José Luis Gómez |
A iso débese que o presidente do Goberno anunciase no Congreso un paquete de duros axustes económicos, que comprende: elevar tres puntos o IVE xeral do 18 ao 21%, eliminar a paga extra de Nadal aos funcionarios para este mesmo ano e numerosos recortes adicionais ata alcanzar os 65.000 millóns de euros de aquí a 2014. Unhas restricións históricas que o líder do PSOE propón reconducir a un plan consensuado coa Oposición, os sindicatos e os empresarios.
Todo parece indicar que, tras estas novas medidas de axuste, España asómase a unha profunda recesión, que podería prolongarse ata mediados do ano que vén; é dicir, o PIB caerá este ano máis do previsto e seguirá caendo en 2013, en contra das previsións que viñan barallando. Xa o recoñece ata o presidente do Goberno. O horizonte da crise de 2008 amplíase; poida que ata completar un ciclo de polo menos dez anos.
España produce agora o mesmo que fai cinco anos pero destruíu uns tres millóns de empregos e ten que soster a dous millóns máis de persoas. A diferenza de España, outros países xa recuperaron o perdido na recesión. Que lle impide a España, de novo abocada a outra caída do PIB, seguir o ritmo de recuperación países como Alemaña ou Estados Unidos? Entre outras cousas, a falta de competitividade e a súa elevada débeda, sobre todo a privada, que se multiplicou por tres na década do 2000. De feito, o problema máis grave en España non é o déficit, nin a débeda pública: o é a débeda privada e o seu desequilibrio comercial e financeiro, porque todo o demais, incluído o paro e o déficit do Estado, é unha consecuencia da falta de actividade económica.
Semellante aumento do endebedamento de empresas e familias e, como resultado, dos bancos e as caixas tivo que ver coa abundancia de liquidez en pleno boom inmobiliario, o descenso dos tipos de interese e a escasa percepción do risco. Agora, volver á normalidade consumirá anos, probablemente uns cinco, polo que ata o 2015 ou 2016 non se alcanzará un nivel normal de débeda, coa repercusión negativa que iso ten en termos de investimento e de crecemento. En resumidas contas, antes de volver investir haberá que pagar o moito que se debe.
>Conclusión: sairá a España de Rajoy da crise? Si, pero vaino facer amodo, cunha taxa de desemprego elevada e unha paulatina redución salarial, salvo en sectores moi competitivos ou privilexiados. Como di o xornal El País, o que toca agora é terapia de choque europea para España.