Xesús Veiga |
É certo que nos países do “socialismo real” os fracasos e a corrupción das elites dirixentes foi acompañada dunha perda de confianza tan invisíbel como profunda no seo das sociedades daqueles Estados do leste de Europa.Poren, na crise actual do capitalismo semella existir –polo momento- mais desconfianza no interior do “establhisment” dominante que nas maiorías sociais que habitan nos territorios do Primeiro Mundo. É unha evidencia que a “contabilidade creativa” anulou unha boa parte da transparencia empresarial e que as axencias avaliadoras perderon practicamente a súa credibilidade a partir do estoupido das “hipotecas lixo”. Pero falta saber cal é o tempo de maduración da desconfianza social e a dimensión do seu eventual impacto na esfera política.
Os dirixentes gobernamentais aceitaron ser mais espectadores que actores no gran casino económico das últimas décadas.Algúns nin sequera tiveron complexos para asumir o papel de dar tabaco aos que protagonizaban as apostas principais. Mentres as cifras macroeconómicas do PIB, das taxas de desemprego, dos tipos de xuro ou da inflación non ameazaban as expectativas da contabilidade electoral, non existían razóns para pensar nun eventual cambio de función na mesa do xogo. Agora, metidos no pozo dunha crise non prevista e de saída incerta, aparece a temida conclusión:dado que os banqueiros e demais familia financeira non se presentan ás convocatorias electorais, son os dirixentes políticos os que sofren a lóxica indignación dos sectores sociais que están padecendo os impactos da desfeita económica.
Por se non era suficiente, a desconfianza instalada na cidadanía recibiu un alimento inesperado co escandaloso episodio das singulares viaxes de Carlos Dívar. Que o propio presidente do Tribunal Supremo non sexa quen de asumir as consecuencias dun comportamento incompatíbel coa ética que debe presidir o labor dos cargos institucionais, revela o preocupante deterioro no que se atopa hoxe o sistema democrático español. O poder xudicial debería proporcionar un clima de confianza que neutralizase a desafección que se rexistra en amplos sectores sociais ante os efectos demoledores da crise económica. O caso Dívar representa unha grave ruptura nesa lóxica e require, xa que logo, unha inmediata dimisión que permita recuperar unha mínima esperanza na rexeneración democrática.