Os resultados dos comicios galegos celebrados o pasado 21 de Outubro permiten facer diversas lecturas.Coma case sempre, as organizacións políticas competidoras tratan de salientar aqueles indicios que lles permitan manter as expectativas previamente construídas.
Neste caso concreto, a reacción triunfal dos dirixentes do PPdG é comprensíbel se a referencia que se utiliza é a comparativa entre o reparto de escanos existente na Cámara anterior e o que vai caracterizar ao novo Parlamento xurdido das urnas.Pero se a mirada é sobre a evolución das porcentaxes de apoio experimentada polo partido de Núñez Feijoo as conclusións son diferentes.A perda de mais de 100.000 votos, centrada fundamentalmente nos núcleos mais urbanos da xeografía galega, é ilustrativa da desafección rexistrada entre aquelas persoas que no ano 2009 e o 20 de Novembro do ano pasado confiaron nas promesas do PP como ferramenta para enfrontar a grave crise que está a sufrir o corpo social.Co mesmo nivel de apoios, Manuel Fraga non foi quen de revalidar a maioría absoluta no 2005 e tivo que dar paso á formación dun goberno alternativo.Naquela ocasión, contrariamente ao que sucedeu agora, PSdG e BNG obtiveron unha suma de votos superior e non padeceron os efectos dunha abstención que si erosionou a fortaleza electoral do PPdG.
Tense afirmado, con razón, que Núñez Feijoo edificou a súa recente vitoria sobre as divisións internas vividas pola oposición.O Partido Socialista e o Bloque chegaron á cita electoral cunha imaxe moi deteriorada:a súa incapacidade para gobernar a respectiva heteroxeneidade endóxena hipotecaba seriamente o seu crédito como forzas xestoras dos graves problemas existentes no tecido social.Por se iso non fora suficiente, a presenza de AGE acrecentou a incertidume sobre a viabilidade dunha futura coalición de goberno e provocou unha polarización entre Beiras e Feijoo que xerou importantes beneficios electorais para ambos.
Aínda que falta unha análise demoscópica que permita establecer conclusións definitivas sobre as motivacións que explican o comportamento do electorado o 21-O, pódese pensar nunha correlación entre o maior impacto da crise nas áreas urbanas –co evidente empobrecemento das clases medias- e a perda de influencia do partido que dirixe hoxe as políticas que se executan dende a Xunta e dende a Moncloa.E tamén resulta necesario engadir unha cuestión non menos relevante:o electorado penalizou as carencias que presentan as forzas da oposición á hora de crear o clima de confianza necesario para sustentar unha alternativa gobernamental que recupere o prestixio para o mundo da política e ofreza novas fórmulas para enfrontar o crecente proceso de desigualdade social derivado dos ataques sufridos nos xa modestos estándares de benestar social.