Xosé A. Gaciño |
Xa fixera algo parecido Jesús Caldera como presidente da Fundación Ideas, ante as irregularidades do seu director xeral, pero esta vez a cousa afecta nada menos que ao número tres do partido. En calquera caso, mostras de incoherencias e debilidades dun partido que aínda segue en caída libre nuns momentos nos que faría falta unha oposición clara e enérxica, fronte ao partido no goberno salpicado por sospeitas moi fundadas de financiamento irregular (é dicir, ilegal). Este deterioro público dos dous grandes partidos de ámbito estatal que se alternan no goberno non pode máis que contribuír a facer máis fondo o abismo que separa a políticos e cidadáns.
Pero, detrás da historia que converteu nun escándalo esta moción de censura, hai outro aspecto político máis xeral, o que ten que ver coa dobre rebola que utilizan todos á hora de xulgar comportamentos similares, segundo que sexan dos “seus” ou dos “outros”. Ao PP, que poñía o berro no ceo contra os socialistas que accedían agora á alcaldía co apoio dun condenado por acoso sexual, habería que recordarlle que o alcalde do PP censurado agora recibiu o apoio do mesmo acosador no inicio do seu mandato, hai dous anos, e que hai doce anos, cando sucederon os feitos polos que condenaron a Ismael Álvarez, o acosador era alcalde de Ponferrada pola lista do PP. Ante a denuncia por acoso sexual que presentou a concelleira popular Nevenka Fernández, ninguén do PP intentou sequera entender á muller acosada e todo o partido apoiou sen reservas ao macho dominante (queda para a historia o comentario de Ana Botella, entón só esposa do presidente do Goberno, cualificando de “impecábel” o comportamento de Ismael Álvarez).
Tampouco foi moi edificante, no momento dos feitos, a reacción do feminismo progresista, que non se molestou en achegarse ao que consideraba un axuste de contas dentro da dereita, como recordaba estes días Juan José Millás, autor dun impresionante libro-reportaxe sobre o calvario de Nevenka (e no que se recolle, por certo, unha excepción importante no medio destes comportamentos hipócritas: Charo Velasco, a portavoz entón do grupo municipal socialista de Ponferrada, que prestou axuda a Nevenka sen aproveitarse politicamente da situación, algo que lle reprocharon algúns compañeiros de partido).
Posibelmente, se non existise o libro de Millás, o recordo daquel “incidente” estaría diluído ou recluído nun ámbito de murmuracións locais. Un ámbito que, naturalmente, respondeu ao que se pode esperar de séculos de cultura machista (en Ponferrada e en España enteira). Ismael Álvarez foi condenado a unha multa e unha indemnización (en total, menos de quince mil euros), porque naquel momento o acoso sexual non estaba contemplado como delito, pero o seu prestixio non sufriu mingua algunha. Despois dunha “estética” retirada da vida pública, volveu ao concello nas últimas eleccións cunha candidatura independente, que recolleu 5.716 votos e cinco concelleiros, decisivos xa que ninguén chegara á maioría absoluta.
Nevenka Fernández, en cambio, para non ter que soportar o rexeitamento social (e mesmo familiar), marchou de España. Só algúns amigos moi fieis saben en qué país vive.