub” europeo cara América no horizonte da nova canle panameña, no 2015.
Certo é que a nosa produción por habitante chega só a pouco máis do 90% da nosa renda dispoñíbel. Mais, de existirmos con voz propia na Europa, ao xeito de Estados da nosa fasquía poboacional (Irlanda, Eslovenia, os países bálticos) semella que o noso PIB tería medrado substancialmente, pois que case todos os nosos sectores empresariais nos que presentamos vantaxes comparativas foron e son sometidos a acoso e soidade. E non precisaríamos daquela ningunha caste de subsidio.
O mapa complétase co desprezo da esquerda e dereita española polas nosas Institucións de autogoberno. Velaí o rexeitamento de Fdz Ordóñez e da montorista Cristina F. Currás a compareceren diante do Parlamento deste País. Quizais tamén para non ter que recoñecer que, canda a mala xestión dos seus dirixentes galegos, a inviabilidade da fusión das Caixas tivo algo a ver coa proa do PP e PSOE estatais a respecto da pervivencia de toda entidade financeira galega.
O peor de todo é que, cun 5% do PIB e cun 6% da poboación estatal, isto non vai mellorar. Velaí que sexan o autogoberno e o dereito á diferenza as mellores armas para sermos económicamente viábeis.
A ARRINCADEIRA : YES SCOTLAND.
Escocia camiña cara ao seu referendo de autodeterminación de 2014. Moitos escoceses levan gravado a lume que o Goberno de Westminster informara de que Escocia era un país pobre e subsidiado, contabilizando os ingresos do petróleo do Mar do Norte como xerados por un novo territorio chamado “plataforma continental”e distinto de Escocia. Até a lei de transparencia os escoceses non puideron saber do engano do Goberno británico.