Non están a facer a revolución, aínda que algunhas imaxes da represión contundente montada polo Goberno (e a non menos contundente defensa dos mineiros) puidesen suxerilo, sobre todo aos que non coñezan en detalle as imaxes que se poden rexistrar nalgunhas revolucións. Non son tempos estes de folga xeral revolucionaria, como a convocada por UXT en outubro de 1934, cando a entrada no goberno da República dunha forza política que non prestara acatamento á Constitución –a Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA)– foi considerada o preludio dun golpe fascista (como os que xa se produciran noutros países europeos, por métodos e con discursos semellantes). A división socialista sobre a convocatoria e a falta de apoio dos cenetistas frustrou a folga en toda España, coa excepción de Asturias, onde si houbo unidade e os mineiros quedaron sos fronte a todo o aparato represivo despregado polo goberno de centro-dereita, baixo a dirección de Francisco Franco, que tivo a oportunidade de ensaiar as tácticas de represión que máis adiante desenvolvería con frialdade sistemática durante e despois da guerra civil.
Tampouco é como a “huelgona” de 1962, na que os mineiros asturianos plantaron cara ao réxime franquista durante cinco meses para protestar polas miserábeis condicións laborais e salariais. Contra os abusos policiais deron entón a cara, quizais por primeira vez no réxime franquista, 102 intelectuais (profesores, escritores, artistas… ) españois e residentes en España, nunha carta colectiva na que se pedía información pública sobre varios casos concretos de persoas torturadas (algunha ate a morte). A carta ía dirixida ao entón ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga Iribarne, que contestou coa arrogancia e displicencia que o caracterizaba. Polo menos –e iso entón era todo un progreso–, fixo públicas na prensa tanto a carta dos intelectuais como a súa contestación.
Nestes días, a loita sempre épica dos mineiros (non só de Asturias: tamén de León, Palencia, Teruel… ) ten un obxectivo máis modesto: que o Goberno cumpra o acordo –que dera por bo en febreiro deste ano– de recortar só un 10 por cento, con respecto ás recibidas no 2011, as axudas programadas para o sector da minería do carbón, dentro do proceso de eliminación das axudas a este sector, que deben desaparecer por completo na Unión Europea no 2018. Nos orzamentos xerais do Estado, eses que reservou ate despois das eleccións andaluzas, o Goberno decidiu suprimir o 63 por cento das axudas, o que pode provocar o cerre da inmensa maioría das empresas mineiras, que dan emprego a uns 13.000 traballadores, ademais da repercusión na economía xeral de comarcas que viven exclusivamente desta actividade e nas empresas eléctricas con centrais térmicas alimentadas con carbóns nacionais, que necesitarían realizar axustes técnicos para operar con outra clase de carbón.
A drástica redución das axudas rompe o ritmo de reconversión das empresas mineiras, que confiaban acadar, pouco a pouco, a dimensión axeitada que as fixera rendíbeis aproveitando as novas subidas de prezos do carbón no mundo, provocadas polo crecemento dos países emerxentes, sobre todo China, e que revaloriza as explotacións mineiras europeas que se daban por non competitivas. Despois de todo, os recursos enerxéticos son limitados e un forte e progresivo aumento do seu consumo pode ir facendo de novo rendíbeis ate os máis custosos.
Non están, desde logo, a facer a revolución, pero os mineiros están a levar a cabo a protesta máis dura contra as políticas de sufrimento e recortes aparentemente indiscriminados (en realidade, orientados cara aos máis débiles). Da habilidade do Goberno na xestión deste conflito (a ate agora parece máis ben escasa) dependerá que sexa o principio dunha nova actitude cidadá que non se resigne a que paguen sempre os mesmos.