Non é que sexa exactamente como a lei da conservación da materia –iso de que, nunha reacción química, nin se crea nin se destrúe, só se transforma–, pero algo parecido ocorre coa riqueza, mesmo nos tempos de crise, cando se pensa que toda a economía se ven abaixo e arruína a todos en maior ou menor medida. Nin a crise afecta a todos nin tampouco as medidas coas que supostamente se a quere combater. E se a riqueza, ou parte dela, diminúe ou desaparece dun grupo social, dun sector económico ou dun país, o máis probábel é que apareza ou aumente noutros grupos, sectores ou países.
De feito, hai a quen a crise non só non lle afecta, senón que lle proporciona máis beneficios. Ven de saír, por exemplo, a lista dos homes (e algunha muller) máis ricos do mundo, os de maior patrimonio, que elabora a axencia de información económica Bloomberg. Entre os cen primeiros multimillonarios do globo atesouraron no 2012 un total de 182.800 millóns de euros máis que no ano anterior. A suma dos seus patrimonios chega xa aos 1,4 billóns (máis do dobre da débeda pública de España en circulación, por poñer unha referencia), cun incremento medio do 15 por cento.
Individualmente, só 16 dese cento de supermillonarios (e só un dos corenta primeiros) viron descender levemente o seu patrimonio. E o que o viu medrar máis no 2012 foi Amancio Ortega, o máximo accionista do grupo téxtil galego Inditex (que está a sacar moi altos rendementos aos tempos de crise grazas á súa expansión internacional, sobre todo en Asia, onde xa traballa a metade do seu persoal). O grupo revalorizouse en bolsa un 66 por cento e Ortega incrementou o seu patrimonio un 62 por cento (16.800 millóns máis no 2012, ate situarse en 43.600 millóns de euros).
A estas alturas da aplicación de austeridades discriminatorias, xa sabemos que as consecuencias da crise nin recaen necesariamente sobre os que a provocaron nin se reparten de xeito equilibrado entre os diferentes segmentos da poboación. Asalariados, traballadores autónomos, pequenos e medianos empresarios tratan de sobrevivir no panorama incerto dunha economía estancada, co gasto público recortado e os créditos conxelados. Poden intentar emigrar, como hai cincuenta anos, a países do entorno que manteñen un nivel de actividade económica minimamente folgada, pero esta vez non hai traballo para todos. Poden intentar desenvolverse na economía somerxida, entre a picaresca e a complicidade de chapuzas e subcontratas, mentres poidan ocultar a súa situación de ilegalidade.
O que non poden, case con toda seguridade, é trasladar os seus talleres a países con man de obra mal pagada ou case escravista, montar a sede fiscal de cada unha das súas actividades no paraíso fiscal más axeitado, dispoñer de información privilexiada e ter acceso a subvencións, créditos e investimentos nacionais ou internacionais. Nin gozar da inercia que favorece aos máis favorecidos (a sorte do campión, que din no deporte).
Os defensores do sistema poderán argumentar que Amancio Ortega empezou desde abaixo, coas batas de boatiné en A Coruña, e hoxe é a terceira fortuna do mundo. Sen pretender quitarlle méritos, e sen entrar en detalles sobre cómo se fan (e a costa de quén) cada unha das grandes fortunas, é evidente que non todo o mundo pode entrar no círculo dos grandes triunfadores. E admitindo como normal que uns poucos acaden eses niveis patrimoniais, tamén debería considerarse normal que toda persoa, en todo o mundo, teña garantido o seu nivel de subsistencia. Nestes momentos, aínda hai recursos para conseguilo. E quizais non sería mala idea que se estendese entre os supermillonarios o exemplo dos estadounidenses Bill Gates e Warren Buffet (segundo e carto na lista Bloomberg), que dedican a metade das súas fortunas a actividades filantrópicas, mesmo se o fan por aforrar impostos.