José Luis Gómez |
Rajoy pode ter razón cando explica que hai que facer deberes dentro, pero sen Europa o país non sairá á boia. Dio tamén Krugman: a esencia do problema español -de onde provén todo o demais- é a necesidade de reaxustar os custos e os prezos. A burbulla inmobiliaria non só elevou os prezos dos inmobles para terminar facendo cachizas os balances dos bancos, senón que tamén provocou un considerable aumento de prezos e soldos en relación coas economías centrais de Europa, léase Alemaña e Francia. E se agora toca recortar prezos e salarios, hai que devaluar o país, a falta dunha moeda que poder devaluar, que é o que proporía Milton Friedman nun caso como este.
Sairá España da crise? Si, pero faráo amodo, cunha taxa de emprego elevada e unha paulatina redución salarial, salvo en sectores moi competitivos. E que fará Europa? Se quere manter o euro, é dicir, ter unha moeda e unha economía regulada como a estadounidense, necesitará unha integración fiscal e corrixir a falta de mobilidade laboral dentro da UE, de modo que todo iso lle permita emitir eurobonos e facer políticas comúns na eurozona, sen mirar só á inflación, como fai agora o BCE, senón tamén ao crecemento e o emprego.
Son ideas que tamén se desprenden do libro 'Acabade xa con esta crise', de Krugman. En realidade, non é novo o que escribe agora este premio Nobel. A mediados de 2010, xa constataba en El País que estabamos nas fases iniciais dunha terceira depresión, que comparaba nada menos que coa Longa Depresión do século XIX, á vez que advertía de que recortar drasticamente o gasto en metade dunha depresión era -e segue sendo- realmente autodestructivo. Acertou.