Pablo González Mariñas |
Non se fala da lóxica supresión dos Ministerios que, como o de Cultura, carecen de competencias por estar trasnferido o ramo ás Comunidades Autónomas... Si, en troques, propónse, porque non se pode impoñer, aínda que si coaccionar dende o Ministerio de Facenda polo impresentable e montaraz ministro Montoro, a reducción do número de deputados dos Parlamentos autonómicos, a supresión dos Consellos de Contas das Autonomías e a eliminación dos Valedores do Pobo... Advírtase, porén, que estas son institucións, son entidades, non órganos administrativos; entidades de orixe e lexitimación estatutaria que, dende a auctoritas democrática que lles da a súa dependencia parlamentaria, exercen funcións de control sobre as Administracións públicas. Na súa pretendida supresión non hai reforma administrativa, senón contrarreforma política. A súa supresión busca conseguir: menos control político (Parlamento), menos control económico (Consello de Contas) e menos contro social (Valedor do Pobo). En definitiva, unha Administración de mans libres na que sexa difícil ou imposible a interdicción da arbitrariedade, do abuso ou da corrupción. Vai ser máis eficaz e eficiente esa Administración? Depende de para que. Para o obxectivo político do PP de ir desmantelando a urdime institucional das Autonomías en aras dunha centralización rampante, si. Para a racionalización da aparataxe administrativa e a para o aforro de gasto inúltil, no. Un só dato: Rajoy di que co seu plan aforraremos 8.000 millóns de euros. Coa supresión ou sustitución racional das Deputacións por un organismo pereecuador, sen deputados nin cohortes de asesores presidenciais, sen dietas e sen audis oficiais, calcúlase que se aforrarían 22.000 millóns. Ah!, pero isto non, que faríamos cos “paniaguados” do partido e da presión laboiral do emerxente colectivo das novas xeracións, mocidades ou xuventudes? Hai moitas cousas malas a depurar na política. Pero quizáis a mentira, a hipocrisía, a doblez, o sementar estados de ánimo na opinión pública (neste caso contra as CCAA) para logo aplicar escuramente a demagoxia, emboscada en forma de aforro, é máis ca unha canallada; é unha insoportable broma digna de Rabelais Rajoy Brey.