viernes, 5 de abril de 2013

As verdadeiras vítimas do escrache - Xosé A. Gaciño

Xosé A. Gaciño
Non sei se os membros da Plataforma de Afectados polas Hipotecas calcularon as consecuencias dese paso cualitativo que deron nas súas accións de protesta con eses acosos personalizados a políticos do partido gobernante, con concentracións e carteis ante os seus propios domicilios. Pero a reacción dos propios políticos, e sobre todo, da caverna mediática no seu conxunto (que, nestes momentos, é case a totalidade dos medios convencionais) reborda amplamente os límites dunha crítica razoábel, para converterse en toda unha campaña de descualificación e criminalización dun movemento cívico que gozaba das simpatías da opinión pública, que promoveu unha iniciativa lexislativa popular cumprindo todos os requisitos legais esixidos, e que esta campaña trata de presentar como un grupo de radicais antidemocrático e terrorista.
Pode que teñan forza para aguantar o trebón de críticas e insultos, e capacidade para argumentar e xustificar o seu novo formato de protesta. Outra cousa é que esa forza e esa capacidade chegue á opinión pública coa suficiente difusión como para contrarrestar axeitadamente a operación de manipulación e intoxicación informativa que a dereita non vacila en despregar.


Nunha situación parecida móvense os activos indignados das preferentes, sobre todo en Galicia. Despois das conseguintes protestas ante as entidades financeiras que lles colocaron semellante produto, abusando da confianza que tiñan depositado nos empregados cos que operaban habitualmente, e de manifestacións nas rúas (da mesma maneira que os afectados polas hipotecas manifestáronse ante os bancos e impediron desafiuzamentos coas súas mobilizacións nos momentos dos lanzamentos), os afectados das preferentes deron outro xiro específico ás súas protestas co cerco a varios plenos municipais, impedindo a súa celebración, co resultado, nalgún caso, de pintorescos desaloxos de concelleiros polas ventás dunha casa consistorial.


Se algo está a caracterizar o comportamento da sociedade española ao longo desta crise é a moderación nas súas reaccións, en termos xerais. As excepcións vandálicas non son maiores que as que se producían antes da crise, por exemplo nas típicas mobilizacións contra a globalización, protagonizadas por elementos que damos en chamar antisistema, como se fosen os únicos que poñen en perigo un sistema cuxos teóricos máximos defensores (e beneficiarios) son os primeiros en facer cambalearse a golpes de especulación. 


Nesta democracia xa adulta que ten vivido, ate hai dous anos e medio, a ameaza terrorista continuada dos etarras, aparte doutras ameazas esporádicas, por parte doutros terroristas ou de golpistas nostálxicos da ditadura, resultan un tanto desproporcionados os lamentos por estes acosos verbais. Parecen afondar o abismo que se está a abrir entre a cidadanía e os políticos, cada día máis desprestixiados. Mellor farían en tratar de recuperar a confianza dos cidadáns escoitando as súas queixas e dialogando sobre as súas propostas.


Acoso por acoso, máis angustioso é o que sofren os desafiuzados camiño da exclusión social e as vítimas das preferentes privadas dos seus aforros con métodos posibelmente fraudulentos. Chamar terroristas a estes cidadáns desesperados, que só teñen o seu berro para defenderse, pode soar case como unha burla á memoria de Gregorio Ordóñez ou de Miguel Ángel Blanco, por citar a dúas significadas vítimas do PP que sufriron un verdadeiro escrache definitivo a mans dunha organización, esa si, antidemocrática e terrorista.