CADERNOS DA VIAXE.
Bó sería que Galicia for o país europeo onde máis doado fose fundar unha empresa, respectando sempre á legalidade administrativa, ambiental, fiscal e laboral. A dereita e a esquerda españolas nunca miraron pola empresa. O capitalismo español foi históricamente un capitalismo alicerzado no BOE e esta situación non mudou, mesmo afortalouse, coas privatizacións de Felipe González e Aznar-Rato, que consolidaron un núcleo de empresas reguladas e moi politizadas, que sobrancean no IBEX 35 canda bancos e distribuidoras eléctricas.
Mais detras dalgunhas propostas pro-emprendemento empresarial agáchase unha trampulleira maquillaxe das porcentaxes do desemprego para reduciren as prestacións. Non se lle pode própór a ninguén, con só 3000 euros de axuda e unha cota de SS de 50 €/mes algún tempo, que emprenda un proxecto empresarial para o que non conta con formación nin vai contar con financiamento. A aventura remataría nun ano coa expulsión do mercado dese falso autónomo, seica lastrado cunha débeda importante sobre o seu patrimonio e o dos seus máis próximos.
Promover o emprendemento obriga a outra caste de políticas. Obriga a moderar as cotizacións da SS para as pemes e a só percebir o IVE destas cando se cobre. Obriga fornecer de instrumentos de formación empresarial continua que permitan coñecer os mercados e albiscar as oportunidades. E, nomeadamente, debe fomentar colaboracións e sinerxias entre emprendedores. Sós non podemos, ao mellor con socios si. E a economía social, coas súas cooperativas e sociedades limitadas laborais, estase a revelar como un eixo transversal que destrúe moito menos emprego ca a grande empresa capitalista, por exemplo. Estase a revelar como un muro á destrución de emprego, polo menos na nosa Galicia.
Promovermos o emprendemento, si. Mais sen nos enganar con falsas cadraturas do circulo.
A ARRINCADEIRA: O ABSURDO LOCALISMO.
O descenso non ten doada solución, agás confiar nunha nova equipa alicerzada no adestrador-Fernando Vázquez-que nos devolveu a ilusión e nesta afección, a mellor da Europa. Parabéns ao Celta, que demostrou ter unha afección maioritariamente galega e deportiva, agás excepcións lamentábeis.