Xoán Antón Pérez-Lema |
Ben, Deus nos libre dun xa foi. Pero velaí ven a extrema potenciación das Deputacións, que asumirán os servizos públicos dos concellos de menos de 20.000 habitantes. Xa que logo, impediráselles aos pequenos concellos desenvolver políticas propias en benestar social, para unificar dende o nível estatal (vía provincias) a xestión e prestación dos servizos, mesmo a colaboración e participación privada nos mesmos. Teremos máis centralización da contratación pública local nas Deputacións, menos autonomía municipal e menos calidade na prestación dos servizos
Cara á Xunta estas Deputacións empoderadas constituirán unha caste de xurisdicións exentas, en directa conexión cos Ministerios, extremando deste xeito as contradicións entre Poder galego e Deputacións. E marcando o proxecto político-territorial do PP, que tentaría reconducir o autogoberno galego a unha caste de Mancomunidade de Deputacións. Proxecto que sería común a todos os territorios do Estado, agás Euskadi, Catalunya, Navarra e as Illas Baleares e Canarias.
A potenciación das Deputacións multiplica os riscos de corrupción, afasta a xestión da cidadanía e garante que a burocracia bipartidista (PP-PSOE) sigan a desfrutar de milleiros de cargos inúteis. Mais o que resulta verdadeiramente grave é a inacción do PPdeG e do PSdeG (se é que aínda se lles pode alcumar con esas siglas) diante dunha das peores agresións ao autogoberno galego, á autonomía local e á extensión e calidade dos servizos públicos desque aprobaron o Estatuto deste País.
A ARRINCADEIRA: O alcalde compostelán ha demitir.
A xestión municipal do PP compostelán está a fanar moi gravemente o prestixio desa capital tan universal. A imputación atinxe ao núcleo esencial da contratación administrativa municipal. Xa que logo, sen prexuizo da presunción da súa inocencia no ámbito xurídico-penal, Currás ha demitir.