lunes, 3 de junio de 2013

Recortes - Xosé António Gaciño Barral

Montados na onda do desprestixio dos políticos, e co pretexto de contribuír a axustar o déficit público, os recortes van chegando tamén ao sistema democrático representativo. Con certo ton demagóxico, adóptanse medidas como a de suprimir o soldo á inmensa maioría dos deputados dun parlamento autonómico, ou a de reducir o seu número. Soa ben nun contexto no que oímos as voces dos indignados queixándose dos emolumentos dos políticos ou do seu número excesivo.

Pero unha cousa é diminuír a nómina dos políticos e outra cousa é manipular a representación parlamentaria. A distorsión desa representación democrática en España está consagrada por unha lei electoral que, aínda que teoricamente respecta o sistema proporcional establecido na Constitución, na práctica constitúe unha violación flagrante da proporcionalidade, como consecuencia da circunscrición provincial (tamén contemplada na Constitución, nunha das súas contradicións) e da adxudicación dun mínimo de dous deputados por provincia, reducindo sensibelmente o resto de deputados a repartir de xeito proporcional á poboación de cada provincia. Promulgada para as primeiras eleccións posfranquistas (é dicir, antes da Constitución), cando os herdeiros da ditadura trataban de asegurarse a maioría e limitar o máis posíbel a presenza da esquerda, primou a representación das zoas menos poboadas e máis rurais, ás que supuñan un voto conservador, para contrarrestar o supostamente máis progresista voto urbano, sen que ese criterio básico fose corrixido despois de aprobada a Constitución.


Esa particular maneira de entender a proporcionalidade ten o seu reflexo específico na lei electoral galega. Da mesma maneira que, no conxunto do Estado, as circunscricións menos poboadas teñen un voto primado a partir do mínimo de dous deputados por provincia (xa é un tópico recordar que un escano en Soria custa vinte mil votos e en Madrid, cen mil), en Galicia está máis que asegurada esa prima co mínimo de dez deputados por provincia, que, se xa é distorsionante co total de 75 deputados, aumenta amplamente coa rebaixa a 61 que proxecta o PP, mantendo o mínimo provincial de dez.


Non se manexa demasiado ese factor na polémica entre partidos, quizais para non levantar receos interterritoriais, pero está claro que a reforma vai recortar substancialmente a representación das provincias de A Coruña e Pontevedra, que pasarán de 24 deputados a 18 e de 22 a 16, respectivamente, mentres Lugo e Ourense só perderán un deputado cada unha (de 15 a 14 os lucenses e de 14 a 13 os ourensáns). Xa co reparto actual, a provincia coruñesa, que agrupa ao 41,1 por cento da poboación de Galicia, só elixe ao 32 por cento dos deputados, e a de Pontevedra, onde vive o 34,3 por cento dos galegos, ao 29,3 por cento dos deputados. Naturalmente, a proporción, é inversa nas dúas provincias menos poboadas: Lugo, co 12,4 por cento de poboación, elixe ao 20 por cento da cámara, e Ourense, co 11,8 por cento de poboación, ao 18,6 por cento dos deputados.


Co reparto dos futuros 61 deputados, a desigualdade de voto entre os cidadáns das provincias occidentais e os das provincias orientais agudízase. A Coruña pasará a elixir o 29,5 por cento dos deputados e Pontevedra, o 26,2, mentres Lugo e Ourense sobrepasarán o vinte por cento: 22,9 e 21,3, respectivamente.
O pretexto da reforma, claro, é o do aforro económico (5,5 millóns de euros), pero está claro que o recorte económico se aproveita para aumentar aínda máis o valor do voto de zoas previsibelmente máis conservadoras, nunha sorte de pucheirazo preventivo.  Para eliminar esa sospeita, deberían suprimir o mínimo de dez deputados por provincia, establecendo un reparto estritamente proporcional á poboación, ou, polo menos, baixar o mínimo provincial.


Creo que lucenses e ourensáns agradecerían máis que o aumento dos seus representantes políticos fose o resultado dun aumento da súa actividade económica produtiva e non do mantemento dunha rede caciquil que reparte postos de conserxes.