Agora que se celebra o xuízo polo Prestige, dez anos logo daquela tremenda catástrofe, un experimentado mariño mercante dixo que se lle poden dar moitas voltas ás cousas pero que cando a alguén se lle rompe unha botella de aceite na cociña non se vai con ela ao salón, senón que procura depositala inmediatamente no lavadoiro, para minimizar os danos. Do mesmo xeito, razoa que se levasen o Prestige a unha praia, esta resultaría moi danada pero non todas as costas de Galicia e doutras comunidades de España, e ata de Francia e Portugal. O seu razoamento non se detén aí, ao concluír coa impresión de que o país xestiónase agora igual que se xestionou a crise do Prestige, casualmente co mesmo protagonista á fronte: Mariano Rajoy. E cal sería a praia no caso da crise? Todo parece indicar que sería o rescate ou a saída do euro, xa que a solución alternativa -unha axuda alemá- parece pouco probable, aínda que talvez non haxa que descartala no último segundo. "É intentando o imposible -escribiu o novelista francés Henri Barbuse- como se realiza o posible".
Di un importante economista xermano, que coñece ben España, que nesta saída da crise tampouco hai que esquecer que o euro é a moeda de Alemaña e que esta, máis tarde ou máis cedo, ten que asumir a defensa da súa propia moeda, á que non pode deixar caer. Pero o problema, para España, é que unha saída polas alturas pode chegarlle xa tarde. A súa economía precisa diñeiro xa e tropeza con que Alemaña non acepta darlle á máquina dos billetes, como fai EE UU, porque Berlín non quere asumir a inflación resultante. O Goberno de Merkel, que a finais do ano que vén ten eleccións, nin sequera abandera políticas de crecemento na súa propia casa, de forma que puidese contribuír a tirar de países como España. Tan pouco marxe hai que a economía da zona euro entrou en recesión no terceiro trimestre de 2012, mentres que o conxunto dos Vinte e sete apenas crece. Pero algo ten que pasar. O mundo non se vai a afundir aos pés de España. E se se quere saír desta, pódese. Bastaría que os países triplo A (Alemaña, Finlandia, Holanda e Austria) asumisen que os que están ao bordo do precipicio financeiro (Italia, España, Portugal e Grecia) tamén son Europa, porque só os poderosos poden ser xenerosos.
A semana pasada o país foise á folga. Pouco importa se foi un pouco máis ou un pouco menos que outras veces. A xente saíu á rúa en busca de solucións. Hai desesperación. Moita. Cada vez máis. Segundo o Premio Nobel Paul Krugman, "os manifestantes teñen razón". Os cidadáns de Grecia e España protestan contra uns sacrificios que só pospón o inevitable. O tamén profesor de Princeton cre que impor máis austeridade "non vai servir de nada". E os primeiros datos aválanlle: a pesar dos recortes torpemente aplicados en sanidade, educación e infraestruturas, o déficit non descende. Estas protestas son só o principio, como tamén contei en La Región. Os sociólogos explican que o "silencio das vítimas" acabarase en breve. As sociedades poden resistir depreciacións internas sempre que vexan un horizonte de saída; pola contra, o balbordo está asegurado, prognostica o analista Claudi Pérez. E poida que non lle falte razón. Algo así pasou co Prestige por non arrastralo cara a unha praia.