José Luis Gómez |
Pero agora que Mariano Rajoy quere paralizar e deixar en suspenso os desafiuzamentos ás familias máis vulnerables, para impedir que os bancos recuperen as garantías e o diñeiro prestado, non estaría mal recordar a verdadeira orixe do problema: os despedimentos e os eres. Xa que logo, a solución definitiva non é facer un decreto, senón evitar que moitas persoas perdan a súa casa porque alguén previamente despediunas e non teñen ingresos para afrontar o pago da súa hipoteca, xa que, loxicamente, primeiro está a necesidade para comer e logo a de pagar a hipoteca.
O asunto é certamente complexo e denota a debilidade do propio mercado hipotecario español, xa que na inmensa maioría dos casos de desafiuzamento, o propietario hipotecante non devolveu nin un 10% do que o banco lle prestara para comprar a casa, un claro síntoma da falta de recursos para afrontar operacións inmobiliarias de certo calado. Pero iso non debe impedir que, efectivamente, se póida superar por unha vía de urxencia o problemón dos desafiuzamentos. De feito, hai bancos que xa converten posibles desafiuzamentos en dación de pago e aluguer social para que as familias afectadas continúen nas súas vivendas, porque os bancos tampouco teñen moito interese en adquirir máis activos que logo terán que malvender. Pero o dito: o mellor camiño para suprimir os desafiuzamentos é evitar os despedimentos.