No ano 63 antes da nosa era, Catilina nun discurso maxistral que recolle o historiador Salustio en ,“A conxuración de Catilina” denuncia a conculcación das liberdades de Roma e dos seus cidadáns polos poderosos e grandes latifundistas: “Pero desde que a nación caeu baixo a xurisdición e o dominio duns poucos poderosos…todos os demais, homes valerosos, honrados, nobres ou de humilde orixe, fomos unha masa sen crédito nin autoridade, sometidos a aqueles aos que infundiríamos medo si o país valese algo… Non é preferible morrer dignamente que perder na ignominia unha vida mísera e deshonrada convertida en xoguete da arrogancia allea?”
Con leves retoques seria unha intervención non só actual, senon que agradaría escoitar no Congreso dos Deputados. Magoa que esta institución máis responde a ser apenas unha singular amalgama da Mesa (a do Congreso), a Masa (os deputados caladiños) e a Musa (o que encabeza o banco azul).
Fai dous séculos, “o amigo do Pobo”, Marat, afirmaba “xa vemos perfectamente, a través das vosas falsas máximas de liberdade e das vosas grandes verbas de igualdade, que aos vosos ollos non somos senón canalla.”… É case como poden sentirse conceptuados polo gabinete do Sr. Rajoy, os que teñen a ousadia de saír as rúas e prazas para afear un goberno que da mentira fixo divisa, de Zapatero o anatema e debaixo do brazo chega cun arma de empobrecemento masivo que usa coa maior violencia.
A creba da solidariedade móstrase en toda a súa sordidez niso que dáse en chamar o sistema bancario. Coñecemos o suicidio nun pobo granadino dun acosado pola banca, cos resortes que pon na súa man unha Lei Hipotecaria de 1909. Outro tanto fixo un canario hai pouco máis dun mes. Nun pobo de Valencia un perseguido pola mesma ameaza optou por arroxarse pola fiestra…Segundo os profesionais da saúde mental o incremento de suicidios e as pataoloxias mentais nos anos derradeiros foi espectacular. Un volume inmenso de culpa comprelle aos responsables das políticas das institucións financeiras, da burbulla enxendrada nas mesmas subsidiaria do ladrillo e das circunstancias que avivaron a espiral de crise que nos desnuca no trama dun proceso globalizado sen regulación e letal para o ben común. Que amordaza aos países, cunha gadoupa de temor cara ó presente e o futuro.
Que foron cleptómanos, lerchos, chourizos de luva branca pouco dúbida cabe segundo vaise coñecendo a historia. Trala súa fachenda honorable, a súa soberbia, a súa vaidade, a súa arrogancia, o seu empolicamento e pedantería, só había estafadores, amañadores, bardalleiros e ladroízos. Cervantes xa os diagnosticou con varios séculos de antelación: “uso de odiosos privilexios por homes máis fillos de familia que das súas propias obras. Non premiaban méritos, senón que fartaban cobizas”.
Agora compre engadir na conta de agravios de tal caterva o sangue que estase derramando. Froito da desesperación suprema de quen perde esperanza na vida. Roubada polos mesmos que ofreceron produtos financeiros a mantenta de que estafaban a aqueles que con boa fe creeron na honestidade do sistema. O mesmo que segue a chuchar o sangue das súas vítimas máis aló de desposuílas do que foi peza do seu hipotecamento…E todo iso mentres entran a saco no diñeiro público para maquillar as súas tropelías sen ter o menor animo de emenda. Velahí o pomposo Código de Boas Practicas, que mesmo remata en Código da moita hipocrisia...
A banca acaparou o 99,59% dos 87.497 millóns en axudas públicas destinadas en 2010 a superar a crise económica. Así, cada español aportou 1.846 euros para sanear ás entidades financeiras, segundo datos publicados pola Comisión Nacional da Competencia (CNC). Pero, iso só foi un aperitivo…o peor este por chegar. Cantos responsables da desfeita están purgando os seus comportamentos? En troques, a inquedanza das forzas políticas maioritarias en cómplice compadreo, non fica en atopar vieiros para o rescate da cidadanía. Os seus desvelos son, por acción ou omisión, que todos estes atropelos sexan atemperados por unha lousa de impunidade. Empezando pola protección desvergoñada daqueles que promovidos desde as súas propias ringleiras tiveron responsabilidade nas direccións das devanditas entidades.
Son de singular cinismo as bágoas de crocodilo polo tempo tramponamente perdido en facer as reformas legais que reclama unha Lei Hipotecaria que permite os dramas sociais que ollamos a cotío. Os executivos do Sr. Zapatero esqueceron calquera actuación na materia. No goberno Rajoy, para o ministro Sr. Gallardon a súa única prioridade é o sectarismo ideolóxico. A poda dos dereitos civís e impulsar o fundamentalismo confensional na esfera civil. Tampouco cabria esperar moito máis do personaxe, nin por extensión dun goberno que acolle suxeito tan raposeiro. Groucho Marx dicíao con retranca: “Nunca pertencería a un club que admitise como socio a alguén como eu”
A vixencia desa lei arbitra cunha media de 517 familias vain a rúa cada dia. Sen mais futuro que recibir paus a mans de algún garda incivil como no desaloxo en Padul (Granada). Compre lembrar ao “anteollos negros”…Agochandose tras eles semellaba co seu comportamento mais un membro dos “tomtom macout” de Papa Doc, que dunha policía democrática…Seica sintiriase home mallando en anciáns…