Xosé A. Gaciño |
Pero estábamos na cuestión do estilo. Fronte á elegancia e a meticulosidade coa que se desenvolven moitos dos ladróns de dereitas (que, se facemos caso aos clásicos marxistas e anarquistas, se remontan ás orixes da propiedade privada), a improvisación chapuceira da maioría dos ladróns de esquerda (falta de experiencia e de estudos en escolas de negocios). A uns apenas se lles nota o acceso a fondos públicos, a través dos seus circuítos de doazóns, comisións e concesións indirectas, con sociedades interpostas e percorridos difusos por paraísos fiscais. A outros parece que non se lles ocorre outra que asaltar directamente os orzamentos públicos e repartirse os beneficios inmediatos, sen enxeñerías financeiras que poidan multiplicar as expectativas e diluír moitas responsabilidades.
Nótase tamén nas consecuencias. Os presuntos corruptos de dereitas soen saír mellor librados do seu paso pola xustiza, quizais porque teñen mellores avogados ou porque teñen unha máis dilatada experiencia nas sutilezas coas que camuflan as súas actividades (e non serei eu quen engada que poden contar con máis comprensión entre unha boa parte dos xuíces, ate agora tradicionalmente conservadores na súa maioría, porque entendo que, para ter sentido da xustiza, non é necesario ser de esquerdas). Os seus electores, ademais, parecen moi comprensivos ante as súas irregularidades e apenas sofren desgaste nas urnas por este motivo.
En cambio, os corruptos de esquerdas acumulan máis condenas e non precisamente porque as acusacións sexan máis graves, aínda que sempre rematan por ser máis escandalosas, quizais porque renxen máis eses comportamentos entre os presuntos representantes dos máis desfavorecidos e en parte tamén pola predominancia conservadora (nestes momentos, case absoluta) nos medios de comunicación. E son máis castigados polos seus electores, que parecen ter unha esixencia ética maior da que parecen demostrar os electores da dereita, xeralmente cun sentido máis pragmático respecto do exercicio da política.
Pero a corrupción é corrupción, sexa quen sexa o que a practica e o xeito co que a practique. E non basta con condenas xenéricas e abstractas. Os que gobernan e os que nos representan deberían ser enérxicos e inflexíbeis con ese tipo de condutas (e con outras, por exemplo as que provocaron a crise financeira que nos paraliza) e só despois de mostrar esa enerxía contra un dos delitos máis graves que pode cometer un político terían dereito a queixarse de que a indignación cidadá lles acose. No acoso, por certo, tamén hai unha cuestión de estilo e de poder. Algúns só teñen o recurso do pateo (na rúa ou na porta dos que deciden) e son acusados de pretender coaccionar aos representantes do pobo. Pero os que realmente teñen poder de coacción (e contas en todos os paraísos fiscais) non necesitan facer ruído: bástalles unha chamada telefónica.