viernes, 16 de noviembre de 2012

A remolque dos acontecementos - Xosé A. Gaciño

Mal está que os cidadáns (supoño que non todos, pero si a gran maioría) non souberamos que aínda nos rexemos por unha lei hipotecaria de hai máis dun século, ou que nos decatásemos hai uns días, a raíz dun espantoso crime, de que a idade mínima para ter relacións sexuais consentidas está nos trece anos en España, ou que un dos máis importantes recintos de Madrid dedicados a espectáculos de masas non cumpre coas ordenanzas municipais de seguridade, pese a ser un edificio municipal (onde catro mozas atoparon a morte literalmente esmagadas nunha festa de Halloween). Mal está que a gran maioría dos cidadáns non esteamos ao tanto de detalles legais, ou da súa falta interesada de aplicación, que poden afectarnos directamente nun momento determinado.

O peor é que da a impresión de que os gobernantes están no mesmo nivel de ignorancia ou de indiferenza, por non entrar na acusación directa de neglixencia ou de prevaricación para o que xa se sabe que fan falta probas. Como fixo falta que se producisen varias mortes, con repercusión social e mediática, para que os gobernantes accedesen, polo menos, a prestar atención a problemas que estaban á vista de todos e que mesmo, en moitos casos, foran denunciados por cidadáns sensíbeis ou por técnicos responsábeis. Van a remolque dos acontecementos, por moi previsíbeis que resulten (algúns tan escandalosamente previsíbeis como a famosa burbulla inmobiliaria, por exemplo), e non arranxan (ou aparentan arranxar) unha estrada, un semáforo, un código penal ou unha lei hipotecaria se non hai mortos polo medio.


Non é cuestión de reivindicar o modelo de “salvador da patria”, que presume de ir diante do pobo, guiándoo, aparentemente para satisfacer os seus desexos colectivos, que, en realidade, son previamente manipulados para que coincidan cos intereses que realmente se pretenden salvar. Pero tampouco este modelo seguidista, que, nas grandes cuestións,  se dedica a garantir os grandes intereses financeiros, e, nas demais, consulta o xusto as sondaxes de opinión para ter unha idea das principais preocupacións cidadás e atendelas cando o sangue pode chegar ao río ou, nos casos de maior ineptitude, cando o río xa empeza a ensanguentarse (e quen di río, di mar, e petróleo en vez de sangue, que estamos estes días a someter a xuízo unha parte das irresponsabilidades do caso Prestixe).


Resulta curioso, neste sentido, analizar determinados comportamentos de gobernantes en función dos seus compromisos electorais. Camuflan ou atrasan medidas impopulares para non restarse votos, practicando unha dobre fraude: a de ocultar as súas verdadeiras intencións e a de aparentar que lles importa a opinión cidadá. No panorama europeo, ademais, o cruce de intereses electorais enfrontados entre os gobernantes dos países máis ricos e os dos países menos ricos ten como resultado o actual bloqueo na toma de decisións, porque ningún dos que aspiran a ser elixidos explican as súas verdadeiras propostas con claridade e franqueza.


Haberá que esperar mortos nas prazas públicas para que se abrande a ríxida disciplina da austeridade ou, polo menos, para que os recortes se distribúan cun mínimo de equilibrio?