O rescate da banca española si ten contrapartidas macroeconómicas, e por anticipado. De feito, o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, xa asumiu que o Goberno subirá o IVE. A este incremento fiscal 'impopular', sumarase un recorte do emprego público mediante o aumento das horas de traballo dos funcionarios. Son algunhas das medidas que esixe Bruxelas como contrapartida ao rescate bancario e á prórroga dun ano para cumprir o obxectivo de déficit público, de modo que España obterá un punto de déficit extra este ano: o 6,3% do Produto Interior Bruto (PIB), fronte a un 4,5% en 2013 e un 2,8% en 2014. Na capital comunitaria especúlase ata cunha nova reforma das pensións e máis recortes ás prestacións por desemprego. As dúbidas, inquietantes, pronto se despexarán.
A actual política europea conduce a España a unha penosa depreciación interna, que só se atenuará se cambian os criterios restritivos do Banco Central Europeo (BCE) e da propia Unión Europea (UE). O que non cabe é esperar milagres, por moito que empece a chegar este mesmo mes o rescate bancario. Todo parece indicar que, tras estas medidas, España asómase a unha profunda recesión, que podería prolongarse ata mediados do ano que vén; é dicir, o PIB caerá este ano máis do previsto e seguirá caendo en 2013, en contra das previsións. O horizonte da crise de 2008 amplíase, poida que dure ata completar un ciclo de polo menos dez anos.
No medio de tanto axuste orzamentario custa dicirlle á xente que, por riba, debe baixarse o soldo, pero se España segue no euro non haberá outra saída que esa para que o país recupere a súa competitividade. A teoría non é de ningún neoliberal. É do premio Nobel Paul Krugman, que a expón con toda a súa crueza no seu último libro "Acabade xa con esta crise". Sen marxe para devaluar, só queda a depreciación interna.
O presidente Mariano Rajoy pode ter razón cando explica que hai que facer deberes dentro, pero tamén sabe que sen Europa o país non sairá á boia. Dio tamén Krugman: a esencia do problema español -de onde provén todo o demais- é a necesidade de reaxustar os custos e os prezos. A burbulla inmobiliaria non só elevou os prezos dos inmobles para terminar facendo cachizas os balances dos bancos, senón que tamén provocou un considerable aumento de prezos e soldos en relación coas economías centrais de Europa, léase Alemaña e Francia. E se agora toca recortar prezos e salarios, hai que devaluar o país, a falta dunha moeda que poder devaluar, que é o que proporía Milton Friedman nun caso como este.