Xoán Antón Pérez-Lema |
O primeiro ano de Goberno Rajoy afondou nesta liña de distorsións á competencia e restricións á economía do coñecemento e da investigación. 34 Premios Nobel veñen de lle dicir a Rajoy que os recurtes á ciencia e á investigación botarán fóra á economía española dos círculos de progreso tecnolóxico e calidade. E que dicir do tarifazo do Ministro Soria? No canto de gravar o consumo excesivo de electricidade chega gravar a produción cargando aos galegos cos custos fiscais á enerxía producida no noso País. Cando, en realidade, a nosa cualidade de País produtor e os custos ecolóxicos que sofrimos xustificaría unha enerxía moito máis barata ca a de Madrid, que non produce nin o 10% da enerxía que consume.
Mentres, o Ministro Soria segue coa súa política suicida, que teima tamén no illamento do sistema enerxético español a respecto do europeo, ao Ministerio de Industria veñen de lle retirar dende a UE as competencias sobre emisións de CO2, como ao Ministerio de Economía lle retiraron no verán as súas competencias de control sobre o Banco de España. Agora ben, diminuiu o orzamento e o persoal destes Ministerios? Non, o problema seica son os gastos da Generalitat ou da Xunta de Galicia.
A ARRINCADEIRA: Rouco Varela pontifica.
O exemplo de Caritas e doutras ONG cristiás na loita contra a exclusión social nestes tempos contrasta co discurso de Rouco Varela, a quen semella só preocuparlle o ensino en castelán ou a unidade de España. Cuestións éstas que non sei que conexión teñen coa mensaxe de Xesús de Nazaret.