Descubertas as súas aventuras viaxeiras con Marcial Dorado, Núñez Feijoo segue o guión preferido por moitos dirixentes políticos neste tipo de situacións: falar pouco dos feitos denunciados e moito dos presuntos causantes do seu coñecemento público. Agachar as responsabilidades propias debaixo da manta dunha conspiración indeterminada. Reclamar o papel de vitima para non ter que asumir o de culpable.
Definitivamente, o actual presidente da Xunta ten un pasado político singular. Ate agora sabíamos-por confesión explícita-que posibilitou co seu voto a chegada de Felipe Gonzalez a Moncloa e que –a pesar da total confianza política de Romay- non formou parte da nómina de afiliados ao PP naquel problemático ano de 1999 cando o presunto delincuente Pablo Crespo manexaba os fíos organizativos e financieiros do partido. Neste momento coñecemos algo mais: Alberto Nuñez era secretario xeral do Sergas en 1995 pero carecía da información que facilitan xornáis, revistas e libros sobre as actividades do contrabando de tabaco e a súa reconversión nas modernas redes de trafico de cocaína. Había suficiente bibliografía sobre os protagonistas destas actividades mafiosas como para concluir que unha amizade do número dous da Conselleria de Sanidade cun dos persoeiros de referencia dese submundo era incompatíbel coa minima ética esixíbel na vida pública e coa pretensión de acometer unha ambiciosa carreira política a menos que o sentemento de impunidade xerado duante o absolutismo fraguista anulase o mínimo sentido da prudencia dos habitantes de ese singular mundo feliz.
Imprudencia temeraria ou incompetencia manifesta. Calquera que sexa a sintese analítica das relacións en Feijoo e Dorado cuestionan seriamente o relato construido sobre a biografía política do actual presidente do PP de G e o crédito requerido para dirixir o goberno galego. Pero é que, ademais, concorre unha circunstancia agravante registrada no ano 2009. Daquela, Alberto Nuñez e Mariano Rajoy esixiron a demisión ou cese de Anxo Quintana por mor dunhas fotos publicadas polo xornal ABC nas que o dirixente nacionalista acompañaba ao empresario Jacinto Rey nun barco da súa propiedade. Ambos dirixentes do PP sabían que as devanditas fotos correspondian ao ano 2004 -cando Quintana non ocupaba ningún cargo no goberno da Xunta- e Feijoo xa era consciente de que existian os documentos gráficos que agora se publican. Ainda así decidiron utilizar sen escrupulos a táctica do lixo para provocar o desgaste electoral do BNG e conseguir a derrota do bipartito. Con este precedente, a pelota está no tellado dos inquisidores de onte: o presidente da Xunta debería tomar a mesma mediciña que recetaba hai catro anos e Rajoy debería aplicar o esixente código que postulaba naquela ocasión. Moito mais se, como resulta evidente, non e comparable ter relacións cun imputado por contrabando mentres se ocupa un cargo na Administración galega que mantelas cun empresario sen ter responsabilidades na xestión dos orzamentos públicos.
Pedir para os demais o que un non está desposto a practicar é a proba do nove da insolvencia ética dun representante político. Con semellante pedagoxía, os propósitos de rexeneración democrática fican totalmente devaluados.