Xosé A. Gaciño |
Fora tamén por maio do 2010 cando Grecia tivo que aceptar o seu primeiro rescate. En novembro do mesmo ano caeu Irlanda e, en abril do 2011, Portugal. Todos seguen con dificultades e sen horizontes de esperanza, pero é Grecia quen se leva a palma do caos económico, con intervencións da “troika” (Comisión Europea, Banco Central Europeo e Fondo Monetario Internacional) non só na disciplina fiscal e orzamentaria, senón na mesmísima política interna: impedíronlle ao goberno convocar un referendo sobre un segundo rescate, forzaron a dimisión do primeiro ministro para substituílo por un tecnócrata e agora premen á opinión pública grega anunciando terríbeis catástrofes (máis aínda?) se saen elixidos os que queren renegociar os disparatados plans de rescate que están afogando aos cidadáns daquel país.
Naquel maio sinistro, Rodríguez Zapatero recoñeceu, ante o pleno do Congreso no que anunciou a rendición, que o facía obrigado polas circunstancias, non por convicción. Comentouse despois que aquel xiro do keynesianismo á ortodoxia ultraliberal –asumido tras as presións da UE, do FMI e ate do keynesiano Obama– evitara o rescate.
Aproximadamente dous anos despois, neste 2012 das nosas inquedanzas, volveron repetirse as presións, da Unión Europea, do FMI (que presentou un informe urxente con nocturnidade e aleivosía) e outra vez Obama (necesitado de que Europa lle bote unha man na economía para asegurarse a reelección). O das presións é o que se di en todos os ámbitos informados de poder, excepto en La Moncloa (que quizais xa non é ámbito de poder), onde o seu inquilino actual afirma que foi el o que premeu. Neste caso, as presións non foron para que o goberno español recortase (que xa leva dous anos de recortes progresivos, cun presidente ou con outro), senón para que pedise o rescate que permita recapitalizar un sector financeiro que hai catro anos merecía as bendicións do propio FMI (e as loanzas desmesuradas de Rodríguez Zapatero) e que hoxe se descubre gravemente tocado polo peso do ladrillo que non é capaz de asimilar.
Para fuxir da imaxe de país rescatado e tras verse obrigado a comparecer publicamente, Rajoy cambiou o seu catastrofismo intimidatorio habitual por un novo optimismo conxuntural, non xa para falar dunha sorte de rescate “brando”, sen condicións adicionais á simple devolución do diñeiro (porque xa se fixeran antes os deberes, que é outra das súas frases favoritas), senón para negar a mesma condición de rescate e referirse á simple apertura dunha liña de crédito. Pero de pouco serviu a maquillaxe nun mundo de información global. E de nada, por suposto, ante as suspicacias crónicas dos implacábeis mercados.
Neste caso, volveuse caer nas mesmas torpezas que o BCE atribuíu ao goberno español no caso Bankia: tomaron e anunciaron a decisión, pero deixaron para máis adiante os detalles e son as dúbidas sobre os detalles as que inquietan aos mercados (e aos outros países rescatados, que empezan a falar de agravios) e empezarán a inquietar aos propios cidadáns españois, a medida que vaian desmaquillando a fachada optimista do Goberno. Inquedanza xeral quizais necesaria para que as institucións europeas reaccionen en contra da súa propia política suicida de alimentar pozos sen fondo.
Oxalá os resultados das eleccións do próximo domingo en Francia e Grecia contribúan a ese cambio.