martes, 24 de julio de 2012

Esta Europa, non. - Antonio Campos Romay

Antonio Campos Romay
Europa, berce de dereitos  e  liberdades, de solidariedade  e de conquistas  sociais cada día que pasa mostra un presente máis túzaro e anuncia ás  xeracións que haberán de seguirnos un escenario de inxustiza e penuria que criamos xa resolto tras centenarias e cruentas vicisitudes. Tanto coma a suicida irracionalidade cíclica dunha Alemania que produce desconcerto e desacougo.


Un escenario empedrado polos efectos perversos da burbulla inmobiliaria, os danos ao ecosistema para beneficio privado, o empobrecemento crecente, a fractúra no acceso ao saber e o coñecemento, a insolidariedade norte sur que descontáramos superada,  o esquecemento do compromiso social dunha economía sumisa ao ditado de cacareados  indicadores económicos e gurús de poderosos lobbys de investimento...Tras a venda dunha tremoia de credibilidade, tecnocracia e profesionalidade atrincheiranse estafadores, caloteiros e farsantes que amparados nunha economía globalizada de xeito temerario son quen de someter ao continente nunha operación concordada sen precedentes.


A Europa que forxou soños e esperanzas, segue desnortada nun interminable proceso de construción que cada vez mostrase mais espurio e carente de coherencia coas expectativas espertadas. As perdas de soberanía dos estados membros non foron para amalgamar socialmente o proxecto senón para abrirlle as portas aos manexos das grandes corporacións globalizadoras da man dos seus lacaios locais. O poder real aglutinase en círculos escuros alleos ao control cidadán convertido en mera caricatura do estado de dereito. Lonxe quedan verbas coma as do presidente Franklin D. Roosevelt “debemos escoller o camiño da xustiza, o único que pode conducirnos cara a unha mellora permanente da nosa civilización, a senda que habemos de mostrar aos nosos fillos”. E desde logo as súas reflexións ante “A Gran Depresión”: “A magnitude da recuperación depende da medida en que apliquemos valores sociais máis nobres que o mero beneficio económico”.  Pola contra, cando na Europa merkeliana e o seu portavoz particular, o Sr. Rajoy, alporizanse clamando contra o déficit como cancro da moi utópica unión, faise máis  sonoro o seu silencio ante o déficit democrático que asoma descarnado segundo profúndase a crise actual.


Temos un Europarlamento cuxa actividade máis significativa foi votar por unha maioría impúdica de conservadores de dereitas (“populares”) e conservadores de esquerda (“socialdemócratas”) que os seus membros sigan viaxando en clase preferente. Unha Cámara cuxa biografía mostra non só a súa ineptitude para controlar o que  presumese o goberno comunitario, a Comisión Europea, senón que é cómplice da ausencia dunha Europa social capaz de contribuír á supremacía dos cidadáns ou evitar o monopolio do capitalismo especulador e as multinacionais sobre a Unión. As súas euroseñorias, - pouco señorío e moita desvergoña-, son convidados de pedra ante a crise profunda dunha Europa que degrada o acerbo social que imprimiu carácter a súa fundación ante os intereses da Europa dos feirantes.  Nos seus fuciños perpétrase o latrocinio e a depredación de especuladores que cabalgando a lombos dunha  crise xerada por eles mesmos dinamita os alicerces do estado de benestar alegando unha carencia de recursos, que foron devorados pola súa cobiza insaciable...


Hipotecase o futuro. A educación e a cultura. A sanidade. As prestacións sociais.  Dereitos, ilusións e esperanzas sacrifícanse na pira dun capitalismo salvaxe florecido dunha desregulación delictiva e dunha ideoloxía ultraliberal que creba a cohesión social que proporciona  a clase media e o mundo do traballo engulidos por unhas medidas que á vez que calamitosas son insolidarias. É un golpe de estado perfectamente orquestrado, aforrando o mal gusto dos tanques nas rúas, utilizando a economía para impoñer a dictadura ideoloxíca dun modelo de sociedade alleo ás nosas tradicións e conquistas sociais. 


Falecen baixo as súas botas os principios  de Liberdade, Igualdade e Fraternidade, que son columna vertebral da democracia. Que se reflicten no artigo 1º da Declaración Universal dos Dereitos Humanos cando proclama  “Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos e, dotados como están de razón e conciencia, deben comportarse fraternalmente os uns cos outros”. 
A situación actual suscita unha severa esixencia de rediseñar eticamente o  sistema económico e a democracia común. Urxe recuperar os valores esenciais que lle deron razón ser.