lunes, 4 de junio de 2012

Indicios de reincidencia especulativa - Xosé A. Gaciño

Xosé A. Gaciño
Xa estamos máis ou menos resignados a que a saída da crise, polo menos a que se está intentando na Unión Europea, consiste en volver á mesma situación que a provocou, sen máis retoques que diminuír o máximo o gasto público e os salarios dos traballadores, o que supón unha dura travesía do deserto que ninguén sabe cándo vai rematar. Estamos resignados, claro, porque, se vote a quen se vote (e os gregos terán ocasión de comprobalo despois da próxima repetición dos seus comicios), parece que non vai haber maneira de facer saltar a táctica defensiva do equipo gobernante alemán (que, seguindo co símil futbolístico, debe de pensar que, despois de todo, na última Champions League se impuxo o xogo destrutivo do Chelsea fronte ao xogo creativo do Bayern, e despois de eliminar previamente ao máis creativo de todos, o Barcelona). 

En España, onde a crise xeral destapou unha crise particular que trataban de disimular os banqueiros e os gobernantes, parece que tamén imos ter que resignarnos a tropezar na mesma pedra, ou, para ser máis exacto, no mesmo ladrillo. Xa empezara o ministro de Agricultura e Medio Ambiente, anunciando, na súa primeira comparecencia parlamentaria para expoñer as liñas principais da súa xestión, unha reforma da lei de costas nun sentido máis permisivo. Continúa agora o Ministerio de Fomento co estudio dunha amnistía urbanística coa que se legalizaría a situación de decenas de miles de vivendas ilegais (en xaneiro pasado, o goberno autonómico andaluz creou a figura do “recoñecemento xurídico” para dar un certo estatus legal a unhas trescentas mil vivendas en situación irregular, ou sexa, que non é unha tentación exclusiva da dereita).


Paralelamente, empezan a rexurdir proxectos urbanísticos na costa, como o aprobado a finais de maio polo concello gaditano de Tarifa (cos votos favorábeis do PP gobernante e do PSOE opositor) para construír 350 vivendas e 1.423 prazas hoteleiras no entorno da praia de Valdevaqueros, unha praia practicamente salvaxe no parque natural do Estreito, ocupada case exclusivamente polos practicantes de windsurf. Fracasado hai tres anos un proxecto similar, noutra praia do mesmo concello, pola creba da promotora, volve insistirse no modelo para saír da mesma crise que fixo abortar o anterior intento.


E non é que o sector da construción teña que desaparecer despois do estoupido da burbulla inmobiliaria, pero parecería lóxica unha reorientación dos seus obxectivos. Volver ao modelo de ocupación urbanística dun litoral xa máis que saturado parece unha aposta temeraria pola repetición da especulación e da burbulla. Como resulta un sarcasmo contra a xente que cumpre coa lei a posibilidade de que se decreten amnistías (fiscais ou urbanísticas) para bendicir irregularidades e fraudes, mentres se executan máis de cen desafiuzamentos ao día a persoas castigadas polos despedimentos. Un sarcasmo, sobre todo, porque a decisión partiría de políticos aos que se lles enche a boca falando de seguridade xurídica (cando afecta aos seus intereses, claro).


Con estes indicios de reincidencia especulativa, non resulta estraño que os bancos se resistan a contabilizar como perdas as vivendas e os solos que teñen acumulados nos seus “activos tóxicos” (como trata de facer Rodrigo Rato para defender a súa xestión en Bankia), ou que non lle busquen saída con baixadas radicais dos prezos (como en Estados Unidos e en Irlanda, onde baixaron sobre un cincuenta por cento, desde o 2007, mentres en España non se pasou do 25 por cento nese mesmo período, e cun millón de vivendas baldeiras), á espera de que volvan subir.


Xa sabemos que a tensión entre oferta e demanda, que está na base do único sistema económico existente, é un mecanismo perfectamente manipulábel polos que dominan determinados resortes do poder financeiro.