Xesús Veiga |
Resulta evidente –mesmo descontando a “cociña” habitual practicada neste tipo de traballos- que existen indicios relevantes que anuncian unha mudanza substantiva do mapa político estatal. Nese sentido, os resultados que obtén o PSOE neste inquérito suscitan algunha reflexión específica. Cómo é posíbel que, nas actuais circunstancias, o principal partido da oposición non sexa quen de incrementar a súa porcentaxe de apoios sociais? A resposta só se pode atopar na propia historia recente desta organización. O sucedido no mes de Maio de 2010 ten un valor pedagóxico que merece ser rescatado na actual encrucillada.Daquela, o goberno de Zapatero –apoiado nunha sólida maioría parlamentar- tivo que enfrontar un dilema non previsto na súa folla de ruta:aceitar un conxunto de medidas económicas esixidas pola “troika” e contrarias aos compromisos contraídos no programa electoral do ano 2008 ou presentar a dimisión e permitir que as urnas emitiran sentenza a respeito das liñas que debían seguir os responsábeis gobernamentais. A dirección socialista optou por cumprir o guión esixido por A. Merkel e provocou unha fenda cos seus votantes que segue instalada no imaxinario social e neutraliza as expectativas que cabía esperar da súa condición de presunta alternativa ao desastre causado pola andaina de Rajoy.Naquel momento preferiron manter nas súas mans o control do goberno sen considerar a dura hipoteca que adquirían para o futuro.A outra posibilidade –dimitir e convocar eleccións- talvez os colocara fora da Moncloa pero proporcionaba importantes contrapartidas:afirmar o respeto polo que se propón nos programas electorais e gañar unha forte autoridade moral para exercer a oposición ao PP.
Fagamos un exercicio de política-ficción e supoñamos que Mariano Rajoy fose presidente do novo goberno xurdido dunhas hipotéticas eleccións anticipadas convocadas por Zapatero na primavera de 2010. As políticas realmente practicadas non variarían significativamente sobre as que tivemos ocasión de coñecer.Poren, os cambios afectarían á credibilidade do PSOE como forza política capaz de enfrontar a crise dende parámetros diferentes. Xustamente o que hoxe necesita a equipa que encabeza Pérez Rubalcaba.
A experiencia do 2010 debería figurar nos códigos de conduta das formacións que pretenden promover procesos de transformación en beneficio do benestar das maiorías sociais. Gobernar cun programa contrario ao que se ofreceu ao electorado pode satisfacer os intereses e/ou as ambicións da elite que dirixe o partido afectado pero arruína elementos básicos do proxecto que encarna tal organización. Por utilizar unha expresión moi gráfica:permite ir de vitoria en vitoria ate a derrota final.