domingo, 7 de abril de 2013

Cadernos da viaxe - Xoán Antón Pérez-Lema L

Xoán Antón Pérez-Lema L
O afogo do audiovisual galego.
 
O audiovisual galego entregou os seus premios “Mestre Mateo” nun ambiente marcado pola crítica de Mabel Rivera e do presidente  da Academia do Audiovisual, Antonio Mourelos e da incerteza sobre cando volverán ter traballo na Galicia os que o perderon e canto lles durara aos que o manteñen. Para os que adoitamos comparecer a estes xuntoiros non foi inadvertida a cantidade de ausentes e as historias que outros contaban a respecto da sua situación. Profesionais emigrados ou que malviven con traballos espallados. Galicia perdeu nos últimos dous anos mais de dous mil empregos nas súas industrias audiovisuais e culturais. 


Dende a Lei galega do Audiovisual (1999)  desenvolveuse discretamente este novo sector. Formaronse centos de profesionais xeralmente recoñecidos. Os cartos publicos investidos retornaron á sociedade multiplicados. Creouse o cerne dunha nova industria. A  Axencia Galega do Audiovisual da conselleira nacionalista Anxela Bugallo xerou  ducias de novos creadores e  proxectos de emprendemento.


As políticas suicidas de austeridade, combinadas co incremento do IVE do 8 ao 21% están a liquidar o sector na Galicia, canda a edición e as artes escénicas e musicais. Mais pasma a capacidade de reinvención da meirande parte do sector, que segue a xerar produtos de calidade e novas linguaxes a pesares deste proceso de destrucion.


 A ARRINCADEIRA: GALICIA CANIBAL. 


Publicouse hai días que a produtora de Anton Reixa recibiu da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) 140.000 euros poucas semanas antes do cesamento do anterior xerente J.C. Fasero e da súa fichaxe como delegado pola SGAE que preside Reixa. Mais o respecto aos feitos acaecidos esixe coñecermos a información completa.  Filmanova investiu en “Galicia Canibal” por riba do 1M€, empregando máis de 60 artistas e profesionais (23 deles riba da escea e 40 na equipa técnica e de marketing) dende abril a novembro do 2012. A subvención outorgouse de xeito regrado e automático, nunha porcentaxe sobre o custo investido e xustificado. Na contia concedida influiu tamén a falla de concorrencia, ao non existir solicitudes de subvencion elixibeis desta dimensión no 2012, por mor da crise. Por outra banda, Fasero era xa o candidato do SGAE ao cargo de delegado en Galicia no 2010, moito antes da elección de Reixa.