viernes, 5 de julio de 2013

A culpa foi do chachachá - Xesús Veiga

Xesús Veiga
Os dous primeiros días de comparecencias na Comisión de investigación sobre as Caixas creada no Parlamento galego tiveron un común denominador:nin os cargos gobernamentais nin os máximos directivos das entidades quixeron asumir as cotas de responsabilidade que lles corresponden no proceso de crise e morte daquelas históricas institucións financeiras.

O problema principal que está colocado enriba da mesa non é a fusión acometida entre Caixagalicia e Caixanova.A cuestión decisiva é analizar a traxectoria seguida por estas entidades nos anos anteriores.A converxencia entre ambas era un medio instrumental para saír do burato onde se atopaban.O propio Gayoso recoñeceu que Caixanova descartaba a hipótese de continuar en solitario e apostaba por un acordo con entidades doutros territorios.


Xustamente, na explicación dese pasado foi onde mais se visibilizou a carencia de vontade autocrítica duns xestores que levaban décadas exercendo o seu labor e que, por tanto, non podían alegar ignorancia.Refuxiarse no silencio do Banco de España e na pasividade do goberno galego pode ser un recuso defensivo comprensíbel no plano persoal pero resulta inaceptábel como coartada argumental nunha comisión que se desenvolve na sede democrática por excelencia.Méndez foi plenamente responsábel das aventuras inmobiliarias protagonizadas no Levante e Gayoso sabía o que facía cando colaborou co “Pocero” no despropósito de Seseña.O ex –director xeral de Caixanova fixo unha confesión reveladora:para el, o erro básico foi non actuar con maior ambición nos mercados exteriores.Ou sexa:non facer como o Banco de Santander ou o BBVA, non imitar mais a lóxica dos bancos privados.Velaí o código identitario de Méndez e Gayoso:querían ser como Botín e Francisco González a pesar de que dirixían unhas entidades de carácter social non sometidas á lóxica do beneficio empresarial convencional.


Os cargos políticos comparecentes botaron a pelota no tellado do Banco de España, da CNMV e dos executivos caixeiros.A desaparición física de Fraga, Orza e Cuíña impediu materializar a obtención dunha información potencialmente relevante a respeito do período 1990-2005 (moito mais se temos en conta que houbo dúas modificacións da lexislación galega nos anos 1995 e 2003).A presenza do ex –conselleiro Fernández Antonio serviu para certificar unha das eivas mais notorias do labor do goberno tripartito.A renuncia a formar parte do órgano de control das Caixas demostrou unha inhibición incompatíbel cos compromisos programáticos da coalición e moi lesiva para a propia credibilidade do proxecto de cambio.


Non fai falta ser un experto en prospectiva para imaxinar o que vai defender Fernández Ordóñez se é que, finalmente, decide cumprir coa súa obriga e realiza a tan esperada declaración parlamentaria.A pelota, nese momento, retornará aos xestores das Caixas e aos membros do  goberno da Xunta.
As sorpresas que non se vivirán con MAFO xa tomaron corpo coa ausencia de X.M. Beiras no debate con Méndez, Gayoso, Varela e Pego.Non hai unha versión oficial –de AGE ou do propio voceiro- que permita explicar o que semella ser o maior paradoxo da actual lexislatura:a non comparecencia –na sesión estelar da Comisión de Investigación- do dirixente político que está exhibindo a maior contundencia verbal contra o presidente e os voceiros do PP.