jueves, 25 de octubre de 2012

A esquerda no deserto - Xosé A. Gaciño

Apresuráronse a interpretar os resultados das eleccións galegas como un respaldo á xestión do goberno central, convertendo aos 653.934 cidadáns galegos que votaron polo PP para o Parlamento de Galicia (135.493 menos que no 2009, por certo) nunha sorte de mostra representativa de todo o electorado español. Non hai que escandalizarse demasiado. Se os populares galegos tivesen perdido a maioría absoluta, todos estaríamos a falar do rexeitamento cidadán á política suicida de recortes que se practica en España, no contexto de economía disciplinaria decidido na Unión Europea.

De todos xeitos, non debería mostrarse tan eufórico o PP por uns resultados que mostran, máis que a súa vitoria (xa queda dito a diminución de votos), a continuidade do afundimento do PSOE, que xa foi estrepitoso nas eleccións do 2011 (tanto nas municipais e autonómicas de marzo como, sobre todo, nas xerais de novembro), que segue a ser importante en Galicia e Euskadi e que, previsibelmente, se vai repetir en Cataluña o mes que ven.


En cada convocatoria hai datos e matices que explican cada fracaso, pero non é aventurado establecer unha tendencia xeral, a de que unha boa parte do electorado de esquerdas non entendeu que o último goberno socialista entrase de cheo na dinámica dos recortes indiscriminados (na maior parte dos casos, discriminados contra os máis débiles). Esa boa parte do electorado anda agora disperso entre a abstención, o voto en branco ou nulo, o voto a outras opcións de esquerdas ou mesmo o voto ao “inimigo” (a dereita), entendendo que, postos a facer obrigatoriamente políticas ultraliberais, que a fagan os verdadeiramente convencidos.


No desconcerto xeral que a evolución da crise vai sementando, a chamada “desafección” entre cidadáns e políticos medrou ate as cotas máis altas da actual etapa democrática. A dereita parece soportar mellor os desafectos, quizais porque conta cun electorado máis fiel e comprensivo, ao que non lle importa, por exemplo, que non cumpra o que promete nas campañas. E quizais porque os movementos de indignación se producen entre sectores cidadáns que votan maiormente ás esquerdas e son as esquerdas, ate agora, as máis prexudicadas por eses movementos que, de momento, provocan máis abstencionismo e dispersión que alternativas posíbeis.


Nese sentido, oxalá a irrupción con forza da nova Alternativa Galega de Esquerda, a pesar da súa configuración apresurada, non sexa un simple espellismo, derivado dos destelos da personalidade de Beiras, e sirva para dinamizar o panorama da esquerda en Galicia e, de rebote, no resto de España. Pero a verdade é que, no panorama europeo actual, as alternativas á crise desde a esquerda brillan pola súa ausencia e ate as esperanzas de recuperación impulsadas polo socialismo francés –como mínima corrección á austeridade unidireccional– parecen murcharse antes de florecer.


Pódese sentir satisfeita a dereita da súa hexemonía no panorama desértico que vai debuxando a crise, tras laminar as conquistas sociais que dificultaban o aumento descontrolado dos beneficios especulativos. E pode prepararse a esquerda para unha travesía do deserto, na que terá que trazar novas sendas e novas metas, se quere subsistir como opción racional de solidariedade nese futuro de desigualdades que se está a construír sobre a desmoralización colectiva.