lunes, 4 de junio de 2012

O pais das Is - Antonio Campos Romay

Antonio Campos Romay
Alguén definía este país como o das Is. Da Indignación explosiva da mocidade que inunda as rúas e campa nas prazas. Da indignación dos mais mesurados co cabreo contido de moitas loitas sobre o lombo que semellan perdidas. Dos que reflexionan en códigos éticos coa integridade moral dun Sampedro ou dun  Hessel.  Da Impotencia dos que vense faltos de mecanismos para corrixir a deriva vergoñenta e reaccionaria que invade a sociedade coa coartada dunha crise a que son alleos. Impotencia por ver siglas que reclamándose de esquerda mesmo diputan o centro dereita aos nativos de tal espazo. De ollar uns sindicatos que se atopan na encrucillada cunha maquinaria que ameaza quedarse obsoleta. Impotencia ao ver coma se dilapidan as esperanzas dun futuro razoable trituradas por unha maquinaria infernal e todopoderosa.  Indiferenza, que casaría con Impunidade. A Indiferenza fatalista de quen escolle ignorar os cantos ladroeiros dos que róubanlle as ilusións primeiro e os cartos despois agochándose na Impunidade. A Indiferenza diante das ofertas de moitos dos políticos ao uso que como os presuntos agasallos dos bancos rematan en ser un caramelo envelenado. Indiferenza diante dunha clase política que convirte o epidérmico en pelexa de galos e o hipodérmico na heráldica Fernando-Isabelina, tanto monta, monta tanto. Indiferenza nada da impotencia para actuar pechados por unha coiraza legal que avala unha xustiza “igual para todos” en parámetros borbónicos, que permite que todo tipo de desvergoñados campen libremente ríndose da miseria dos mais, incluso permitíndose  campanudos discursos. Inanidade, dun goberno que fai todo o contrario do que comprométese a facer. Que tendo un importante respaldo cidadán é absolutamente minguante nas súas actuacións facendo deixacion dos máis elementais compromisos cos intereses nacionais ante as súas divisións internas á hora de  afrontar solucións en momentos dramáticos. Son fútiles, triviais e insignificantes no plano internacional, antepoñendo a ideoloxía en cada un dos seus actos.

Indignación, impotencia, indiferenza, impunidade, inanidade e o que sofre unha cidadanía sometida ao permanente bombardeo de cifras e datos para asoballala e amedrentala. Unha sociedade que ten que asimilar unha serie de termos que lle eran alleos. “Prima de risco”, debida soberana, FROB, flutuación do IBEX, eurobonos, interese diferencial, rescate da banca, e unha interminable ringleira mais a que hai que engadir nomes propios. Na transición os nomes a lembrar teimosamente eran os dos mandos do exercito. Hoxe eses nomes corresponden a especuladores, ladróns de luvas brancas, falsos profetas do becerro de ouro, e alquimistas inversos convertedores dos cartos produto do traballo en bonos lixo. Falase de miles de millóns de euros coa estúpida frivolidade de quen mais que apelidarse De Guindos semella querer facernos caer “do guindo” cada vez que fala. Mentres, o cidadán que contaba por euros  agora faino por céntimos, tal como debera ser si o tal Rato que roeu Bankia houbera feito a pedagoxia correcta. Como ministro con moreas de louvanzas que parece difícil decatarse a que correspóndense, meteunos de xeito insensato e absoluta indefensión dos consumidores nesa moeda que escaldou décadas os noso petos cunha brutal inflación tácita que inda hoxe non superamos.

O tal Rato e o seu xefe Aznar,  deixaron unha herdanza non das boaventuras que predican os seus seareiros. Nunha contorna económica mundial propicia, a burbulla inmobiliaria de Rato-Aznar foi un sinistro espellismo que tradúcese en construír moito mais do que era posible absorver pagando o dobre polo que apenas valía a metade. A herdanza son millóns de parados que o único que fixeron na súa vida é poñer ladrillos, millóns de pisos que non se venderán, e insondables buratos do sector financeiro que contribuíu a desfeita. No resto do mundo soñábase con emular a Bill Gates, pero Rato vendíalle aos españois o sono dourado de ser “poceiros”…Aznar que agora defende a Rato co todo ou seu aparello de poder, pois poñendo en solfa a Rato ponse en corentena o seu “milagre” económico, a diferenza  do resto dos presidentes da democracia saíu do poder sen elegancia e rematou sendo ou faime-rir da a prensa nacional e internacional acumulando dislates e deixando un herdeiro, que nin está ni se lle espera.

Escoitase falar de miles de millóns con total impudencia  mentres a maioría das xentes  con escasos mil euros teñen que rematar o mes. Iso os privilexiados. Por primeira vez  desde a guerra civil xurde esa figura xurídica recollida en moitos códigos penais como “roubo famélico”. Algo que ten a súa orixe na desigualdade da sociedade e no inxusto reparto da riqueza e que constitúe en moitos países unha excluínte de responsabilidade penal entendendo que non hai que ver unicamente un comportamento delituoso nunha actuación cuxa causa é a deriva cara a un inhumano sistema social, que comporta marxinación social, económica, cultural e política.