Xoán Antón Pérez-Lema L. |
Fun ver o “derby” galego a Riazor na compaña de dous bos deportivistas e amigos de meu: Fuco, artista e intelectual e Maceiras, correspondente económico para Galicia e Portugal dun xornal británico. No descanso deulles en falar do País e do galeguismo.
Fuco-Ferrín vai, demite, sae da Academia na compaña de toda a súa Comisión Executiva e nos advirte de todos os males que lle agardan á Casa despois da súa marcha. Volven os académicos e xunto co resto aproban as contas e abren unha nova etapa por unanimidade. Que sentido tiña toda esa posta en escea?
Maceiras- O que me chamou a atención é o apoio total que lle prestaron nesta xeira a Ferrín algúns dos sectores máis á dereita e menos galeguistas.
F.- É o de sempre. Para éstes, o mesmo que para o PP, o lugar do galeguismo é o rebumbio e os “shows” parlamentarios. Pero cando o galeguismo fai un plan eólico ou de vivenda, xestiona os concellos con modernidade e eficacia ou presenta unha proposta lexislativa para previr a corrupción entón faise perigoso e compre ir por él.
M.- Pois xa me contarás, Fuco. A este país o que lle compren son políticos honrados e eficaces, que saiban xestionar,si, pero que teñan un proxecto e unha ilusión para transformar a sociedade. Como Obama.
F.- Curioso que cando o galeguismo extrema o seu discurso e prefire a trincheira a construir unha alternativa de goberno a dereita española pode gobernar con máis comodidade.
M.- Pois agora a ver se se poñen as pilas, porque o bipartidismo estase a afundir, pero se o galeguismo segue nos biosbardos os seus herdeiros poden ser Rosa Díez e Cayo Lara.
F.- Do que compre falar é de cómo sairmos desta. Hai que crecer, reformar a fiscalidade e repartir máis xustamente o custo da crise. Ese había ser o discurso do galeguismo. Pragmático, pero ilusionante.
O comezo da segunda parte veu rematar esta conversa, que os meus amigos deixaron pendente de rematar, como tantas outras veces. Unha cuarta persoa que nos acompañaba rematou a parola coa sentenza “A ver se falades menos e facedes máis. Aprendede de Fernando Vázquez”.