Xoán Antón Pérez-Lema L. |
O Goberno Rajoy ratificounos este día que o desemprego e, xa que logo, a cohesión social, o crecemento e mesmo o sofrimento das persoas non son as súas prioridades. Rajoy, ao tempo, ratificou que non ten un relato para promover nin a actividade económica nin o emprendemento. Demóstrase nidiamente que a dereita española é remisa a confiar na inicativa privada e social e non ten un Plan para os emprendedores.
Compre dicir que,ás veces, abusamos ao fiarmos a recuperación, só e sen matizarmos, ao emprendemento empresarial privado. Agachar subemprego baixo a apariencia de supostos autónomos ou enfrontar a aventura de fundar unha microempresa sen unha acaída formación en xestión empresarial e-na meirande parte dos casos e sectores-sen un financiamento acaído é a crónica dun fracaso anticipado, que mesmo pode deixar unha lousa familiar por moitos anos.
Mais certo é que vivimos nun sistema político-institucional e nunha sociedade refractaria ao emprendemento, xa non só individual, senón social. Refractaria á creación e, por riba de todo, ao mantemento do emprego é tarefa, nomeadamente, das pemes.
Un clima favorábel para o emprendemento require dun forte pulo público en termos de acceso ao financiamento, avantaxes fiscais (adiantar o IVE non cobrado e as altísimas cotizacións sociais afogan o emprendemento autónomo e social), recursos estruturais que faciliten os primeiros tempos (partillando estruturas físicas e administrativas para aforrar custos) e unha modificación da lexislación concursal que lle permita ao emprendedor pechar un fracaso empresarial non intencionado para poder reinsertarse social e laboralmente sen necesidade de vivir perpetuamente á marxe da actividade económica legalmente regularizada.
Porén, os partidos do bipartidismo dinástico enchen a boca falando de emprendemento cando desenvolven de feito unha política que liquida as posibilidades de supervivencia das pemes, como fixeron cando aprobaron no outono do 2011 unha reforma constitucional que prioriza o pagamento da débeda ás políticas de pulo ao crecemento. Mais tampouco as outras dúas forzas presentes no Parlamento galego semellan ter un relato para xerarmos máis e mellor iniciativa privada e social na nosa actividade empresarial. Unha iniciativa que require, tamén , dunha fonda remuda na mentalidade social imperante na Galicia.