viernes, 26 de abril de 2013

Italia: inestabilidade crónica fronte a controis europeos - Xosé A. Gaciño

Xosé A. Gaciño
Demasiado ruído para tan poucas noces. En realidade, era previsíbel que o panorama político de Italia non dese para máis, pero as ansiedades comunitarias sobre o control do que viña sendo un protectorado da Unión Europea, desde que Bruxelas impuxo ao tecnócrata Mario Monti ao fronte do goberno italiano o 13 de novembro do 2011, tiñan levantado unhas expectativas de superación da tradicional inestabilidade política que o voto popular, unha vez máis, frustrou.

Concibidas para dotar a Monti dun respaldo democrático, as eleccións dos pasados 24 e 25 de febreiro produciron un bloqueo do que apenas se empeza a saír, despois de terse queimada a alternativa de centro-esquerda (a vencedora pírrica dos comicios), de verse reducida a chamada opción centrista a unha presenza case testemuñal e de volver contemplar cómo Berlusconi é capaz de rexurdir das súas cinzas corruptas, grazas, entre outras cousas, á pasividade dos parlamentarios do Movemento 5 Estrelas, verdadeira revelación destas eleccións, pero que, de momento, se limita a velas vir. Os partidos tradicionais, incapaces de chegar a un consenso nin sequera para elixir novo presidente da República, volveron botar man de Giorgio Napolitano, que, aos seus 87 anos, se viu na obrigación de aceptar un segundo mandato. O vello ex comunista converteuse na garantía de estabilidade para a UE, os mercados e mesmo a Igrexa Católica.
A saída, de momento, non pode ser máis convencional. Insístese na idea do goberno de concentración, dentro do criterio xeneralizado en Europa de que non hai outra política económica posíbel que a que dita o goberno alemán, polo que non teñen sentido os matices de esquerda ou dereita. Esta vez o encargado de temperar gaitas é un político, Enrico Letta, segundo do líder do Partido Democrático, Pier Luigi Bersani, que morreu politicamente tras achegarse a Berlusconi para pactar un candidato común á presidencia da República. Curiosamente, o compromiso de agora con Berlusconi vai ser maior: nada menos que un goberno de coalición. A contradición afecta ao propio promotor da fórmula, Napolitano, que, no seu momento, forzara a solución de Monti para desprazar a un incontrolado Berlusconi, presunto delincuente máis preocupado por protexerse das actuacións xudiciais que por cumprir a ortodoxia europea da austeridade.


Ao espectáculo do novo capítulo de componendas políticas  asisten, en primeira fila, os parlamentarios do Movemento 5 Estrelas, promovido polo cómico Beppe Grillo (que o dirixe desde fora, porque el non foi candidato, como tampouco o foi Mario Monti, reservado para ser directamente xefe de goberno se os centristas gañaban) e recrutados de diferentes plataformas cidadás a través de eleccións primarias (procedemento que tamén seguiron no Partido Democrático). Agrupa sensibilidades moi diversas, mesmo ás veces contraditorias, pero unidas polo rexeitamento radical das prácticas de componendas e corrupción dos partidos políticos tradicionais. Pode presumir de ser a forza en solitario máis votada: as que lles superan en votos (centro-esquerda e centro-dereita) son coalicións.


Despois dun primeiro momento de debilidade, cando algúns senadores “grillistas” apoiaron ao PD para elixir presidente do Senado a Piero Grasso, ex fiscal antimafia, a nova formación enrocouse na súa pureza, sen máis baza que xogar que a votación dos seus propios candidatos e propostas ou o seu abstencionismo. Quizais esperan así a caída do sistema: de momento, contribuíron a osixenar a un agoniado Berlusconi, un político que –ironías da historia– se presentou na política italiana hai vinte anos como alternativa de rexeneración para substituír aos partidos condenados e disoltos pola operación xudicial Mani Pulite (“mans limpas”) contra unha corrupción xeneralizada e histórica, que arrastraba a Democracia Cristiá desde os tempos da guerra fría, cando o prioritario era pechar o paso ao triunfo electoral do potente Partido Comunista e até a mafia era considerada un aliado nesa tarefa (nos anos setenta, os que botaron unha man foron os terroristas de extrema esquerda, co asasinato de Aldo Moro, o político democristián que promovía o “compromiso histórico” co PCI).


Pero esa inestabilidade crónica non parece tan catastrófica. Entre componendas e corrupcións, a pesar das trabas burocráticas dunha administración anquilosada e dos prexuízos ideolóxicos derivados da omnipresenza eclesiástica, a sociedade italiana conseguiu desenvolver a súa vitalidade, na cultura como nos negocios (forma parte do G-8 desde que era só G-6 no 1973). Como tantos outros países do sur europeo, é capaz de suplir con imaxinación e audacia a falta de rigor e disciplina, tan querida na Mitteleuropa profunda que hoxe volve intentar disciplinar e controlar todo o continente.